Estafeta Literaria, La
Revista quincenal cultural aparecida en 1944 en Madrid. Cesou na súa primeira etapa en 1946. Editada pola Delegación Nacional de Prensa, dirixiuna inicialmente Juan Aparicio. Nos seus artigos incluía referencias á poesía subxectiva, aos escritores do 98 e ao seu pesimismo, aos experimentos vangardistas, á poesía española do s XIX e á Xeración do 27. Tamén tiveron cabida na revista os poetas garcilasistas. A súa segunda época desenvolveuse entre 1956 e 1957. Na terceira etapa, ata 1962, dirixiuna Rafael Morales e a edición correu a cargo do Ateneo de Madrid. Na cuarta etapa (1962-1968) levou a dirección Luis Ponce de León e a edición dependeu da Editora Nacional. En tres dos números editados en 1965 apareceron un Mapa literario de Galicia e un Dicionario de escritores. Na quinta e última etapa, a partir de 1968 e ata 1977, exerceu como director Ramón Solís. Dedicouse á información cultural, á crítica e á creación literaria. En 1978 modificou o seu nome polo de Nueva Estafeta e desapareceu definitivamente en 1983.