estratigrafía

estratigrafía

(< estrati- + -grafía)

  1. s f [XEOL]

    Ciencia que estudia as rochas estratificadas. Inclúe o estudo dos procesos sedimentarios e as rochas sedimentarias que resultan, a natureza da estratificación e as interrupcións da estratificación, como as discordancias e os diastemas, as facies e os cambios de facies, e tamén as correlacións. A estratigrafía parte de dous principios: a posición horizontal dos estratos e a súa superposición. Os depósitos sedimentarios, que se transforman en rochas sedimentarias estratificadas, fórmanse por acumulación de materiais sobre un fondo. A posición das partículas determínase pola forma deste fondo e pola acción da gravidade; se o fondo non é plano, os depósitos iniciais tampouco o son, aínda que chega un momento en que se acada a posición horizontal, se a sedimentación continúa. Esta posición pode alterarse por desprazamentos submarinos ou por fenómenos de orixe tectónica ou erosiva. A lei de superposición supón que, nunha secuencia de rochas dispostas en estratos, cada un é máis antigo ca o inmediatamente superior. Pode haber excepcións a esta lei; por exemplo, os estratos pódense inverter por fenómenos tectónicos. Un criterio estratigráfico baséase no concepto de estratificación gradual. Os fósiles axudan tamén a determinar a inversión dos estratos e indican a súa idade relativa. Os criterios tectónicos principais refírense á orientación dos planos axiais dos dobramentos, que han de ter a mesma inclinación.

  2. s f [ARQUEOL]

    Método de escavación arqueolóxica empregado para identificar os niveis ou camadas dun xacemento de cara ao seu estudio. A superposición de camadas permite establecer unha cronoloxía relativa dos mesmos, ao considerar os máis profundos como os máis antigos e os máis superficiais como os máis recentes.

Palabras veciñas

estrati- | estratificación | estratificar | estratigrafía | estratigráfico -ca | estrato | estrato-