Estai
Buque conxelador da armadora viguesa Pereira e hijos, construído en 1990, protagonista do que se deu en chamar “guerra do fletán”. Foi apreixado por buques patrulleiros da mariña canadense o 9 de marzo de 1995 cando faenaba en augas internacionais xunto a outros 18 barcos, e trasladado a Saint John’s, capital de Terranova. O secuestro do buque e da súa tripulación polas autoridades do país norteamericano orixinou un conflito internacional con España e coa Unión Europea que tardou varias semanas en resolverse. O suceso tivo unha gran repercusión en Galicia, especialmente en Vigo e no Morrazo, de onde era orixinaria a maioría da tripulación. Organizáronse numerosos actos de solidariedade cos mariñeiros arrestados e de protesta contra a acción canadense que foi cualificada de “pirata”, entre os que destacan as manifestacións celebradas en Vigo, que congregou a unhas 100.000 persoas, Santiago de Compostela, ao redor de 25.000, e Madrid, onde acudiron máis de 5.000 persoas. O Estai regresou ao porto de Vigo o 24 de marzo de 1995, despois de que a súa armadora decidise pagar a fianza imposta pola xustiza canadense.