Eslovenia

Eslovenia
Nome científico: [esloveno: Republika Slovenija]

Estado de Europa suroriental que limita ao N con Austria, ao NL con Hungría, ao S e SL con Croacia, ao O con Italia e ao SO co Mar Adriático (20.273 km2; 1.990.154 h [2000]). Esténdese entre os 47° e 45° de latitude N e os 13° e 17° de lonxitude L. A capital é Ljubljana.
Xeografía física
O seu relevo é moi montañoso, con macizos e altiplanos separados por fosas tectónicas, cunha estéril meseta calcaria no sector oriental, atravesada por amplos vales. Ao NO, nos Alpes Xulianos, está o cumio máis elevado, o monte Trigla, que acada os 2.863 m de altitude. A fronteira setentrional fórmaa a cadea montañosa de Karawanken, que se estende en dirección NO-SL. A rede hidrográfica articúlase na súa maior parte a partir da conca do Danubio; destacan os ríos Drava, Sava e Mur. O seu clima é continental con veráns cálidos e temperados e invernos fríos, máis moderados na meseta. Na estreita franxa costeira o clima presenta características mediterráneas. A flora é tipicamente mediterránea, o mesmo ca a fauna, na que salienta a presenza de grandes vertebrados como o lobo, o oso e o lince europeo.
Xeografía económica

Economía
Antes da súa independencia, Eslovenia era a máis próspera das repúblicas iugoslavas; sen embargo, a guerra en Bosnia-Herzegovina afectou moito á economía do país, que, malia non verse directamente involucrada nos combates, sufriu as consecuencias do empobrecemento dos seus veciños e da desarticulación do mercado interior que conformara con eles. O PIB por habitante foi en 1992 de 6.052 $ USA, feito que supuxo un descenso con respecto ao ano anterior de 2.604 $ USA. O cesamento da guerra a finais de 1995 permitiu o inicio da recuperación, de xeito que en 1999 o PIB per cápita subiu ata os 9.780 $ USA. A produción industrial tamén descendeu por mor do conflito, e así caeu un 13% entre 1991 e 1992. O comercio internacional e o turismo víronse afectados. O goberno adoptou unha serie de reformas que favoreceron a liberalización do mercado e do sistema bancario. A sólida infraestrutura e unha man de obra cualificada axudaron a cambiar a tendencia negativa da economía. A produción industrial creceu un 4,7% en 1993 e o desemprego descendeu lentamente (en 1999 acadou o 7,4%). A poboación activa era en 1999 de 963.000 persoas e a inflación, do 6,6%. A moeda oficial é o tolar esloveno.
Recursos e sectores de actividade
As actividades terciarias constitúen o sector que maior porcentaxe achega ao PIB esloveno (o 58% en 1998) e tamén o que emprega máis traballadores (51%). Dentro deste sector servicios, o turismo ocupa un lugar destacado (recibiu case que un millón de visitantes en 1998, que deixaron 1.117 millóns de $ USA), pois a súa oferta combina as praias da estreita franxa costeira na beira do Adriático, a posibilidade de practicar deportes de inverno en estacións alpinas como a de Kranjska Gora ou o aproveitamento de baños termais no interior. O sector secundario representa o 38% do PIB (1998) e dálle traballo a unha porcentaxe equivalente dos ocupados. Posúe xacementos de lignito, cinc, mercurio e prata. Case que a terceira parte da produción enerxética procede da central nuclear de Krško, propiedade común de Croacia e Eslovenia. Entre a produción industrial destacan os sectores de electromecánica, maquinaria, metalurxia e química. A explotación dos bosques, que cobren máis da metade do territorio esloveno (53,2%), é un recurso importante e deu orixe a unha considerable industria derivada (mobles e papel). En conxunto, o sector agropecuario proporciona só o 4% do PIB (1998) e emprega o 11% dos traballadores. Destacan a produción láctea do gando bovino e a cría de porcino, xunto co sector forestal.
Comercio exterior
O comercio exterior presenta uns resultados negativos para a balanza comercial en termos xerais: as importacións suman un valor de 10.111 millóns de $ USA (1998), mentres que as exportacións só alcanzan o 90% desa cifra (9.051 millóns de $ USA). En 1991 as exportacións acadaron un valor de 8.733 millóns de $ USA, pero, por mor das guerras balcánicas, descenderon a 6.828 millóns de $ USA en 1994. A estabilización da rexión a finais de 1995 favoreceu a recuperación do comercio xa ese mesmo ano, cando superaron os 8.300 millóns de $ USA, nivel no que as exportacións permaneceron estancadas ata 1998, cando superaron os 9.000 millóns de $ USA. O seu principal cliente é Alemaña, que tamén é o seu maior provedor. As importacións alemanas, cuantificadas en 2.089 millóns de $ USA (1998), representan o 20,6% das compras eslovenas do exterior, nunha relación claramente favorable a Eslovenia, pois as súas exportacións a Alemaña cífranse en 2.571 millóns de $ USA e significan o 28,4% das vendas do país (1998). Outro socio co que mantén unha relación claramente positiva é Croacia, o seu terceiro cliente, cunhas exportacións por valor de 815 millóns de $ USA (9% das totais), e o seu quinto provedor, cunhas compras que apenas representan a metade dese valor (431 millóns de $ USA) e só o 4,3% das totais do país. O segundo socio de Eslovenia é Italia, coa que mantén unha relación claramente deficitaria, pois mentres as vendas italianas a Eslovenia suman 1.696 millóns de $ USA, as vendas eslovenas a Italia quedan en 1.255 millóns de $ USA. Francia é o seu terceiro socio comercial, co 12,4% das importacións e o 8,2 das exportacións. As principais materias de exportación son a maquinaria e os medios de transporte -que supoñen case que un terzo das vendas- e os produtos químicos (9,6%), mentres que os combustibles e os produtos manufacturados constitúen as principais partidas de importación.
Transportes e comunicacións
En termos xerais, as infraestruturas de comunicación eslovenas pódense considerar eficientes. A rede de estradas suma 20.128 km (1999), dos que as tres cuartas partes están asfaltados. Ademais, hai 399 km de autoestradas. A rede ferroviaria ten 1.201 km de lonxitude. As cidades de Ljubljana e Maribor contan con cadanseu aeroporto, os máis importantes do país. Na estreita banda do litoral esloveno do Mar Adriático o porto máis destacado é o de Koper.
Xeografía humana

Demografía
O crecemento natural situouse no período 1994-1999 no -0,2%, cun índice de natalidade baixo (8,8‰ [1999]) e un índice de mortalidade do 9,5‰ no mesmo ano. Polo que respecta á estrutura por idades no 2001, o 16,09% da poboación tiña menos de 15 anos e o 14,3% máis de 65.
Poboamento
A densidade de poboación é de 96,97 h/km2 e a porcentaxe de poboación urbana é semellante á rural (50,4% [2000]). A poboación eslovena incrementouse cos máis de 60.000 refuxiados da guerra en Bosnia-Herzegovina na primeira metade da década de 1990. As principais cidades -á parte da capital Ljubljana, que conta con 270.986 h (1999)- son Maribor (103.113 h [1994]), Celje (39.782 h [1994]) e Koper (24.595 h [1994]).
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
Eslovenia é un país cunha relativa homoxeneidade étnica, pois os eslovenos constitúen o 87,8% da poboación. O resto pertence ás minorías serbia (2,4%), croata (2,8%), musulmá (1,4%), albanesa (0,2%), italiana (0,2%) e macedonia (0,2%), que chegaron a esta terra, como parte dunha migración interior, cando formaba parte de Iugoslavia, ou ben pertencen a comunidades radicadas secularmente no territorio que, despois dos sucesivos conflitos bélicos do s XX, conformaron a república iugoslava de Eslovenia (como acontece maioritariamente no caso dos italianos e nunha importante proporción dos croatas). Fronte ao habitual noutros pobos eslavos, moi influenciados polos bizantinos, primeiro, e otomanos, despois, os eslovenos recibiron influencias das culturas alemana, italiana e austríaca, pois foi a órbita política e económica sobre a que virou a súa historia ata despois da Segunda Guerra Mundial. A lingua oficial é o esloveno, pero tamén hai outras minorías lingüísticas que falan o húngaro (na zona oriental) e o italiano. A maior parte da poboación declara a súa adscrición á relixión cristiá católica (82%), aínda que tamén hai comunidades musulmanas e ortodoxas. O ensino é obrigatorio entre os 7 e os 15 anos, e aínda que non é obrigatorio, a gran maioría dos alumnos continúa os estudios secundarios.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1999 situaba a Eslovenia entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 29º posto cun índice do 0,861). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 75,3 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 99,6% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 83%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 15.977 $ USA.
Goberno e política
A Constitución que se adoptou o 23 de decembro de 1991 definiu Eslovenia como unha república constitucional dotada dunha democracia parlamentaria. A Constitución recoñece o dereito á representación parlamentaria para as minorías italiana e húngara. O xefe do Estado é o presidente, elixido por sufraxio directo para un período de cinco anos. O poder executivo correspóndelle ao primeiro ministro (dende o 17 de novembro de 2000 é Janez Drnovsek), líder do grupo maioritario nas eleccións á Skupšcina Slovenije (Asemblea Nacional), na que reside o poder lexislativo. A Skupšcina Slovenije é un Parlamento bicameral formado polo Državni Zbor, que conta con 90 deputados (dos que 40 se elixen directamente e 50 se seleccionan segundo un sistema proporcional indirecto), designados para un período de catro anos, e o Državni Svet (Senado), formado por 40 membros, 22 elixidos directamente e 18 escollidos por un colexio electoral, para un período de cinco anos. O sistema xudicial baséase no dereito europeo continental. O máximo órgano de xustiza é a Vrhovno Sodisče Republike Slovenije (Corte Suprema), elixida pola Skupšcina Slovenije tralas recomendacións do Consello Xudicial. Existe ademais un Ustavno Sodisče (Tribunal Constitucional), formado por xuíces elixidos pola Skupšcina Slovenije e designados polo presidente para un período de nove anos. A pena de morte aboliuse en 1989. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Segundo Protocolo Facultativo do PIDCP destinado a abolir a pena de morte; Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Racial; Convención contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Protocolo Facultativo da Convención sobre a Eliminación de todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Protocolo de Roma para a creación do Tribunal Penal Internacional; Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais (1950); Convenio Europeo para a Prevención da Tortura e das Penas ou Tratos Inhumanos ou Degradantes (1987) e o Sexto Protocolo do Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais referente á abolición da pena de morte (1983). Os principais partidos políticos son: Liberalna Demokracija Slovenije (LDS), presidido por Janez Drnovsek; a coalición SLS-SKD, acordada en abril de 2000 polo Slovenska Ljudska Stranka (SLS) co Slovenski Krscanski Demokrati (SKD); Socialdemokratska Stranka Slovenije (SDSS); Zdruzena Lista Socialnih Demokratov (ZLSD) formada polos ex-comunistas; e Demokraticna Stranka Upokojencev Slovenije (DeSUS). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Consello de Europa, Banco Europeo de Reconstrución e Desenvolvemento (BERD), ONU, OSCE e   é membro asociado da UE.
Historia

Os primeiros poboadores
Os achados arqueolóxicos indican que entre a Idade do Bronce a e Idade do Ferro na área da actual Eslovenia estableceuse a cultura de Urnfield. Posteriormente, no período do Hallstatt, estendeuse unha cultura caracterizada pola construción de poboados fortificados nos cumios dos outeiros e pola fabricación de armas e obxectos de ferro. Este territorio foi ocupado polas tribos celtas entre os ss IV a C e III a C, que se organizaron e constituíron un Estado denominado nas fontes clásicas Noricum, que foi anexionado polo Imperio Romano ao redor do s 10 a C. Trala conquista, os romanos integraron o territorio e articulárono ao redor dunha rede de calzadas que favoreceron o comercio e a difusión da cultura latina.
O ducado independente e o dominio franco
Durante os ss V e VI este territorio sufriu as invasións dos hunos e dos xermanos, que se estenderon por Europa trala caída do Imperio Romano. Cara a mediados do s VI, os eslavos impuxéronse como grupo dominante na rexión e fixeron fronte aos ataques dos ávaros. Uníronse á confederación tribal dirixida polo Rei Samo ao redor do 623 e, trala súa morte, constituíron un ducado independente no contorno do Karawanken, coñecido como Carantania, con capital no castelo de Krn, ao N de Klagenfurt. A mediados do s VIII Carantania converteuse nun ducado vasalo baixo o dominio dos bávaros. Sometidos por Carlomagno (788), a nobreza enfrontouse ao novo Estado franco, pero despois de varias sublevacións o país repartiuse entre os nobres francos, como os marqueses de Friül e Baviera, que introduciron o sistema feudal no territorio e iniciaron a súa evanxelización. A finais do s IX os maxiares invadiron as chairas da Panonia e introducíronse no territorio de Eslovenia, de xeito que separaron os eslavos de Carantania e Carniola do resto e constituíron o xermolo dun incipiente Estado independente esloveno. Trala vitoria do Emperador Otón I sobre os maxiares (955), o territorio de Eslovenia integrouse no Sacro Imperio Romano e dividiuse nunha serie de estados históricos eslovenos, sometidos ao dominio de familias xermanas, como a Carintia e a Carniola. Estas familias converteron a cidade de Ljubljana nun próspero centro comercial do comercio entre o Danubio e o Adriático. O seu desenvolvemento económico propiciou a chegada dunha numerosa poboación xermana, que se estableceu na rexión e que, paulatinamente, se fixo co poder.
O dominio dos Habsburgo
A casa de Habsburgo impúxose na rexión de forma progresiva dende o último cuarto do s XIII, fronte a Ottokar II de Bohemia. En 1335 Carintia e Carniola integráronse nos seus dominios. Sometidos ao goberno dos Habsburgo dende 1335, os eslovenos protagonizaron rebelións populares nos ss XV e XVI, ata que, aliados cos croatas, conseguiron algunhas melloras nas condicións do campesiñado (1573). Nos ss XVI e XVII sufriron ataques dos turcos. Formaron parte das provincias da coroa austríaca de Kärnten (Carintia), Carniola e Steiermark (Estiria), mentres que unha parte minoritaria do seu territorio pasou á República de Venecia. Continuaron sometidos aos austríacos ata que en 1809 Napoleón creou as Provincias Ilirias, nun intento por illar o Imperio dos Habsburgo, e estableceu a capital do novo estado en Ljubljana. Malia a derrota napoleónica (1814) e o retorno ao poder dos Habsburgo, algunhas reformas bonapartistas en materias como a educación, a administración pública e a lexislación perduraron, feito que favoreceu a aparición dun incipiente nacionalismo entre os eslovenos, vinculado ao interese pola súa lingua e cultura. Durante o ciclo revolucionario liberal de 1848 os eslovenos reclamaron a creación dunha provincia eslovena unificada dentro do Imperio Austríaco, pero, trala Guerra Austro-Prusiana (1866), o seu territorio dividiuse entre Italia e Hungría. A finais do s XIX apareceron os primeiros partidos políticos, ao mesmo tempo que os sacerdotes católicos mobilizaron os labregos e os sectores populares, que se organizaron en movementos cooperativos.
O reino de Iugoslavia
Durante a Primeira Guerra Mundial, os líderes dos pobos esloveno, croata e serbio formaron un Comité Iugoslavo en París (1915) que defendeu a súa separación do Imperio Austrohúngaro e a unión coa Serbia independente. Despois da derrota austrohúngara na Primeira Guerra Mundial, constituíuse o Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos o 1 de decembro de 1918. Posteriormente, a rexión de Klagenfurt, en Austria, liberouse despois dun plebiscito (1920) e polo Primeiro Tratado de Rapallo, Italia incorporou Istria e Zara, mentres que Fiume se declarou cidade independente. A política centralista da dinastía serbia plasmouse na Constitución de Vidovdan (1921), e espertou a resistencia das outras nacionalidades do reino durante o período de entreguerras. Na Segunda Guerra Mundial o país foi invadido por Alemaña, Italia e Hungría, que repartiron o territorio (1941). Ao mesmo tempo, xurdiron grupos de resistencia entre os que destacou a Fronte de Liberación, dirixida polos comunistas, que se enfrontou cos invasores.
A República Popular Federativa de Iugoslavia
Trala derrota das potencias do Eixe, Eslovenia recuperou as rexións cedidas a Italia en 1920 e integrouse como unha das seis repúblicas da nova República Popular Federativa de Iugoslavia. Conservou un alto grao de independencia económica e cultural, ao tempo que se dotou de organismos encargados de lexislar, coma o consello republicano, elixido por todos os cidadáns, e o consello dos produtores, elixido entre os traballadores e funcionarios da industria eslovena. A partir de 1963 o Partido Comunista transformouse nunha liga de partidos federados, polo que os comunistas de Eslovenia pasaron a denominarse Liga dos Comunistas Eslovenos (ZKS). Durante o período socialista, Eslovenia viuse favorecida pola súa situación estratéxica, próxima á Europa Occidental, e acadou un importante desenvolvemento económico coa maior parte da súa poboación dedicada á industria e aos servicios. A súa industrialización centrouse na produción de aceiro e de maquinaria pesada, mentres que as explotacións agropecuarias combinaron a agricultura e a gandería. A crise do petróleo de 1973 afectou profundamente a Iugoslavia. Trala morte do mariscal Tito (4.5.1980), partisano comunista que liderara a resistencia contra o Eixe e se convertira trala vitoria en líder da federación, o réxime entrou en crise e rompeuse o equilibrio entre as diferentes burocracias nacionais de Iugoslavia, que, ademais, sufría unha forte crise económica. Ao mesmo tempo, o proceso de descomposición dos réximes comunistas da Europa Oriental incrementou as tensións entre Eslovenia e Croacia, as repúblicas máis desenvoltas, que reclamaban a soberanía fronte a Serbia, que pretendía conservar a hexemonía do Estado iugoslavo. En 1987, o paro afectou ao 14% da poboación activa de Iugoslavia, mentres a inflación chegou ata o 170%. Entre tanto, Eslovenia evolucionou cara a un sistema pluripartidista, polo que a partir de 1989 apareceron os primeiros grupos opositores. A Asemblea eslovena aprobou en outubro dese ano unha reforma da Constitución da República que lle permitía separarse de Iugoslavia. Trala ruptura en xaneiro de 1990 entre a ZKS e os comunistas iugoslavos, a primeira tranformouse nunha nova forza política democrática en febreiro dese ano, a ZKS-Partido das Reformas Democráticas (ZKS-SDR). Nas eleccións presidenciais de abril de 1990, Milan Kučan, líder do novo SDR trala súa escisión da ZKS e un dos guías da transición, converteuse en presidente. Nas eleccións lexislativas que se celebraron, produciuse unha fragmentación do voto que se simplificou pola coalición de seis partidos de centro dereita nunha fronte denominada DEMOS, herdeira da tradición anticomunista. Formaron goberno o 16 de maio baixo a presidencia de Kučan.
O proceso de independencia
Milan Kučan liderou o movemento independentista esloveno, que, dende unha posición inicial favorable á confederación, evoluíu ata defender a secesión. Este cambio de postura, motivado pola vontade hexemónica de Serbia e as fortes cargas impositivas destinadas ás arcas federais que recaerían en Eslovenia como a república iugoslava máis rica, reflectiuse no referendo sobre a independencia (23.12.1990), onde un 94% da poboación votou a favor. En xaneiro de 1991, o presidente esloveno decretou a mobilización militar e asinou un pacto de defensa mutua con Croacia. Mentres, o exército federal iugoslavo mobilizou máis de 20.000 soldados, pechou as fronteiras eslovenas con Austria, Hungría e Italia, e ocupou os principais puntos estratéxicos. O 25 de xuño de 1991 Eslovenia proclamou a súa independencia xunto con Croacia e, como consecuencia, a Defensa Territorial eslovena sostivo os primeiros choques coas tropas federais polos postos fronteirizos o 27 de xuño. Neste enfrontamento o exército iugoslavo foi rexeitado. A mediación da Comunidade Europea permitiu as negociacións entre as autoridades federais e eslovenas e, polo Compromiso de Brioni (7.7.1991), o goberno de Belgrado aceptou retirar as súas forzas de Eslovenia, mentres que esta república aceptaba conxelar a súa declaración de independencia durante tres meses. Ao mesmo tempo estableceuse que a policía de Eslovenia controlase as fronteiras e se ocupase da recadación dos aranceis das aduanas, que debían pasar ás contas da federación. Estableceuse, ademais, a reapertura das estradas e a liberación dos prisioneiros. En outubro de 1991 Eslovenia ratificou a independencia, que foi recoñecida polos países da Europa comunitaria entre decembro de 1991 e xaneiro de 1992, e polos EE UU en abril de 1992.
A Eslovenia independente
A partir da súa independencia, Eslovenia iniciou unha fase de transición na que priorizou a estabilización da súa economía, afectada por un incremento da inflación, que superou o 200% anual (1991-1992), e do desemprego, que se situou no 13%. Trala aprobación dunha Constitución democrática en decembro de 1992, nas eleccións lexislativas e presidenciais o Liberalna Demokracija Slovenije (LDS) acadou a maioría relativa e formou un goberno de coalición con Janez Drnovsek como primeiro ministro, que substituíu a Lozje Peterle, mentres M. Kučan foi reelixido presidente. A coalición DEMOS autodisolveuse en decembro de 1992. A recesión obrigou a manter un ritmo de privatizacións máis lento do esperado e, malia a súa elevada débeda externa, mantivo un nivel de ingresos elevado no contexto das repúblicas da ex-Iugoslavia. En xaneiro de 1993 ingresou no FMI e, xunto á República Checa e Eslovaquia, integrou o Acordo Económico de Vizegrad. O SDR aliouse con outras formacións da esquerda na Zdruzena Lista (ZL), que en 1993 se constituíu en Zdruzena Lista Socialnih Demokratov (ZLSD). A comezos de 1994 o desemprego chegou ao 14% e o goberno decidiu privatizar 2.500 empresas estatais. A súa solicitude de asociación á UE non prosperou inicialmente pola oposición de Italia, que reclamou unha compensación pola nacionalización das propiedades de numerosos cidadáns italianos entre 1945 e 1972. En maio de 1995, a Comisión Europea aprobou a solicitude coa oposición de Italia e asinou un acordo de asociación coa UE en xuño de 1996, como paso previo para o futuro ingreso como membro de pleno dereito. A UE impuxo un conxunto de condicións económicas para o seu acceso, que obrigaron a modificar a Constitución para introducir unha cláusula que lles permitise aos estranxeiros mercar bens no país. Eslovenia e Croacia proseguiron os debates para acadar un acordo territorial sobre a badía de Piran. En xaneiro de 1997 Drnovsek foi reelixido primeiro ministro polo Parlamento e en novembro Kučan foi ratificado como presidente para un novo mandato quinquenal, co apoio do LDS e o 55,6% dos votos. O goberno impulsou as reformas económicas, e en 1998 autorizou a apertura do sistema bancario á competencia exterior, trala autorización para o establecemento de sucursais de bancos estranxeiros. O Acordo Europeo entrou en vigor en febreiro de 1999 e dende abril comezaron formalmente as negociacións para o seu ingreso na UE. As reformas continuaron coa autorización, en abril de 1999, da privatización progresiva dos bancos públicos, que representan o 40% do mercado, e a reforma do sistema fiscal trala introdución do IVE en xullo de 1999. En 1999 o déficit público caeu ata o 0,6% do PIB. A primeira visita do presidente croata Stipe Mesić a Ljubljana, en marzo de 2000, serviu para fortalecer as relacións entre ambas as repúblicas e para tratar a integración na UE e a delimitación das fronteiras. En abril de 2000, os ministros do Slovenska Ljudska Stranka (SLS) dimitiron e pasaron á oposición, polo que Drnovsek perdeu o poder. Sucedeuno Andrej Bajuk, do partido que xurdiu da fusión entre o SLS e o Slovenski Krscanski Demokrati (SKD), que formou goberno co SDS e acelerou as reformas liberais da economía. Nas eleccions lexislativas de outubro de 2000 o partido de Drnovsek consolidouse no primeiro posto, co 36,3% dos votos, e estableceu unha alianza de goberno coa ZLSD, o SLS, o SKD e o Demokratska Stranka Upokojencev Slovenije (DeSUS), polo que en novembro de 2000 foi designado para un segundo mandato. O seu goberno centrouse na adaptación á lexislación comunitaria co obxectivo de ingresar na Unión Europea.