Estacións ao mar

Estacións ao mar
[LIT]

Poemario da autoría de Xohana Torres publicado en 1980, co que acadou o Premio da Crítica Española 1981. Ademais de inaugurar a colección Dombate da Editorial Galaxia, supuxo o regreso á poesía da autora, logo de máis de vinte anos de silencio neste xénero. Trátase en realidade dun volume que agrupa poemas escritos ao longo dos anos 60 e 70, e que condensa constantes temáticas e estilísticas que aparecen ao longo de toda a súa obra. A radical intimidade que amosa participa das inquietudes esenciais do ser humano, tales como a soidade, a fugacidade do tempo, o entusiasmo vitalista, a reflexión sobre a patria e un percorrido polas lembranzas conservadas na memoria, que remata nun retorno ao mar, entendido como entrega a todo o primordial. Estilisticamente rompe coas normas de puntuación e coa lóxica lingüística, e caracterízase pola profusión de imaxes, polo prosaísmo e polo coloquialismo. Está integrado por catro partes independentes entre si: “O tempo e a terra”, con poemas sobre Galicia dedicados a destacados persoeiros do galeguismo; “O tempo e a memoria”, composto sobre todo por poemas sobre a conciencia individual e colectiva do tempo, que a levan a tratar o tema do ubi sunt; “Elexías a Lola”, composto a partir do recordo da avoa e que constitúe unha visión da nación alicerzada no feminino; e “Estacións ao mar”, no que canta a presenza do mar na súa vida, a súa nenez e mocidade en Lorref (anagrama de Ferrol) e no que defende a esperanza da liberdade. O poemario tivo unha salientable influencia na poesía escrita por mulleres nos anos oitenta.

Palabras veciñas

estacionamento | estacionar | estacionario -ria | Estacións ao mar | estacón | 1 estada | 2 estada