estraloque

estraloque

(

Nome científico: [Digitalis purpurea, Fam das escrofulariáceas]
s m [PLANTA]

Herbácea bianual e pilosa, de ata 1,5 m de altura, de follas de máis de 5 cm de lonxitude, ovadas ou lanceoladas, dentadas, dispostas as inferiores nunha roseta basal, que durante a floración están secas. As flores son colgantes e pecioladas, dispostas en acios unilaterais, con cáliz con cinco lóbulos, corola en forma de longo tubo ventrudo de 40 a 55 mm de lonxitude, co lóbulo inferior un pouco máis grande ca os outros e de cor rosa ou violácea, con manchas máis escuras na parte interior. Orixinaria de Europa, cultívase en moitos países e foi introducida en Norteamérica. En Galicia está presente en lugares húmidos ou sombrizos. É unha planta medicinal moi empregada que ten como principios activos a dixitalina, os flavonoides, o ácido dixitálico, os saponósidos e os glicósidos. Emprégase contra a insuficiencia cardíaca, as taquicardias, as arritmias, a obstrución aórtica e outras enfermidades coronarias. Tamén se usa contra o edema polo seu poder diurético e serve para tratar as retencións de líquidos que acompañan os trastornos circulatorios. En altas doses resulta tóxica e pode chegar a producir a morte.

Sinónimos

Palabras veciñas

estralar | estrallo | estralo | estraloque | estrambote | estrambótico -ca | estrame