espiñento

espiñento

(< espiña)

  1. adx

    espiñoso.

  2. [ANIMAL/ICT]
    1. s m

      Peixe da familia dos gasterosteidos.

    2. espiñento agulla [Spinachia spinachia, Fam dos gasterosteidos]

      Peixe de ata 20 cm de lonxitude, de corpo alongado, co fociño e o pedúnculo caudal moi afiados; propio de augas salgadas ou salobres, dende o golfo de Bizkaia ata o Cabo Norte, en Noruega.

    3. espiñento común [Gasterosteus aculeatus, Fam dos gasterosteidos]

      Peixe da familia dos gasterosteidos de ata 11 cm de lonxitude. Presenta un corpo comprimido e fusiforme, cun pedúnculo caudal afiado; cabeza aguda e boca pequena, no extremo dun fociño algo tubular e alongado, con dentes moi pequenos en varias fileiras; tres espiñas illadas diante da aleta dorsal que poden erguer; aletas pélvicas transformadas noutra espiña e aleta caudal reducida. A pel está desprovista de escamas ou parcialmente cuberta de placas óseas. No período reprodutor, entre marzo e abril, os machos teñen unha coloración moi viva co dorso verde ou azul, o ventre de cor escarlata e os ollos de cor esmeralda. O resto do ano a coloración, ao igual ca a das femias, é de cor verde olivácea ou agrisada, con franxas máis escuras e o ventre arxénteo. Coñécense tamén formas melánicas. Os machos son animais territoriais que fabrican un niño entre herbais de augas tranquilas con restos vexetais pegados cunha secreción renal. No niño pode depositar os ovos máis dunha femia, que son fecundados polo dono do niño e que defende a súa descendencia da voracidade doutros peixes. Aliméntase de vermes, crustáceos, insectos e pequenos vertebrados. Distínguense nesta especie varias subespecies. A subespecie de espiñento cunha distribución máis ampla é a do Gasterosteus aculeatus aculeatus, que na auga doce pode acadar os 8 cm e nos medios mariños 11 cm. A forma anadroma ten ata 37 placas nos flancos e unha quilla a cada lado do pedúnculo caudal. Adoita vivir en pequenas masas de augas ata profundidades de 27 m en toda a súa distribución, entre os 71°N e os 20°N; ocupa climas temperados con temperaturas medias de entre 4 e 20 °C. Distribúese por Europa e nas costas do Mar Mediterráneo -Alxeria no N de África- e Mar Negro. Está ausente do sistema fluvial do Danubio. No Pacífico norte distribúese dende Corea e a Baixa California ata o mar de Bering, na costa atlántica americana de Nova Inglaterra ata a Baía de Hudson, e en Asia está restrinxido a Irán. Na Península Ibérica ten unha distribución en mosaico e está presente no País Vasco, Cantabria, Galicia, Portugal, Extremadura, no Baixo Guadalquivir e no litoral mediterráneo, dende o N de Catalunya ata València. En Galicia habita as concas do Miño e do Sil, o Limia, as desembocaduras do Ulla, do Sar e do Umia, o encoro do Eume e as Gándaras de Budiño. En Escandinavia captúrase de xeito eventual para a obtención de fariñas e aceites. Outras subespecies son o Gasterosteus aculeatus santaeannae, en augas doces, salobres e mariñas dos EE UU; Gasterosteus aculeatus williamsoni, en augas doces e mariñas subtropicais no S do estado americano de California; e o Gasterosteus aculeatus microcephalus, en pequenos regatos subtropicais de Xapón.

    4. espiñento mariño [Gasterosteus wheatlandi, Fam dos gasterosteidos]

      Peixe de ata 75 mm de lonxitude. Está limitado á costa atlántica occidental americana, dende Terranova ata Massachusetts, as máis das veces ao redor da vexetación flotante, a escasa distancia da liña de costa, e rara vez nos ríos.

    5. espiñento pequeno [Pungitius pungitius, Fam dos gasterosteidos]

      Peixe de ata 7 cm, de cor castaña cinsenta e ventre prateado, propio das augas doces, das augas salobres e, rara vez, do mar. Ten unha distribución nas augas próximas ao Ártico, nas concas atlánticas, dende Canadá ata New Jersey, na Columbia Británica; na costa pacífica de Alasca e Grandes Lagos; e nas concas do N de Europa e Asia, dende as Illas Británicas e Francia ata Rusia, Siberia, Corea, Xapón e China.

    6. espiñento romanés [Gasterosteus crenobiontus, Fam dos gasterosteidos]

      Especie endémica de Romanía que se extinguiu.

Palabras veciñas

1 espinela | 2 espinela | espiñela | espiñento | espineta | espingarda | Espinhaço, serra do