Escuadra Galega

Escuadra Galega

Forza naval constituída en Galicia en tempos de Filipe IV (1621-1665) para a protección e defensa das costas galegas. O incremento dos ataques corsarios, principalmente de piratas ingleses e holandeses, obrigou ao Reino de Galicia a formular unha petición ao rei para a construción dunha escuadra naval; esta presentouse en 1621 xunto con outra que tiña como obxectivo a compra do voto en Cortes para o reino. Ambas aprobáronse un ano máis tarde e combináronse de tal xeito que o Reino de Galicia tivo que pagar 150.000 ducados para obter o dereito de voto a cambio da utilización dese diñeiro para a construción da escuadra. A Xunta do Reino encargou a Xoán Pardo Osorio, cabaleiro da orde de Santiago e alcaide do castelo de Santo Antón, a construción dos primeiros catro navíos nos estaleiros de Ribadeo. A constitución da escuadra non foi posible ata 1633 e constou dun total de oito navíos. Nomeouse como primeiro almirante a Xoán Pardo de Osorio e como xeneral do exército que a acompañaba a Andrés de Castro. O inicio das hostilidades marítimas na guerra contra Flandres e Francia, levou en 1636 á súa integración na flota española que foi decimada en Dover en 1639.

Palabras veciñas

escrutinio | escuadra | Escuadra | Escuadra Galega | escuadrar | escuadrilla | escuadro