estruga

estruga

(< lat ŭrtīca)

s f [PLANTA]

Herbácea perenne, do xénero Urtica, cuberta de pelos compostos e urticantes, de talos de sección cadrada e follas ovais dispostas de xeito oposto. En Galicia están presentes as especies: Urtica dioica, perenne e dioica, de inflorescencias ramificadas -as femininas pendurantes-, co pecíolo máis curto ca a metade do limbo e follas de ata 15 cm de lonxitude; Urtica membranacea, co pecíolo máis longo ca a metade do limbo, follas de ata 9 cm de lonxitude, ovadas e dentadas e inflorescencias unisexuais -as inferiores femininas máis curtas e as superiores masculinas máis longas ca o pecíolo-; Urtica pilulifera, monoica, anual ou bienal, coas follas co pecíolo un pouco máis curto ca o limbo, de 6 a 12 cm, dentes da marxe moi profundos, de ata 2 cm, inflorescencia masculina en panícula e feminina esférica, densa e de ata 1 cm de diámetro; e Urtica urens, co pecíolo máis longo ca a metade do limbo, follas ovadas de ata 4 cm dentados, flores femininas máis comúns ca as masculinas, dispostas en inflorescencias andróxinas máis curtas ca os pecíolos. Tamén se denomina ortiga.