estética

estética

(< estético)

  1. [FILOS]
    1. s f

      Disciplina filosófica que estudia a beleza e a arte e que elabora unha teoría das artes. Ocúpase do belo e do sentimento que provoca nos homes a percepción da beleza. Platón introduciu a preocupación pola beleza na filosofía ao declarala, xunto co ben e a xustiza, unha das tres ideas supremas de coñecemento e de realidade. Polo xeral, os problemas estéticos divídense en dúas categorías: os relativos á creación e os relativos á percepción estética. A filosofía interésase fundamentalmente polo proceso creativo, para medir e analizar os poderes do home á hora de expresar a beleza en calquera das súas formas artísticas, ou á hora de empregar o obxecto de arte como mecanismo de coñecemento da realidade. A partir de I. Kant, a estética presentouse como unha teoría da percepción, do xuízo do gusto ou do sentimento do pracer estético. F. Nietzsche declarou que a arte era mellor forma de coñecemento da verdade ca a filosofía ou a ciencia.

    2. estética transcendental

      Parte da Kritik der reinen Vernunft (Crítica da razón pura) na que I. Kant tratou das formas a priori da sensibilidade.

  2. s f

    Calidade do que é belo e harmonioso.

    Ex: Fixeron novos edificios pero mantiveron a estética da rúa.

  3. s f

    Actividade relativa aos tratamentos e coidados de beleza.

    Ex: Fixo un curso de estética nunha academia.

  4. estética teatral [ESPECT]

    Movemento que ten como obxectivo reflexionar sobre o concepto de beleza e sobre os trazos singulares das obras de arte teatrais. Diferéncianse a estética descritiva, que ten como obxectivo describir as formas artísticas, explicalas e clasificalas segundo diversos criterios e variables; e a estética normativa, que formula regras e normas para a composición da obra de arte coa finalidade de establecer un canon recoñecido por toda a comunidade artística, define os trazos pertinentes e diferenciais da obra de arte teatral e establece as súas funcións.

Palabras veciñas

estesioloxía | estesiómetro | esteta | estética | esteticismo | esteticista | estético -ca