Escola Dramática Galega, Concurso de teatro breve da

Escola Dramática Galega, Concurso de teatro breve da
[ESPECT]

Premio á creación dramática convocado en 1979 pola Escola Dramática Galega, co obxectivo de promover a aparición de novos textos dramáticos de pequena extensión que abrisen novas portas para todos aqueles que estaban interesados en facer teatro. Ao mesmo tempo, facilitáballes a escrita a autores novos que ata o momento non publicaran texto ningún e tiñan aquí a posibilidade de darse a coñecer. Dende o ano 1979 premiáronse as obras: Lenda antiga do home que quererá voar, de Constantino Rábade Castiñeira (1979); A tertulia das máscaras, de Miguel Anxo Fernán-Vello (1981); A extraña señorita Lou, de Miguel Anxo Fernán-Vello (1982); O pauto, de Xesús Pisón (1983); A noite das noites, de Henrique Rabuñal (1984); Auto insólito do autor, de Miguel Anxo Fernán-Vello (1985); Paixón de Antía, de Antón R. Castro (1986); Como cartas a un amante, de Imma António Souto (1987); Traxicomédia do Pai Ternoster e unha pastora lusitana chamada Viriata, de Xosé Luís Martínez Pereiro (1988); As águas mudas, de Imma António Souto (1989); A desforra, de Joel R. Gómez (1990); e A actriz, de Lino Braxe (1992).