Estados Unidos de América
Estado de América do Norte que limita ao L co Océano Atlántico, ao S con México, ao O co Océano Pacífico e ao N con Canadá (9.372.614 km2; 298.444.220 h [2008]). Tamén forman parte dos EE UU os estados de Alasca, ao NO do continente, e Hawaii, arquipélago no Océano Pacífico (ambos os dous plenamente integrados na Unión), o estado libre asociado de Puerto Rico, os territorios das Illas Virxes Americanas (nas Pequenas Antillas), Guam e a Samoa Americana (en Oceanía), e as dependencias da Baía de Guantánamo e illa de Navassa (no Caribe), e varias illas do Pacífico (Illas Midway, Marianas Setentrionais, Baker, Howland, Jarvis, Johnston e Kingman Reef, Palmyra e Wake). Tamén ten soberanía sobre un sector do Territorio Antártico. O seu territorio continental esténdese entre os 49° e 25° de latitude N e os 125° e 67° de lonxitude O. A súa capital é Washington-Distrit of Columbia (Washington D C ou simplemente Washington), cidade que non forma parte de ningún estado.
Xeografía física
Relevo e xeoloxía
O relevo de EE UU caracterízase pola gran variedade de unidades fisiográficas e pola súa simplicidade. Ao L articúlase a partir do macizo aplanado dos Apalaches, ao O pola gran cadea terciaria das Montañas Rochosas, e na parte central polas Grandes Chairas. Os Apalaches están formados por un macizo cristalino duns 2.600 km de extensión, orientados de SO a NL e divididos en tres partes: a zona setentrional, que vai desde os montes Notre-Dame en Canadá ata o río Hudson e que inclúe as montañas de Shieckshockas, White Mountains de New Hampshire e as Green Mountains de Vermont. A zona central, que comprende a rexión do Great Valley, os altiplanos de Allegheny de Nova York, ao O de Pennsylvania, e de Virginia, e unha gran parte do Blue Ridge; e a zona meridional, formada por unha grande extensión da plataforma de Piedmont. O pico máis elevado dos Apalaches é o Mitchell (2.037 m de altitude). As rochas que o compoñen son esencialmente de dous tipos: ígneas (granitos) e sedimentarias do Paleozoico, ás veces fortemente metamorfoseadas con intrusións graníticas, con representación de todos os pisos desde o Cámbrico ao Pérmico. A súa estrutura está constituída por un gran número de dobramentos paralelos, de pouco raio e gran percorrido, que deron lugar á descrición do denominado relevo apalachense. As Grandes Chairas esténdense desde os Apalaches ata as Montañas Rochosas, e desde os Grandes Lagos ata o golfo de México. Ao N dos vales do Mississippi-Ohio e do Missouri existe unha rexión deprimida, que corresponde coas marxes do escudo canadense, e dominada por unha liña de morenas, testemuño da acción glacial. A parte máis baixa desta rexión está ocupada polos Grandes Lagos, que constitúen a vía interior de navegación máis grande do mundo (156.615 km2). Ao S unha chaira de sedimentos terciarios que remata no golfo de México, interrompida pola chaira aluvial do Mississippi e os seus afluentes. Ao O localízase a rexión estrutural máis complicada do país, formada polas Montañas Rochosas e a rexión dos Altiplanos. As Montañas Rochosas son de formación terciaria e caracterízanse por unha composición basicamente sedimentaria. Pegada ás Rochosas, polo O, está a rexión dos Altiplanos, cunha altitude que oscila entre os 1.800 e os 2.500 m. Na súa morfoloxía alternan cubetas internas de drenaxe endorreica (Gran Conca, conca dos Grandes Lagos), altiplanos sedimentarios (Colorado) e concas formadas por grandes acumulacións de lava (Columbia). Paralelas á costa do Pacífico están as serras das Cascadas e Sierra Nevada, que culmina no monte Whitney (4.418 m de altitude). A proximidade das montañas condiciona unhas costas altas e rectilíneas. O estado de Alasca está formado por dúas serras, os Montes Brooks ao N e a Alasca Range ao S.
Hidrografía e climatoloxía
A rede fluvial de EE UU está condicionada pola presenza das Montañas Rochosas, principal divisoria de augas continentais entre as concas do golfo de México (formada polos vales dos ríos Mississippi, Missouri e Bravo) e a do Pacífico. O sistema fluvial do Mississippi-Missouri constitúe o cuarto río máis longo do mundo (5.620 km) e a súa conca, que abrangue 3.328.000 km2, cobre máis da terceira parte da superficie dos EE UU. Os seus afluentes, especialmente o Tennessee, rexistran un alto grao de aproveitamento. Ao N do val do Mississippi, os Grandes Lagos forman unha vía de navegación interna de grande importancia, que ten saída ao mar a través do río San Lourenzo. O maior é o Lago Superior, que fai fronteira con Canadá, cunha superficie de 84.131 km2; o lago Huron, que tamén serve de fronteira, é a prolongación oriental deste, e cobre outros 61.797 km2; a partir da confluencia destes esténdese cara ao S o lago Michigan, sobre unha superficie de 58.016 km2; ao SL do lago Huron a fronteira canadense continúa polo lago Erie (25.612 km2), e máis ao L polo lago Ontario (18.941 km2), que dá paso ao río San Lourenzo. A conca do Pacífico é a segunda en importancia, formada polos vales dos ríos Columbia e o seu afluente o Snake ao N (2.238 km de lonxitude e 772.000 km2de conca), o Sacramento e o San Joaquín en California, e o Colorado, o máis longo dos que baixan das Montañas Rochosas (2.334 km de lonxitude e unha conca de 676.000 km2), ao S. Os Apalaches están drenados por numerosos ríos, curtos pero caudalosos, entre os que destacan o Savannah, o Potomac, o Susquehanna, o Hudson, que forma o esteiro do porto de Nova York, e o Connecticut. En EE UU existen catro tipos de climas: o oceánico, nunha estreita franxa da costa do Pacífico; o continental, nas Montañas Rochosas e nas Grandes Chairas; o atlántico na costa oriental; e o mediterráneo, no litoral californiano. O clima oceánico caracterízase pola importancia das precipitacións nas serras (entre 1.500 e 2.000 mm anuais) e a sequidade das concas interiores, debido á falta de ventos húmidos. As Grandes Chairas teñen un clima acusadamente continental, con marcados contrastes anuais, A fachada atlántica ten un clima húmido, con importantes variacións anuais: as precipitacións son abundantes e a zona meridional está afectada por tifóns e tornados.
Medio ambiente
En coincidencia coa distribución dos tipos climáticos, a vexetación disponse principalmente en tres grandes rexións, a rexión de bosques caducifolios no sector oriental, a rexión de bosques de coníferas no sector occidental, e entre ambos os dous, cun clima continental, unha extensa área de praderías. O sector oriental, atlántico, onde predominan as árbores caducifolias, correspóndese coa vexetación de Europa central, aínda que aquí o bosque presenta unha maior biodiversidade ca no vello continente. Na zona boreal predominan as faias, e cara ao S diversas especies de carballos, nogueiras e castiñeiros. En Florida o bosque caducifolio substituíuse por unha selva tropical, acompañada de extensos humidais e, no litoral, de mangleirais. As praderías norteamericanas son o equivalente á estepa da Europa oriental. Nas zonas montañosas predominan as coníferas, entre as que destacan, en California, as sequoias. No S do estado de California, onde reina un clima mediterráneo, aparece unha vexetación esclerófila e baixa. En Arizona aparecen semidesertos coa típica vexetación de crasuláceas.
Xeografía económica
Economía
Desde comezos do s XX, EE UU foi a principal potencia industrial do mundo. Ata a segunda metade do s XIX a agricultura era a actividade predominante, pero despois da Guerra de Secesión, produciuse un notable desenvolvemento na fabricación de produtos industriais básicos. Xa antes da Segunda Guerra Mundial a exportación de produtos manufacturados superaba as materias primas. A medida que a industria creceu, a agricultura fíxose cada vez máis mecanizada e eficiente, e ocupaba menos man de obra. O maior desenvolvemento na economía desde 1945 rexistrouse no sector servicios, que pasou a dar emprego ao 74% da poboación ocupada no ano 2000. Aínda que a economía se basea na libre empresa, o goberno regula os negocios de varias formas, especialmente con normativas que pretenden protexer os dereitos dos consumidores fronte á mala calidade dos produtos e ás condicións de monopolio nos mercados. A inflación en 1999 era do 2%, e no mesmo ano o desemprego era do 4,2%. O sistema bancario dos EE UU, base do capitalismo financeiro, é o máis importante do mundo. Os tres principais bancos do mundo, Bank of América, Chase Manhattan Bank e First National City Bank, son estadounidenses. O centro neurálxico das finanzas é Nova York, sede dos principais bancos e tamén da bolsa de valores máis importante do mundo (Wall Street). O 1 de xaneiro de 1994 entraron en vigor os Acordos de Libre Comercio de América do Norte (NAFTA), asinados entre EE UU, México e Canadá, que representou a creación dunha área de libre comercio que incluía máis de 360 millóns de habitantes. A renda per cápita é a máis elevada do mundo desde a década de 1920 (29.240 $ USA [1998]). Non obstante , a distribución da riqueza é moi desigual, segundo informes de UNICEF, en EE UU hai máis de sete millóns de persoas que non poden cubrir as súas necesidades mínimas. A moeda oficial é o dólar ($ USA).
Sector agropecuario
A agricultura dos EE UU caracterízase fundamentalmente pola racionalidade das súas explotacións e a mecanización dos cultivos. Aínda que este sector ocupa o 3% da poboación activa e só achega o 2% do PIB, os EE UU son o principal produtor mundial de moitos cultivos, como o millo (239 M t [1999]) e o sorgo (15 M t [1999]). A produción non só abastece o mercado interior, senón que tamén se destina á exportación. O valor da produción agropecuaria pasou dos 55.000 millóns $ USA en 1970 aos 187.000 $ USA en 1992. A maioría dos produtos agropecuarios prodúcense en grandes explotacións comerciais; e as principais especialidades agrícolas son os cereais e cultivos industriais. Entre os cultivos non cerealistas destacan o algodón, a cana de azucre e o tabaco. Tamén son importantes os cultivos de hortalizas e froiteiras, especialmente os cítricos. É o primeiro produtor mundial de leite, e a gandería extensiva, moi estruturada, serve de base para a produción de carne, da que é o primeiro produtor mundial. A avicultura, altamente desenvolvida, é unha das actividades máis importantes do sector primario. As capturas pesqueiras alcanzaron un total de 4,2 millóns de toneladas en 1999. Os mariscos supoñen o 14% das capturas, pero representan o 45% do valor total; o resto do peixe representa o 86% do peso pero só o 55% do valor. Alasca é o principal estado en volume de capturas. As principais especies comerciais están nas súas augas xurisdicionais, e as máis importantes son o salmón, a lagosta e o bacallao.
Minería
EE UU é un dos países máis ricos do mundo en recursos minerais. Malia que é o segundo produtor mundial de petróleo, ten que importar un terzo do que consome e representa o 20% das importacións. As principais explotacións están en Texas, Alasca, Louisiana, Oklahoma, Wyoming, Novo México e California. Tamén ocupa o segundo lugar en extracción de gas natural, suficiente para o consumo interior. É o primeiro exportador mundial de hulla, o sexto de lignito e o quinto de ferro. Outros minerais importantes son o chumbo, o cinc, o ouro, a prata e o uranio.
Industria
A actividade industrial é a base principal do desenvolvemento e da riqueza dos EE UU. Este sector, xunto coa minería, ocupa o 23% dos traballadores e achega o 26% do PNB. Hai tres grandes rexións industriais: ao NL, a máis antiga do país e a máis forte do mundo, situada entre o Atlántico e os Grandes Lagos, e que ten como principais aglomeracións Nova York e Chicago; a rexión do golfo de México, centrada en Texas (Dallas, Houston), que se estende polo N de México; e a rexión industrial de California (San Francisco, Los Angeles). A rexión do golfo de México desenvolveuse fundamentalmente grazas aos seus importantes recursos enerxéticos, non só en combustibles, senón tamén en electricidade, tanto de orixe térmica e hidrolóxica como nuclear (21% do total en 1999). A industria siderúrxica localízase na primeira rexión, especialmente nos portos dos Grandes Lagos (Detroit, Toledo, Cleveland e Buffalo) e nos Apalaches (Pittsburgh). A metalurxia máis destacada é a do aluminio, que tende a substituír o aceiro, do que EE UU é o primeiro importador mundial. As principais industrias metalúrxicas localízanse en Philadelphia, Chicago e Saint Louis. A enorme industria do automóbil, altamente concentrada en grandes grupos (General Motors, Ford e Chrysler), está localizada preferentemente en Detroit e Cleveland; durante moitos anos os EE UU foron os líderes no mercado mundial do automóbil, pero a finais do s XX cederon a súa hexemonía ás firmas xaponesas, que en conxunto os superaron nun 45%. En calquera caso, a lexislación proteccionista e o seu amplo mercado interno permítelle ao seu sector automobilístico manterse como segundo produtor do mundo, lixeiramente por riba de Alemaña, con 5.554.373 unidades en 1998, que representan o 15% da produción mundial. A industria naval desenvolve as súas actividades principalmente en Boston, Nova York, New Orleans, Los Angeles e San Francisco. A industria de investigación aeronáutica e aeroespacial é unha das máis importantes do mundo, e ten os seus principais centros en Houston, Cabo Canaveral e Washington.
Comercio exterior
Os EE UU constitúen o principal foco comercial do mundo, o primeiro exportador, e tamén o primeiro importador, cun volume de negocio que en 2000 foi de case dous billóns de $ USA. Non obstante , o seu balance é claramente negativo, malia as políticas proteccionistas que limitan a penetración no seu mercado interno a moitos produtos, especialmente xaponeses e europeos. En 2000 as exportacións acadaron un valor de 775.000 millóns $ USA; os principais produtos exportados foron bens de equipo, produtos agrícolas, bens manufacturados (tecidos, aceiro) e produtos químicos. Os principais clientes son Canadá (23%), México (14%), Xapón (8%), Alemaña (4%) e Francia. En canto ás importacións, en 2000 acadaron un valor de 1.222.000 millóns $ USA, sendo os principais produtos o petróleo, os automóbiles, e a maquinaria e o material ferroviario. Os maiores provedores son Canadá (19%), Xapón (11%), México (11%), China (8%) e Alemaña (5%).
Transportes e comunicacións
O ferrocarril constitúe o medio de transporte máis importante, sobre todo para as mercadorías; dispón de 161.817 km de vías férreas, das que 1.667 están electrificadas (1996). A navegación interna tamén é moi importante, principalmente polo río Mississippi e os Grandes Lagos; as rutas navegables internas suman un total de 41.485 km (1996). Debido ás dimensións continentais do país, o transporte aéreo ocupa un lugar destacado, cun total de 8.928.000.000 km voados (1997). Os principais aeroportos están en Los Angeles, Dallas, Nova York, San Francisco e Chicago.
Xeografía humana
Demografía
O crecemento natural situábase en 1999 no 5,8‰, cunha taxa de mortalidade do 8,5‰ e unha taxa de natalidade do 14,3‰ no mesmo ano. A mortalidade infantil era do 6,9‰. A esperanza de vida ao nacer é de 74 anos para os homes e 80 anos para as mulleres. Polo que respecta á estrutura por idades, os EE UU pódense considerar un país novo, pois o 21,41% da poboación tiña menos de 15 anos en 2000, mentres que o 66,16% estaba entre os 15 e os 64 anos e o 12,43% tiña máis de 65.
Poboamento
Existen grandes contrastes na concentración da poboación, é elevada nos estados do NL, no litoral atlántico e nos Grandes Lagos, onde as densidades de poboación acadan valores superiores aos 200 h/km2, como por exemplo en Connecticut (262 h/km2), Massachusetts (296 h/km2), Rhode Island (334 h/km2) e New Jersey (417 h/km2); e baixa nos estados meridionais (23 h/km2en Mississippi) e nos do Centro-Oeste (4 h/km2en Dakota do Norte e Dakota do Sur), e nas montañas do Oeste, onde se acadan as mínimas densidades de poboación (2 h/km2en Montana e Wyoming), coa excepción de Alasca, en latitudes circumpolares, onde a densidade é de 0,4%. En conxunto, a densidade do país é de 30 h/km2. A relación entre a poboación urbana e rural pasou dun equilibrio en 1920 a un claro predominio urbano en 2000 (77,2%). Unha das principais características do poboamento nas áreas é a expansión da urbanización, de xeito que os principais núcleos constitúen extensas áreas urbanas integradas por localidades cunha certa especialización funcional, resulta curioso que a maioría das capitais dos estados son cidades medias ou pequenas, só unha, Phoenix, capital de Arizona, supera o millón de habitantes; no outro extremo, Montpellier, capital de Vermont, no NL do país, só suma 7.734 h (1998). Tamén se poden observar fenómenos moi acusados de segregación espacial das comunidades en relación coa súa renda ou coa súa orixe étnica. As principais aglomeracións urbanas do país son a de Nova York-Northern New Jersey-Long Island (21.199.865 h [2000]), Los Angeles-Anaheim-Riverside (16.373.645 h [2000]), Chicago-Gary-Lake County (9.157.540 h [2000]), Washington (7.608.000 [2000]) e San Francisco-Oakland (7.039.362 [2000]). A popularización do automóbil particular permitiu a proliferación deste tipo de hábitat difuso, baseado fundamentalmente nas vivendas unifamiliares.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A poboación procede na maior parte dun fluxo migratorio irregular pero sostido desde o s XVI, procedente de Europa. Os compoñentes principais da inmigración foron colonos de orixe inglesa e irlandesa. Entre 1860 e 1880 entraron catro millóns de inmigrantes, sobre todo alemáns e franceses. En 1921 adoptouse unha política de bloqueo da inmigración, co establecemento dunha cota de inmigrantes por país de orixe. A inmigración hispanoamericana é un dos máximos expoñentes, especialmente os mexicanos que se dirixen principalmente a California e Novo México, e os portorriqueños, sobre todo a Nova York. Segundo o censo de 2000, o grupo máis grande (58 millóns) é de descendencia inglesa, seguido do de descendencia irlandesa (38,7 millóns) e alemá (32,7 millóns). A poboación de orixe europea constitúe o 75,1% da poboación; o 12,3% son de orixe africana (afroamericanos); a poboación autóctona, amerindios e nativos de Alasca, suman o 0,9%, mentres que os nativos hawaiianos e das outras illas americanas do Pacífico constitúen o 0,1% da poboación do país; os inmigrantes de orixe asiática representan o 3,6% da poboación estadounidense (o 0,9% son chineses, o 0,7% filipinos, o 0,6% indios, o 0,3% xaponeses, mentres que coreanos e vietnamitas representan un 0,4%, repectivamente). O 85% da poboación urbana afroamericana vive en guetos, semellantes ao barrio de Harlem en Nova York, e a escasa poboación amerindia vive na súa maior parte en reservas. Malia a diversidade étnica, o grao de mestizaxe é mínimo, tan só o 2,4% dos estadounidenses son mestizos. Aínda que non existe unha lingua oficial da Unión, o inglés posúe na práctica esa condición. No S do país (Arizona, California, Colorado, Novo México e Texas), a maioría da poboación fala castelán, pero este non acadou o status de lingua oficial. Tamén existen importantes núcleos de hispano-falantes (portorriqueños e cubanos, principalmente) nos estados de New York, Illinois, Louisiana e Florida. Ademais, tamén se falan linguas indíxenas que pertencen a distintos phyla lingüísticos. Entre eles: na-dené (apache, navajo), amerindio (cherokee, comanche, dakota, hopi, teton, paiute), algonquino (cheyenne), austronesio (hawaiiano) e esquimó-aleutiano (esquimó). Entre os acontecementos relixiosos do s XIX destaca a formación de varias igrexas, entre as que cómpre salientar a mormona, a adventista e a das testemuñas de Xehová. As diferentes confesións cristiás protestantes constitúen o grupo relixioso máis numeroso (58%), seguido dos católicos (21%), os hebreos (2,1%) e os musulmáns (1,9%). Na maior parte dos EE UU extinguiuse o analfabetismo (0,3% [1999]) e o 85% da poboación finalizou os estudios secundarios. A liberdade de elección no ensino deu orixe a diferentes tipos de escolas, e cada estado segue as súas propias regras en materia de educación. Existen tres niveis de ensino: primario, secundario e superior; e a idade de obrigatoriedade do ensino depende de cada estado. Na escola primaria os programas de estudo son comúns a todos os estados, pero en secundaria os alumnos teñen liberdade para elixir diferentes opcións. Os gobernos locais e estatais proporcionan os recursos financeiros para a educación pública elemental e secundaria. En canto ao ensino superior, conta coas universidades máis prestixiosas do mundo, entre as que destacan, Harvard, Yale, Princeton e Columbia.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1999 situaba a EE UU entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o sexto posto cun índice do 0,934). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance, a esperanza de vida no nacemento é de 76,8 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 99% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 95%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 31.872 $ USA.
Goberno e política
A Constitución dos EE UU entrou en vigor o 4 de marzo de 1789 e rexe o seu goberno federal. A Constitución sufriu as dez primeiras emendas en 1791, coñecidas como Declaración de Dereitos, polas que se garantiu a liberdade de expresión, de relixión, de prensa, o dereito de reunión, o dereito a presentar demandas ao goberno, e varios dereitos individuais sobre aspectos procesuais e de procedementos criminais. Entre 1795 e 1992 adoptáronse 17 novas emendas que, entre outras medidas, aboliron a escravitude e estipularon o sufraxio universal para os maiores de 18 anos. Territorialmente, os EE UU están constituídos por cincuenta estados, ademais do estado libre asociado de Puerto Rico, e diversas dependencias e territorios insulares no Mar Caribe e no Océano Pacífico. O poder executivo está formado polo presidente da República, que é comandante en xefe das Forzas Armadas e exerce de autoridade suprema nas relacións exteriores, elixido por un período de catro anos; o vicepresidente, que preside o Senate (Senado); e os secretarios dos departamentos (ministerios) designados polo presidente, así como os directores das diversas axencias gobernamentais, que cobren necesidades específicas. O poder lexislativo correspóndelle ao Congress (Congreso), integrado por dúas cámaras, o Senate e a House of Representatives (Cámara de Representantes). O Senate está formado por 100 membros, dous por cada un dos cincuenta estados, que serven durante un período de seis anos. A House of Representatives consta de 435 membros distribuídos segundo a poboación, malia que cada estado ten garantido, polo menos, un representante por un período de dous anos. O Congress exerce, ademais, o control sobre as actividades do executivo. O sistema xudicial baséase no dereito británico (Common Law), e o ordenamento prevé dous tipos de tribunais: estatais e federais. O tribunal de maior rango é a Supreme Court of the United States (Corte Suprema dos EE UU), integrado por nove membros, un presidente e oito xuíces asociados. Ocúpase de revisar as causas en instancia de apelación. O sistema xudicial complétase con doce tribunais federais de apelacións ou tribunais de circuíto, que se ocupan das apelacións dos tribunais federais de primeira instancia. Existen ademais 91 xulgados de distrito e varios xulgados especiais, como a Court of International Trade, a Tax Court, a Court of Federal Claims e a Court of Veterans Appeals. O goberno de cada un dos cincuenta estados baséase nunha constitución escrita que non pode contradicir a Constitución federal. A súa forma de goberno é republicana, e presenta unha división en tres poderes: o executivo, o lexislativo e o xudicial, igual ca o goberno federal. As principais funcións dos estados comprenden o control dos requerimentos esixidos para votar, a administración das eleccións nacionais e estatais, a supervisión do goberno municipal e dos condados, e o mantemento de autoestradas, cárceres, hospitais e centros psiquiátricos; e manteñen, ademais, os sistemas de ensino superior. Cada estado ten un aparato lexislativo dotado de dúas cámaras (agás Nebraska, que só ten unha), que representan os cidadáns na elaboración das lexislacións que afectan ao seu estado. A duración das lexislaturas varía, pero polo xeral son de dous a catro anos. A maioría dos estados divídense en condados administrados por un consello de comisionados ou sheriffs electos. Ademais, os indíxenas estadounidenses teñen dereitos constitucionais de autogoberno que emanan da súa propia soberanía. A elección do presidente e do vicepresidente é indirecta, froito dun proceso que consta de varias fases. Nas primeiras, desígnanse os delegados ás convencións nacionais dos partidos en cada un dos estados, en igual número ca os seus representantes no Congreso. Posteriormente, reúnense e nomean os candidatos á presidencia e vicepresidencia. En cada un dos estados o candidato con maior número de votos gaña todos os votos electorais (compromisarios) do estado. O candidato presidencial precisa 270 votos electorais para ser elixido. Os EE UU aceptan con reservas a xurisdición da Corte Penal Internacional. A pena de morte está en vigor en 37 dos 50 estados da Unión. Segundo os informes de Amnistía Internacional, en 2001 executáronse 85 presos, entre os que se incluían individuos menores de idade no momento do delito, presos que sufrían algunha deficiencia mental e cidadáns estranxeiros aos que lles negaron os dereitos consulares, aínda que o 21 de xuño de 2002 a Corte Suprema declarou inconstitucional a execución de discapacitados. Ratificouse ou adheriuse aos seguintes tratados: Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional, Protocolo Facultativo da Convención Sobre os Dereitos do Neno, relativo á participación de nenos nos conflitos armados, Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP), Convención Internacional sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Racial, Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967), Convención Contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanas e Degradantes. Ademais asinou, pero non ratificou, o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, a Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller e a Convención Americana sobre Dereitos Humanos (1969). O sistema político estadounidense caracterízase por un marcado bipartidismo, entre o Democratic Party (demócratas) e o Republican Party (republicanos). A política dos demócratas definiuse tradicionalmente por apoiar os investimentos sociais e redistributivos do goberno federal entre os sectores menos favorecidos, mentres que os republicanos se apoiaron nos sectores máis prósperos e conservadores, e defenderon unha política económica menos redistributiva. Existen outros grupos ou partidos políticos minoritarios, como The Reform Party, American Party, Green Parties of North America, e o Libertarian Party. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: ANZUS, Cooperación Económica Asia-Pacífico (APEC), Banco Europeo de Reconstrución e Desenvolvemento (BERD), NAFTA, OTAN, OAS, OCDE, ONU, OSCE, Comunidade do Pacífico (PC); ademais, ten a condición de observador no Consello de Europa.
Historia
Os primeiros poboadores
A chegada de poboacións humanas a América, probablemente orixinarias de Asia, a través do estreito de Bering, produciuse ao redor do ano 30.000 a C, durante un dos períodos glaciares. Inicialmente, continuaron as súas actividades tradicionais e dedicáronse á caza dos mamuts e dos bisontes nos últimos tramos das etapas glaciais. A economía destas tribos adaptouse aos diversos ecosistemas nos que se instalaron pero, en xeral, nas áreas menos fértiles vivían da caza e da recolección en grupos pequenos, e cunha organización social moi simple. Nas rexións máis fértiles desenvolveuse a agricultura e construíronse grandes poboados. Os estudios dos restos arqueolóxicos localizados, indican que o s XII foi unha etapa marcada pola seca, feito que orixinou un movemento de tribos cara ás chairas centrais a finais do século seguinte. Os pobos de lingua algonquina chegaron desde o N e a rexión dos Grandes Lagos, mentres os síux se desprazaron desde os bosques orientais, os grupos de lingua shoshona e kiowa desde o O e os grupos caddo desde o SL. Malia a diversidade de orixes, adoptaron o xeito de vida das praderías, baseado na caza do bisonte, do que obtiñan alimento, vestimenta e ferramentas. Seguían as súas mandas cara ao O e ao N en primavera e volvían ao S e ao L para pasar o inverno. As tensións entre as diversas tribos polos territorios de caza provocou enfrontamentos entre elas que, nalgúns casos, se fixeron permanentes. Calcúlase que no s XV a poboación dos nativos americanos no territorio dos EE UU de América achegábase a 1.500.000 h, distribuídos entre 58 familias lingüísticas diferentes, que constituían esporádicas confederacións.
O descubrimento e a repartición territorial de América do Norte
Os primeiros contactos coas poboacións europeas producíronse no s XI, cando os viquingos islandeses, ao mando de Leif Ericson, chegaron á costa oriental de América do Norte. Pero, a pouca entidade dos restos localizados en Terranova, suxiren que o poboamento non tivo continuidade. Trala chegada de Cristovo Colón a América, en outubro de 1492, iniciouse o proceso de colonización en Centroamérica e Sudamérica, durante o que os españois conquistaron os territorios do S e do O dos actuais EE UU. No s XVI, tralas viaxes do navegante Giovanni Caboto ao servizo da coroa inglesa (1497-1498), os británicos reclamaron os seus dereitos sobre a costa atlántica de Norteamérica. Desde o vicerreinado de Nova España, os españois enviaron as expedicións de Alvar Núñez Cabeza de Vaca (1528-1532), Hernando de Soto (1538-1541), Francisco Vázquez de Coronado (1540-1544) e Juan Rodríguez Cabrillo (1542), que percorreron o S e o O dos futuros EE UU. Fundaron algunhas colonias neste territorio, como San Agustín, en Florida (1565), Santa Fé, en Novo México (1609) e San Diego, en California (1769), pero o dominio real do territorio limitouse a unha liña de fortificacións e misións ao redor das que se agruparon pequenas poboacións. Ao mesmo tempo os franceses estendíanse desde a súa base de Québec (1608) e fundaron Montréal (1642), non obstante as ameazas das tribos iroquesas e dos ingleses das Trece Colonias impediron a súa consolidación. A implantación dos ingleses comezou na costa atlántica, coa fundación de Jamestown en Virginia (1607). As colonias inglesas constituíronse fundamentalmente por tres vías: concesións da coroa aos lord-propietors residentes en Inglaterra (Carolina, Maryland, New Hampshire, New Jersey, Maine e Pennsylvania); concesións a chatered companies, compañías comerciais de accionistas residentes tamén en Inglaterra (Virginia); e territorios redimidos polas comunidades fundadoras (Massachusetts, Rhode Island e Connecticut), entre 1606 e 1682. Os puritanos británicos, calvinistas defensores dunha auténtica reforma que eliminase os vestixios católicos da Igrexa anglicana, estableceron colonias en Nova Inglaterra, baseadas nos seus ideais relixiosos (o éxito na vida reflectía o favor de Deus e distinguía aos que irían ao paraíso trala morte), e nas que practicaban unha moral social ríxida e con frecuencia intransixente. En 1620, un grupo de puritanos chegaron no barco Mayflower e establecéronse en Plymouth, Massachusetts. Fundaron Salem (1628) e Boston (1630), e en 1635 estendéronse cara a Connecticut. A migración continuou e Nova Inglaterra dotouse dun goberno formado por un Consello Xeral (1629), que pasou a ocuparse das cuestións lexislativas, e adoptou un Código de Liberdades (1641). A ríxida disciplina e a intolerancia relixiosa das comunidades puritanas provocou a creación de novas colonias e comunidades, caracterizadas pola separación entre o Estado e a Igrexa. Así, fundáronse as colonias de Maryland (1634) como refuxio para os católicos de Rhode Island (1635), mentres os disidentes puritanos fundaron Withersfield e Hartford (1636), New Haven (Connecticut) e Portsmouth (Rhode Island) en 1637, e os cuáqueros a colonia de Pennsylvania (1681). A tolerancia relixiosa incentivou o establecemento de novos grupos de colonizadores non británicos: alemáns en Pennsylvania, suecos en Delaware e holandeses na illa de Manhattan, onde construíron a cidade de Nova Amsterdam. A finais do s XVII os colonos franceses enfrontáronse cos británicos polo control do comercio de peles na baía do Hudson e polo río San Lourenzo. Estendéronse pola rede fluvial do Mi-ssissippi ata a desembocadura no golfo de México, e constituíron Louisiana (1682), que a mediados do s XVIII acadou unha poboación de 65.000 h. Os enfrontamentos entre Luís XIV de Francia e Guillerme III de Inglaterra prolongáronse nas súas colonias americanas entre 1690 e 1713, coa paréntese da Paz de Ryswick (1697). Como consecuencia, Francia tivo que cederlles aos británicos os territorios da baía de Hudson e Terranova. A colonia británica de Georgia fundouse en 1732 como colonia de rehabilitación para os presidiarios ingleses, situada entre os ríos Altamaha e Savannah, na fronteira cos españois de Florida. Cara ao 1733, os ingleses estendéranse pola costa do Atlántico, desde New Hampshire no N ata Georgia no S, e constituíron trece colonias, que compartían a tradición dun sistema de goberno representativo coas súas propias leis aprobadas polas asembleas. Estas asembleas, elixidas por sufraxio restrinxido polos varóns brancos propietarios de terras, tiñan, entre as súas atribucións, asignarlles o salario aos gobernos rexionais coloniais e elixir os funcionarios. Dispuñan ademais do subministro do fisco británico a través das canles impositivas e incluso de homes e armas en caso de guerra. Fronte a esta estrutura, os gobernadores coloniais, designados polo monarca británico, tiñan un papel simbólico e limitábanse a acatar as ordenanzas e os proxectos de lei promulgados polas asembleas. As terras concedíanse gratuitamente aos colonizadores, mediante a subinfeudación, ou a plena propiedade para aqueles poboadores que se pagaban a viaxe e a instalación, a miúdo en proporción ao capital investido para instalarse e á cantidade de fillos, serventes ou escravos. A man de obra forzada ou mercada (de orixe europea ou africana) era minoritaria nas colonias do N, pero predominaba no S (Virginia, Carolina do Norte e Carolina do Sur), onde se desenvolveu unha economía de plantacións e monocultivo (tabaco e arroz). Así, Virginia contaba con 59.000 escravos en 1714 e chegou aos 697.000 en 1790. Os avances na exploración polo Océano Pacífico, protagonizados polos españois desde o S, diminuíron durante o s XVII cando comezaron a introducirse comerciantes e cazadores ingleses e franceses. Mentres, os rusos atravesaron o estreito de Bering (1648) e principiaron as súas exploracións polo extremo NO do continente, Vitus Bering chegou ás rexións costeiras de Alasca e ás Illas Aleutianas (1741), onde crearon asentamentos. Desde estes núcleos, os seus navíos percorrían a costa ata California e cazaban focas e lontras mariñas. As posesións españolas en California, Novo México e Texas non se organizaron coas misións ata mediado o s XVIII.
Os antecedentes da independencia
As Trece Colonias acadaron os dous millóns de habitantes a mediados do s XVIII, mentres que o Canadá francés, cunha baixa densidade de poboación, contaba só cuns 54.000 h. Durante a Guerra dos Sete Anos, que no territorio das Trece Colonias se coñeceu como a derradeira Guerra Franco-India (1754-1760), as forzas británicas tomaron as prazas canadenses de Louisburg (1758), Québec (1759) e Montréal (1760). Polo Tratado de París (1763), Francia perdeu as súas posesións en América do N (Canadá, a Rexión dos Grandes Lagos e os territorios ao L do Mississippi), que pasaron a mans dos británicos. Mentres, España, que se aliara con Francia durante este conflito, recibiu dela os territorios localizados ao O do Mi-ssissipi por un pacto secreto (1760), pero perdeu Florida, aínda que a recuperou entre 1783 e 1819. A vitoria británica supuxo para os colonos un incremento do control da metrópole e detivo a expansión cara ao O, máis alá das fontes dos ríos atlánticos, ao tempo que esixiu o respecto dos territorios indios pola Boundary Proclamation (1763). O goberno británico aprobou novos impostos sobre o azucre (Sugar Act 1764), o café, os téxtiles e outros bens importados (Stamp Act 1764), ao tempo que lle concedeu o monopolio do té á East India Company, como vías para financiar a débeda contraída pola metrópole na defensa das colonias norteamericanas durante o conflito, pero xerou malestar e resentimento entre a poboación americana. Malia que o Parlamento británico revogou a Stamp Act, a tensión entre a metrópole e as colonias incrementouse, e as taxas aduaneiras para as importacións americanas (Townshend Acts 1767) provocaron o boicot dos produtos británicos e desataron mobilizacións e enfrontamentos en Boston a partir de 1770. Tralo Tea Party de Boston (1773), as autoridades británicas pecharon o porto, estableceron o estado de excepción e promulgaron as Leis Intolerables, polas que restrinxiron a independencia do goberno colonial de Massachusetts e incrementaron a presenza de forzas británicas no porto de Boston. Nestas circunstancias, en setembro de 1774 celebrouse en Philadelphia o Primeiro Congreso Continental, no que os representantes dos Trece Estados redactaron unha Declaración de Dereitos e suspenderon o comercio co Reino Unido mentres non se restablecera a situación anterior a 1763. Os colonos comezaron a organizarse en milicias. As posicións radicalizáronse e o 18 de abril de 1775 produciuse o primeiro enfrontamento entre as milicias norteamericanas e as tropas reais en Lexington, que marcou o comezo da Guerra de Independencia (1775-1783). O Segundo Congreso Continental, que se celebrou en Philadelphia en maio de 1775, asumiu as funcións dun goberno nacional, creou un exército e unha mariña ao mando de George Washington, imprimiu papel moeda, e iniciou relacións diplomáticas coas potencias estranxeiras. En setembro de 1776, os británicos tomaron Nova York e un ano despois Philadelphia, pero trala derrota do xeneral británico John Burgoyne en Saratoga, en outubro de 1777, produciuse un cambio no conflito. Benjamin Franklin, embaixador dos sublevados, emprendeu unha campaña a favor da causa norteamericana en París, pola que Francia asinou unha alianza cos sublevados en febreiro de 1778, e España interveu ao seu favor. A partir de 1778 a loita trasladouse ao S e, trala derrota das tropas británicas do xeneral George Cornwallis (1781) en Yorktown (Virginia) fronte a un exército franco-americano dirixido por G. Washington, o goberno británico buscou a paz. Polo Tratado de París (3.9.1783), o Reino Unido recoñeceu a independencia dos Estados Unidos de América e concedeulle á nova nación os territorios situados ao L do río Mississippi, desde o N de Florida ata o S de Canadá. A loita pola independencia supuxo tamén unha transformación legal, que se recolleu na Declaración de Independencia de Thomas Jefferson, aceptada polo Congreso o 4 de xullo de 1776, nas constitucións de cada un dos Trece Estados (1775-1780) e na posterior Constitución Federal (1789), na que reflectiron os principios de soberanía popular, república, separación dos poderes, responsabilidade dos gobernantes, bicameralismo, liberdade relixiosa, política e de prensa, xunto aos dereitos dos estados confederados. As aplicacións prácticas destes principios supuxeron o sufraxio obrigatorio xeral, a desamortización, a abolición da primoxenitura, da xurisdición e dos propietarios señoriais, a confiscación dos dominios da coroa e dos lord-propietors e a prohibición do tráfico de escravos africanos. O tema da abolición da escravitude, que fora proposto polos cuáqueros e os menonitas desde mediados do s XVIII, e retomado por Franklin, Jefferson e Washington durante a guerra, deixouse á discreción de cada un dos estados federados, de xeito que no N a escravitude desapareceu entre 1775 e 1800, e pola Northwest Ordinance (1787) prohibiuse a súa extensión a novos territorios ao N de Ohio.
A conquista do oeste
A comezos do s XIX a nación síux estendíase polas praderías do N, nunha área que ocupaba os actuais estados de Dakota do Norte e Dakota do Sur, o N de Nebraska, o L de Wyoming e o SL de Montana. Tralo recoñecemento da soberanía dos EE UU sobre os territorios situados ao L do Mississippi, cada unha das antigas colonias continuou enviando poboación a estes territorios e fixéronse cesións gratuítas de terras ao O como pago aos servicios dos ex-combatentes na Guerra de Independencia, que se constituíron en novos estados, como Kentucky (1792) e Tennessee (1796). En 1802 redactouse a Public Land Act, na que se prevía que cada novo territorio tivese representantes propios no Congress e puidese converterse nun estado da Unión cando acadase os 60.000 h, pola que se integraron os novos estados de Ohio (1802) e Dakota (1803). Despois da compra a Francia de Louisiana polos EE UU, incrementáronse as caravanas e os asentamentos, mentres os cazadores de bisontes comezaban os enfrontamentos coas tribos das praderías do S. Este novo territorio deu orixe aos estados de Louisiana (1812) e Missouri (1820), e tamén a unha boa parte dos futuros estados de Dakota, Wyoming e Nebraska. Unha nova guerra con Gran Bretaña (1812-1814) supuxo unicamente a eliminación dos fortíns que conservaban os británicos no NO, e rematou coas intrigas que o Reino Unido fomentaba entre os indios contra os EE UU. Trala guerra, viviuse un período de rápida expansión económica, durante o que chegaron grandes masas de poboación, que se instalaron nos novos territorios e deron lugar á creación dos estados de Indiana (1816), Mississippi (1817), Illinois (1818) e Alabama (1819). Mentres, os futuros estados de Arkansas, Kansas e Oklahoma conserváronse como territorios indios, onde foron trasladados en masa ás tribos expulsadas dos novos estados. A poboación dos EE UU continuou incrementándose a un ritmo acelerado e pasou de 2.500.000 h na época da independencia a 5.308.483 h en 1800, e 9.638.453 en 1820. O territorio articulouse coa construción dunha rede nacional de estradas, camiños e canles, que permitiron o movemento de mercadorías e viaxeiros polos novos estados, ao tempo que os buques de vapor empregaban as vías fluviais. O Compromiso de Missouri (1820), que autorizou a escravitude nos estados situados ao S do paralelo 36°N, estableceu un certo equilibrio no país entre estados escravistas e abolicionistas, pero coa adquisición de novos territorios axiña desapareceu. A expansión dos agricultores e gandeiros que chegou ao Mississippi a comezos do s XIX estendeuse polas Grandes Chairas a mediados do s XIX e a finais do s XIX estaba nas Montañas Rochosas. Mentres, a rexión de Nova Inglaterra experimentou un importante desenvolvemento industrial coa aparición de fábricas téxtiles, de fundicións en Pennsylvania e do primeiro ferrocarril de vapor en Baltimore (Maryland) en 1830. O incremento das terras agrícolas usurpadas ás tribos indíxenas resultaba especialmente atractivo para os terratenentes sudistas que posuían plantacións de algodón. Nos novos territorios onde a escravitude era legal boicoteouse a inmigración dos pioneiros e a cesión de terras destinadas a promover a pequena e mediana propiedade libre, ao tempo que a liberdade de opinión desaparecía, o sufraxio era restrinxido e os cargos reservábanse aos pro-escravistas; a pequena minoría branca de propietarios de escravos facía a lei e impuña a súa ideoloxía antiliberal e racista contra os negros, os europeos do S e os ianquis (os do N). Na primeira metade do s XIX produciuse un claro desequilibrio a favor dos estados escravistas, que dominaron no Congress, na Supreme Court e na presidencia. A expansión dos estados escravistas sobre Texas completouse durante a presidencia de James Knox Polk e, trala guerra con México (1846-1848), asinouse un tratado de paz que estableceu a fronteira entre Texas e México ao longo do Río Grande. Por este acordo México perdeu as rexións de California e Novo México, que formaron os actuais estados de California, Nevada, Utah, Arizona e Novo México. En 1846, tralo acordo cos británicos, o territorio de Oregon situado ao S do paralelo 49°N, (actuais estados de Washington, Idaho, Oregon e parte de Montana e Wyoming) pasou a formar parte dos EE UU.
A Guerra de Secesión
A elección como presidente de Abraham Lincoln, coñecido antiescravista, exacerbou as paixóns no S que, malia a súa inferioridade numérica, 6 millóns de brancos fronte aos 19 millóns dos estados do N, e económica, o N controlaba a flota e posuía o 90% da industria pesada, confiaba na súa superioridade militar. Carolina do Sur, onde a poboación escrava superaba a libre, declarouse independente o 20 de decembro de 1860. Florida, Louisiana, Texas, Mississippi, Alabama e Georgia, onde se concentraba a maior parte da poboación de escravos negros, secundárona e constituíronse na República dos Estados Confederados de América, á que se uniron Arkansas, Carolina do Norte, Virginia e Tennessee cando xa comezara a guerra. Mentres, os border states (Delaware, Maryland, Kentucky, Missouri e Virginia Occidental) mantivéronse fieis á Unión malia ser estados escravistas. A guerra, que comezou coa toma de Fort Sumter polos sudistas, presentou dúas etapas diferenciadas. Durante a primeira, que se estendeu ata 1863, o exército confederado de Virginia dirixido por Lee, derrotou as tropas federais nas batallas de Bull Run (xullo de 1861), nas campañas do Shenanadoah (marzo a xuño de 1862), Antietam (setembro de 1862), Fredericksburg (decembro de 1862) e Chancellorville (maio de 1863). Mentres, no O, a guerra favoreceu a Unión, que despois de derrotar os sudistas nas batallas de Shiloh e Vicksburg, fíxose en xullo de 1863 coa rexión do Mississippi e dividiu en dous os estados confederados. Nese momento, tralo avance das tropas confederadas sobre Pennsylvania, ambos os dous exércitos enfrontáronse en xullo de 1863 na Batalla de Gettysburg, pero ningún dos dous conseguiu a vitoria e Lee decidiu volver cara ao S. Esta batalla marcou un cambio na guerra e, mentres que o bloqueo das costas do S pola flota federal lles impediu vender as colleitas de algodón do S e adquirir novo armamento en Europa, o novo líder dos exércitos federais, o xeneral Grant, emprendeu a ocupación dos portos da Confederación e ataques en todas as frontes. Tralas derrotas dos exércitos do S en Chattanooga (setembro de 1863), Knoxville (novembro de 1863) e Atlanta (xullo de 1864), produciuse a rendición dos confederados en Appomattox, o 9 de abril de 1865. Durante esta guerra, os xenerais nordistas, como Sheridan ou Sherman, practicaron unha guerra total, na que devastaron as zonas invadidas e incendiaron e saquearon cidades e colleitas. O conflito, que provocou ao redor de 700.000 mortos, supuxo o emprego con fins bélicos dos novos medios que proporcionaba a tecnoloxía, como o ferrocarril para o transporte de tropas e armamento, e o telégrafo para a transmisión da información.
A derradeira fronteira
A fronteira estaba limitada polos estados de California (1848) e Oregon (1859) no Pacífico, mentres polo L se estendía entre Minnesota, que se converteu en estado en 1858, Iowa e Texas. Os territorios indios, que dende a independencia perderan extensión en cada novo tratado (1820, 1845 e 1854), ou desapareceran no caso das tribos aliadas cos inimigos dos EE UU (1783, 1814 e 1865), minguaron despois de cada novo descubrimento de xacementos na fronteira mineira de Colorado, Idaho, Montana, Wyoming, Dakota do Norte e Dakota do Sur que se converteron en estados entre 1876 e 1890. Durante o proceso de construción das liñas ferroviarias de costa a costa, que comezaron a funcionar en 1869, as compañías promoveron a destrución das mandas de bisontes, pois obstaculizaban a construción de vías e a libre circulación e, ao mesmo tempo, aceleraron a extinción dos indios, pois a súa supervivencia dependía deste animal. O derradeiro territorio indio desapareceu coa creación do estado de Oklahoma (1907). A poboación india descendeu ata pouco máis de 200.000 h en 1900, dispersos en reservas polos futuros estados de Oklahoma, Arizona e Novo México, despois de máis de vinte anos de guerras xenocidas do exército dos EE UU. No último terzo do s XIX produciuse unha grande expansión industrial e ferroviaria, xunto á concentración (primeiro trusts, como a Standar Oil dos Rockefeller ou a Union Stell). O goberno federal axudou as grandes empresas coa concesión de créditos a moi baixo interese e cun prazo de devolución de vinte anos, ou o agasallo de grandes extensións de terras, ao tempo que mantivo unha política de tolerancia cara ás medidas impostas polos empresarios. Unha das consecuencias do proceso de industrialización foi unha paulatina organización dos traballadores, que defendían a redución na xornada laboral e outras melloras. O descontento entre os traballadores polas condicións insalubres dos traballos e os baixos salarios desataron violentas folgas nas industrias na década de 1890, como as da Carnegie Steel en Homestead, Pennsylvania (1892), ou as dos traballadores do ferrocarril de Chicago (1894). Os últimos anos do s XIX foron un período difícil para os agricultores, marcado pola caída nos prezos dos alimentos, mentres que se producía un incremento nas tarifas de embarque das súas mercadorías no ferrocarril, das hipotecas, dos impostos e dos aranceis sobre os bens de consumo. A finais do s XIX, consolidouse o sistema político bipartidista ao redor dos republicanos e os demócratas, que alternaron no poder, pero mantiveron o consenso nas grandes liñas da súa política interior e exterior. As medidas do goberno sobre a poboación indíxena modificáronse durante o s XX e, tralo descubrimento de petróleo nas reservas indias, estendeuse a nacionalidade estadounidense aos indíxenas (1923), que incrementaron a súa poboación ata triplicar a de comezos do s XX en 1973.
A fin da expansión territorial e o desenvolvemento industrial
Trala conquista da última fronteira, os EE UU víronse favorecidos pola Segunda Revolución Industrial e o descubrimento de petróleo no O, mentres a súa poboación pasou de 31.443.321 h en 1860 a 75.994.575 no 1900. Baixo as presidencias de W. McKinley e T. Roosevelt emprendeuse a expansión polo Caribe e o Pacífico, entre 1897 e 1909, a Cuba, Puerto Rico, Filipinas, Hawaii e Panamá. Este proceso estivo precedido por décadas de penetración económica, que definiron un novo imperialismo caracterizado pola multiplicación das bases navais, inicialmente no triángulo Alasca-Hawaii-Panamá, e polo investimento de capitais privados protexidos pola influencia política nos estados independentes ou pola intervención militar cando esta non bastaba, coñecida como política do Big Stick, e reservada inicialmente a Hispanoamérica. A comezos do s XX estendeuse polos EE UU un movemento para a reforma da sociedade mediante a acción do goberno, que loitou contra a corrupción e, entre outras medidas, promulgou leis que restrinxían o traballo dos menores, protexían as obreiras, limitaban as horas de traballo e estipulaban as compensacións dos traballadores. Os abastecementos e os créditos proporcionados ás potencias europeas dende 1913, e a partir de novembro de 1917 a súa intervención na Primeira Guerra Mundial, convertérono na primeira potencia mundial, e trala súa finalización os EE UU adoptaron medidas destinadas a limitar o número de inmigrantes (1921), que se endureceron en 1924 e 1929. Con estas medidas favorecíanse os inmigrantes ingleses, irlandeses, escandinavos e alemáns, mentres que os asiáticos foron excluídos e os europeos orientais e meridionais viron moi reducidas as súas cotas.
Da crise de 1929 á Guerra Fría
A crise de 1929, que elevou a 11.000.000 o número de desempregados, prolongouse durante a presidencia de Franklin D. Roosevelt (1933-1945), que emprendeu o New Deal para controlar a crise financeira. Colocou grandes masas de desempregados nun programa denominado Work Progress Administration (WPA) que, coa financiación do goberno federal, emprendeu a construción de estradas, pontes, aeroportos, hospitais e edificios públicos. Ademais, dende a Tennessee Valley Authority (TVA), desenvolveuse un plan para a construción dunha rede de encoros na rexión SO. En 1933 emprendeu a Agricultural Adjustment Act (AAA), programa que introduciu controis na produción para equilibrar a oferta e a demanda, facilitou a reforestación e conservación de espacios naturais, e proporcionou subvencións para restrinxir a produción agrícola. Ao mesmo tempo establecéronse unha serie de medidas sociais e coa National Industrial Recovery Act (NIRA) tentou aplicar un esquema de estabilización industrial deseñado para manter a estabilidade dos prezos e promover a formación de sindicatos. En 1935 aprobouse a Social Security Act, pola que se estableceron as pensións de vellez e un programa de seguro de desemprego. Non obstante , a regulación da emisión de valores bursátiles, reforzada pola Securities and Exchange Commission, incrementou a oposición dos empresarios. Os beneficios xerados polas leis de contidos sociais outorgáronlle o apoio da clase obreira, dos afroamericanos e doutras minorías urbanas, ademais dos movementos laboristas. Fronte á tradicional política de illamento da década de 1920, F. D. Roosevelt implicou os EE UU na política internacional ante o expansionismo xaponés no Pacífico e o de Hitler en Europa. Malia que o Congress aprobou un conxunto de leis de neutralidade que definiron a súa posición nos comezos da Segunda Guerra Mundial, trala ocupación de Francia polos alemáns en 1940, aprobou a lexislación lend-lease, unha Lei de Préstamo e Arrendo, para axudar o Reino Unido na súa loita contra Alemaña. Malia as melloras na economía, froito dos programas gobernamentais, os EE UU non saíron da crise ata que o esforzo bélico de comezos da Segunda Guerra Mundial absorbeu o excedente de man de obra e incorporouna ás industrias bélicas e ao exército. Durante a Segunda Guerra Mundial consolidou a súa hexemonía facilitándolles préstamos aos aliados dende o inicio da guerra por valor de centos de millóns de dólares e abastecéndoos de armamento. Despois do ataque xaponés a Pearl Harbor (Hawaii) o 7 de decembro de 1941, EE UU entrou no conflito xunto ao Reino Unido e a URSS, e enviou a Europa máis de 2.000.000 de combatentes. A pesar dos avances iniciais dos xaponeses no Pacífico, en 1942 os norteamericanos conseguiron vitorias no mar do Coral, Midway e Guadalcanal. As forzas estadounidenses comezaron a campaña no N de África en novembro de 1942 e chegaron á Italia continental en 1943. O seu avance por Italia foi moi lento pola resistencia das tropas alemanas e non chegaron a Roma ata o 4 de xuño de 1944. Tralo Desembarco de Normandie (6.6.1944), as tropas aliadas liberaron Francia e, en setembro dese ano, cruzaron a fronteira de Alemaña. Malia o contraataque alemán nas Ardenas en decembro de 1944, as forzas aliadas uníronse coas soviéticas en Alemaña o 25 de abril de 1945. Os alemáns rendíronse o 5 de maio de 1945. As tropas dos EE UU no Pacífico, comandadas polo xeneral Douglas MacArthur, conquistaron Filipinas en outubro de 1944 e chegaron ás illas de Iwo Jima, no Pacífico Central, en marzo de 1945, e a Okinawa en xuño de 1945. O ataque estadounidense con bombas atómicas das cidades xaponeses de Hiroshima e Nagasaki, en agosto de 1945, puxo fin á Segunda Guerra Mundial. O sistema monetario internacional que se estableceu despois da contenda, segundo as liñas definidas na conferencia de Bretton Woods en xullo de 1944, outorgou aos EE UU un papel fundamental, pois posuían o 80% das reservas mundiais de ouro, e o dólar converteuse na base do sistema comercial internacional. Nese mesmo ano, nos acordos de Yalta e Postdam, EE UU, Reino Unido e URSS estableceron as bases da política futura e definiron as áreas de influencia. O endebedamento europeo desembocou nunha semidependencia económica e política da Europa Occidental dende 1945, onde se multiplicaron os seus investimentos de capital e as bases militares.
A política de bloques da Guerra Fría
Dende 1945 a hexemonía dos EE UU enfrontouse coa da URSS, no que foi o desenvolvemento da política de bloques durante a denominada Guerra Fría. Ante a crise que se vivía na Europa Occidental, considerada polos EE UU como unha situación de risco para a expansión do comunismo, o Congress aprobou o European Recovery Program (ERP), máis coñecido como Plan Marshall, que permitiu as axudas aos gobernos para préstamos á agricultura e ás industrias nacionais, un 10% a través de préstamos e o 90% mediante doazóns. Dende abril de 1948 o Plan Marshall comezou a aplicarse na Europa Occidental. En 1949 o presidente H. Truman estendeu a outras áreas os principios que inspiraron o Plan Marshall e puxo en funcionamento o Programa dos Catro Puntos, no que proclamou a responsabilidade a escala mundial dos EE UU e estendeu a axuda financeira aos países do Terceiro Mundo. En abril de 1949 os EE UU aliáronse con Canadá, Reino Unido, Francia, Bélxica, os Países Baixos, Italia, Luxemburgo, Noruega, Dinamarca, Islandia e Portugal para crear a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN). Na política interior, a Guerra Fría e o temor aos comunistas reflectiuse en campañas como a denominada “caza de bruxas”, que emprendeu en 1950 o senador republicano Joseph McCarthy desde o Comité de Actividades Antiamericanas do Senate. Esta comisión investigou as posicións ideolóxicas de multitude de artistas e intelectuais da época, ao mesmo tempo que o Congress aprobou un conxunto de normas que permitiu a investigación de todas as organizacións acusadas de simpatizar cos comunistas, mentres que se restrinxiu a inmigración. A primeira intervención militar anticomunista dos EE UU, consecuencia da Guerra Fría, foi a Guerra de Corea (1950-1953). As tropas da ONU dirixidas polo xeneral D. MacArthur e concentradas no S da península de Corea, contraatacaron na retagarda do exército norcoreano e fixérono retroceder ata a fronteira entre Corea do Norte e China. A intervención das forzas chinesas en novembro de 1950 obrigou á retirada das forzas da ONU ao S do paralelo 38°N. O presidente Truman relevou a MacArthur do mando das tropas (11.4.1951), pois pretendía emprender un ataque aéreo e marítimo contra os chineses. Meses máis tarde comezaron as negociacións de paz, pero os problemas económicos e políticos que se derivaron favoreceron o triunfo do partido republicano nas eleccións de 1952. Durante a presidencia do republicano Dwight D. Eisenhower (1953-1960), tralo armisticio de Corea (1953), a política exterior definiuse polo antagonismo permanente coa URSS, co obxectivo de disgregar o bloque comunista e liberar os pobos sometidos por medio de pactos militares e axudas económicas. Unha prolongación desta doutrina reflectiuse nos apoios e garantías que proporcionaron os estadounidenses aos estados de Oriente Próximo e Oriente Medio fronte aos ataques e presións da URSS. Mentres, no interior, estendeuse a loita contra a segregación racial, liderada por Martin Luther King, e desapareceu o control sobre os salarios e os prezos, ao mesmo tempo que se creou o departamento de Saúde, Educación e Benestar Social. Ao final do seu mandato triunfou a revolución cubana (1959). Na presidencia de J. F. Kennedy reorientouse a política exterior, incrementouse o seu potencial militar, minimizáronse as hostilidades entre os seus aliados e ampliáronse os programas de axuda a novos países. O incremento na tensión entre os bloques trala construción do muro de Berlín (1961) e a ruptura de relacións co réxime castrista en xaneiro de 1961, agravouse co fracasado intento de invasión de Cuba, apoiada e financiada polos EE UU (1961), que forzou un achegamento entre Cuba e a URSS e a instalación dos mísiles soviéticos na illa (1962). A crise dos mísiles saldouse cun achegamento entre ambas superpotencias (1963). Mentres, en Hispanoamérica, as medidas adoptadas polo presidente J. F. Kennedy non impediron o incremento das guerrillas, consecuencia da situación de desigualdade da rexión, e comezaron os envíos de tropas estadounidenses a Vietnam (1962). A violencia racista contra os afroamericanos favoreceu a aparición de grupos antisegregacionistas que se desvincularon das estratexias pacíficas de M. Luther King, e representaron unha nova conciencia negra e agresiva como os Black Muslims (Musulmáns Negros), de Elijah Muhammad e Malcolm X, e os Black Panthers (Panteiras Negras). Tralo asasinato do presidente Kennedy (22.11.1963), o vicepresidente Lyndon B. Johnson accedeu á presidencia e durante o seu goberno aboliu a segregación racial e recoñeceu o estatuto de igualdade (2.6.1964) no que se recollían, entre outros aspectos, o dereito ao voto, o libre acceso ás institucións académicas, políticas e administrativas, e o libre uso dos medios de transporte públicos. Pero, as tensións raciais prolongáronse durante os anos seguintes; os líderes Malcolm X (1965) e Luther King (1968) morreron asasinados e producíronse disturbios en máis de cen cidades. Durante o mandato de L. B. Johnson aprobáronse ademais un conxunto de leis e programas sociais, entre outros, a axuda federal para a educación, as artes e as humanidades; o seguro de saúde para os anciáns (Medicare) e para os pobres (Medicaid), e vivendas a baixo prezo. As intervencións militares en Vietnam dende 1965 tiveron un elevado custo tanto humano (segundo o Pentágono morreron 56.237 soldados e quedaron feridos ou lisiados 303.654), como material (ó redor dos 150.000 millóns de $ USA), e desencadearon protestas entre os universitarios e os afroamericanos. Fronte aos escasos resultados militares, especialmente despois das ofensivas que varreron os americanos en 1968, e a impopularidade da guerra, o goberno emprendeu a retirada. Na década de 1960 creouse e desenvolveuse un complexo militar e industrial, o Pentágono, con imbricacións entre os seus dirixentes e os conglomerados industriais provedores de materiais para o exército. O prolongado período de crecemento económico que comezou en 1945, veu marcado pola expansión das empresas transnacionais como Ford, General Motors, as petroleiras Exxon e Mobil Oil, a General Electric e a International Business Machine (IBM), entre outras. Esta etapa caracterizouse pola mobilidade social e un incremento case que constante dos salarios, feito que permitiu un cómodo nivel de vida para a maioría dos estadounidenses ata que comezou a declinar a finais da década de 1960. O republicano Richard M. Nixon, elixido en 1968, anunciou unha retirada gradual das tropas de Vietnam en setembro de 1969, que non se produciu ata 1973, e emprendeu unha política de achegamento a China e á URSS con viaxes oficiais a estes países. Malia que acadou a reelección nas eleccións de novembro de 1972, a súa implicación no escándalo de espionaxe político coñecido como Watergate (1973-1974), levouno á dimisión; sucedeuno o vicepresidente Gerald R. Ford (1974), que continuou a política do seu antecesor. Combateu a inflación e despois dun encontro con Brežnev en novembro de 1974, asinaron o primeiro Tratado de Limitación de Armas Estratéxicas (SALT I). O desprestixio do partido republicano a consecuencia do escándalo do Watergate e da deficiente administración de G. R. Ford, facilitou a vitoria do candidato demócrata James E. Carter en 1977. A súa presidencia destacou pola moderación na carreira de armamentos, acompañada da defensa dos dereitos humanos. Acadou éxitos diplomáticos como os acordos de paz de Camp David entre Israel e Exipto (1978); asinou un acordo co líder panameño Omar Torrijos (1977), polo que a soberanía sobre a canle de Panamá volvería ao seu país, e continuou a política de achegamento a China despois de finalizar as súas relacións con Taiwán (1978). Non obstante , a mala situación económica que supuxo unha diminución do poder adquisitivo do $ USA, xunto á invasión de Afganistán pola URSS (1979) e a ineficiencia do goberno Carter ante os ataques do Irán de Khomeynī e a crise da embaixada en Teherán (1979-1980), levárono á derrota nas eleccións. Durante os gobernos do conservador Ronald Reagan (1980-1988) adoptáronse medidas económicas ultraliberais cun incremento do gasto en defensa e unha redución dos investimentos en asistencia social. No exterior emprendeuse unha política de intervencións armadas contra o comunismo (invasión de Grenada en 1984 e apoio á guerrilla antisandinista de Nicaragua), e de soporte aos reximes de extrema dereita de América Latina, África e Oriente Medio. Como consecuencia, o complexo industrial-militar dinamizou a economía, ao tempo que se incrementaron as desigualdades sociais. Despois da súa reelección (1984), aprobou un programa de investigación sobre a defensa contra os mísiles no espazo para o s XXI, coñecido como Guerra das Galaxias. Para conter a presenza militar da URSS en Asia, Reagan estableceu acordos con China e asinou un tratado de cooperación sobre enerxía nuclear (1985). O escándalo coñecido como Irangate (1986), provocado pola venda de mísiles da CIA a Irán para financiar a guerra en Nicaragua, provocaron un descenso da súa popularidade; ademais, os problemas da economía, cun incremento na débeda externa que chegou a triplicar os datos anteriores ao seu goberno, e a crise bolsista que se desenvolveu en outubro de 1987 como consecuencia das especulacións, marcaron o final do seu mandato. Nas eleccións de 1988 foi elixido presidente o republicano George Bush, anterior vicepresidente con R. Reagan, que mantivo a política intervencionista do seu antecesor. En América Central invadiu Panamá (1989) e derrocou o goberno do xeneral Noriega, mentres que trala invasión de Kuwait por Iraq (1990), os EE UU encabezaron unha coalición internacional que derrotou os invasores durante a Guerra do Golfo (18.1.1991-28.2.1991). Concluído o conflito, os EE UU enfrontáronse cunha profunda recesión económica marcada polo déficit federal. A pesar dos avances na negociación do Tratado de Libre Comercio para América del Norte durante o seu goberno, non se aprobou ata o mandato de William J. Clinton, anterior gobernador de Arkansas, que accedeu á presidencia tralas eleccións de novembro de 1992 e que se enfrontou cun elevado déficit público. Adoptou medidas para reducilo, principal preocupación da opinión pública, e estimulou os investimentos, tanto públicos coma privados, como vía para asegurar a creación de emprego e competividade da industria, apoiou a innovación tecnolóxica, mellorou os programas de sanidade e estimulou a ecoloxía. A súa intervención como mediador no conflito árabe-israelí (1995) e na Guerra de Bosnia, que concluíu coa firma dos Acordos de Dayton (1995), favoreceron a súa reelección para un segundo mandato en 1996. Neste novo período de goberno mantivo os bos resultados económicos da etapa anterior e, malia que tivo que enfrontarse a un proceso de destitución pola súa relación coa bolseira Monica Lewinsky, foi absolto. Interveu contra Iugoslavia durante a crise de Kosovo á fronte da OTAN. As disputadas eleccións de 2000 decidíronse a favor do candidato republicano George W. Bush, fillo do ex-presidente George Bush, que tomou posesión do seu cargo en 2001. A súa política viuse condicionada polos atentados terroristas que se produciron o 11 de setembro de 2001 en Nova York e Washington, que destruíron o World Trade Center (As Torres Xemelgas) e parte do Pentágono. Como consecuencia, os EE UU emprenderon unha guerra global contra o terrorismo, enfocada inicialmente contra os presuntos responsables dos atentados, o grupo Al-Qaeda e o seu líder Osama Bin Laden. Apoiados polos seus aliados, invadiron Afganistán (8.10.2001), país que servía de base a esta organización, e coa axuda dos señores da guerra locais, integrados na Alianza do Norte, derrocaron o réxime dos talibáns (8.12.2001). Non obstante , os enfrontamentos entre os integrantes da Alianza do Norte continuaron e a economía dos EE UU sufriu unha recesión, mentres aumentaba o desemprego.