espectrometría
(< espectro + -metría)
-
s
f
[FÍS]
Estudio dos espectros mediante un espectrómetro. Segundo como se produce o espectro, distínguense diferentes tipos de espectrometría: espectrometría de masas, espectrometría infravermella, espectrometría visible, espectrometría ultravioleta, espectrometría Raman, espectrometría de emisión atómica, espectrometría de absorción atómica, resonancia magnética nuclear, resonancia paramagnética electrónica, espectrometría de raios X e espectrometría de fluorescencia X. A espectrometría trata da medición da enerxía radiante emitida ou absorbida pola materia. Os espectros de emisión orixínanse cando un átomo excitado ou unha molécula excitada retornan ao seu estado normal. As moléculas dan lugar a emisións de bandas difusas de lonxitudes de onda, e os espectros desígnanse como espectros de bandas. Os átomos dan emisións a lonxitudes de onda definidas e producen espectros de raias, característicos de cada elemento químico. Se, despois da excitación, a especie química cede o exceso de enerxía emitindo fotóns de menor frecuencia cós absorbidos, dise que ten lugar fluorescencia ou fosforescencia, segundo o tempo de vida do estado excitado; na espectrofotofluorimetría é a enerxía emitida a que se estudia normalmente. Se o foco de enerxía radiante e a especie absorbente están en estados enerxéticos idénticos, é dicir, en resonancia, o exceso de enerxía é cedido frecuentemente pola emisión non direccional de fotóns de idéntica frecuencia ca os absorbidos. Exemplos do uso de procesos de resonancia son a espectrometría de absorción de resonancia nuclear, a espectrometría de absorción atómica e a espectrometría de resonancia magnética nuclear. Cando se estudia a enerxía emitida, emprégase frecuentemente o termo de fluorescencia de resonancia. Se a especie absorbente cede o exceso de enerxía mediante procesos de colisións intermoleculares ou outros procesos non radioactivos, o fenómeno é estudado pola espectrometría de absorción, tamén denominada espectrofotometría, espectroscopia de absorción e absorciometría. Algunhas das técnicas espectrométricas teñen un interese especial na análise cualitativa, como a espectrometría de emisión e a de absorción infravermella. É moi útil, tamén, a espectrometría de resonancia magnética nuclear.
-
espectrometría de absorción atómica
[QUÍM]
Técnica de análise química elemental cuantitativa que se basea na medida da enerxía radiante absorbida por un elemento vaporizado nunha chama irradiada por luz estritamente monocromática da lonxitude de onda correspondente á radiación de resonancia daquel elemento. Unha condición esencial da espectrometría de absorción atómica é o rigoroso monocromatismo da radiación de excitación, que se consegue empregando como foco un tubo de cátodo baleiro. O cátodo recóbrese interiormente dunha película do elemento que se quere determinar, e a voltaxe aplicada vaporiza e excita os seus átomos, que emiten entón radiación, da que se illa a liña de resonancia mediante un monocromador. O detector ten que ser, por este motivo, moi sensible, como o tubo fotomultiplicador. A chama acostuma ser de acetileno, propano ou de hidróxeno queimante en aire. O procedemento é moi selectivo, bastante libre de interferencias e dunha gran sensibilidade.