espinosauro
(< lat científico Spino +-sauro)
Dinosauro terópodo, de ata 12 m de lonxitude e dunhas 6 toneladas de peso, caracterizado por presentar unha gran crista, de ata 2 m de altura, formada por proxeccións das vértebras dorsais recubertas de pel. Esta ampla superficie, sucada de vasos sanguíneos, funcionaba como un sistema de termorregulación ao poder absorber ou disipar calor e por tanto manter a actividade con maior facilidade, independentemente da temperatura ambiental. Posiblemente, a crista presentaba cores vivas que terían un papel nas relacións intraespecíficas de defensa do territorio ou de comunicación sexual. Os espinosauros dispuñan de potentes mandíbulas longas con numerosos dentes rectos e afiados, propias de terribles depredadores. Camiñaban normalmente sobre as patas traseiras, deixando as dianteiras libres para suxeitar as presas. Ao correr, mantiñan elevada a longa cola, ancha na base e fina na punta, para conservar o equilibrio. De todos os xeitos, os brazos eran bastante fortes e posiblemente nalgúns momentos asumía a postura cuadrúpede. Viviron hai 110 millóns de anos, no Cretáceo, no norte da actual África. Os xacementos máis importantes deste dinosauro están localizados en Exipto e Níxer.