escoftálmido -da

escoftálmido -da

(< lat científico Scophtalmus)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos escoftálmidos.

  2. s m [ANIMAL/ICT]

    Peixe da familia dos escoftálmidos.

  3. s m pl [ANIMAL/ICT]

    Familia de peixes, da orde dos pleuronectiformes, de corpo moi comprimido e asimétrico, que repousan sobre un lado do seu corpo nos fondos mariños. Presentan os dous ollos no lado esquerdo do corpo -o ollo superior por riba ou por detrás do ollo inferior-, a boca no extremo da cabeza e os orificios nasais asimétricos. A liña lateral está presente en ambos os dous lados do corpo e o ano sitúase á altura das aletas pectorais. O flanco esquerdo ten unha coloración críptica de tons acastañados areosos, semellantes aos fondos onde vive, mentres que a parte dereita non está pigmentada. As aletas dorsal e anal son moi longas e a base das dúas aletas pélvicas ten a mesma lonxitude. Estes animais bentónicos nadan por ondulación e permanecen a maior parte do tempo enterrados nos fondos areosos, dos que só sobresaen os ollos moi elevados; cazan á espreita. A familia está composta por especies de grande importancia económica denominadas popularmente curuxos, meigas, ollóns, rapantes e rodaballos.

Palabras veciñas

escodar | escódega | escofar | escoftálmido -da | Escohotado Espinosa, Antonio | Escoiquiz, Juan de | escoirar