estatística

estatística

(

  1. s f [MAT]

    Ciencia, método, técnicas e operación de análise matemática que permiten estudar numericamente e coa máxima precisión os fenómenos colectivos incompletamente coñecidos. As primeiras recollidas de datos iniciáronse con fins militares ou para recadar impostos. Posteriormente, a organización dos primeiros servicios oficiais de estatística serviu para recoller datos económicos, demográficos e de comercio. O nacemento da estatística fundamental como ciencia autónoma produciuse a finais do s XIX en Gran Bretaña, cos estudios biolóxicos de F. Galton e, sobre todo, os de K. Pearson. O desenvolvemento posterior da estatística, cada vez máis ligada á teoría das probabilidades e das súas aplicacións débese aos traballos de R. A. Fisher, W. A. Shewhart, H. F. Dodge, A. Wald e A. N. Kolmogorov, entre outros. Para o estudo dun fenómeno de tipo colectivo pódense efectuar observacións, que poden incluír a totalidade da poboación ou limitarse a unha parte dos individuos que a constitúen, chamada mostra. Mediante as técnicas que constitúen a estatística descritiva, os datos que resultan da observación ordénanse, escóllense, agrúpanse en clases e cóntanse os números ou efectivos para expresalos en táboas estatísticas e representalos en gráficos. Tamén se realizan medicións estatísticas de tendencia central, de dispersión e de relación, que poden referirse á poboación ou á mostra; neste caso denomínanse estatísticos e poden servir para estimar os parámetros correspondentes da poboación. O paso dos coñecementos que dan as mostras cara ao da poboación constitúe a inferencia estatística. As aplicacións máis importantes da estatística son a realización de sondaxes nos estudios socioeconómicos, políticos e comerciais, a previsión económica, a planificación das experiencias na investigación científica, o control estatístico da calidade no dominio industrial, e estudios complexos en psicoloxía e outras ciencias humanas. A aplicación dos métodos estatísticos ás diferentes partes da física e da química deron corpo á chamada mecánica estatística.

    Sinónimos: estadística.
  2. s f [MAT]

    Conxunto de datos e feitos recollidos, clasificados e computados.

    Sinónimos: estadística.

Palabras veciñas

estático -ca | 1 estatismo | 2 estatismo | estatística | estatístico -ca | estato- | estatoblasto