etileno
(
-
s
m
[QUÍM]
Gas incoloro e moi inflamable, o máis simple dos hidrocarburos da serie olefínica. Presenta todas as reaccións típicas de adición das olefinas, chamada adición electrofílica, como a haloxenación, a hidrohaloxenación, a hidratación ou a epoxidación, e tamén se polimeriza. Todas estas reaccións constitúen a base da obtención dunha gran variedade de produtos, como, por exemplo, óxido de etileno, estireno, etilbenceno, ácido acético, acetaldehido ou cloruro de vinilo, intermediarios na fabricación de fibras, plásticos, disolventes, deterxentes, aditivos e outra clase de produtos, aínda que a súa principal aplicación é a fabricación de polietileno. Está nos produtos da destilación do carbón e na deshidratación do alcohol, pero industrialmente obtense por un proceso de pirólise, chamado cracking, do gas natural ou das fraccións de destilación lixeira do petróleo. É un dos produtos base máis importantes da industria petroleoquímica. O etileno polimerízase con bastante dificultade, a presións e temperaturas moi elevadas (2.000 atm, 200°C), como resultado desta polimeración obtense un plástico de moita resistencia física e química, elástico, impermeable e fácil de moldear, que se emprega fundamentalmente para a fabricación de bolsas e artigos de embalaxe ou protección. Con catalizadores do tipo Ziegler as condicións da polimerización son máis suaves (5 atm, 80°C), pero obtense un polímero cristalino e máis ríxido. Industrialmente, estes dous tipos de polietilenos reciben o nome de polietileno de baixa densidade e de alta densidade, respectivamente. Estes catalizadores permiten obter tamén oligómeros (α-olefinas), de 10 a 14 átomos de carbono, que se empregan na alquilación do benceno para a fabricación de deterxentes biodegradables. Copolimerizado con outras olefinas, como o propileno ou o 2-buteno, dá uns elastómeros vulcanizables de mellor calidade ca os de estireno-butadieno, útiles para fabricar pneumáticos. Con acrilatos dá un material moi flexible, que se pode fiar.
-
óxido de etileno
[QUÍM]
Éter cíclico do etileno, que constitúe o epóxido máis simple. Obtense industrialmente a partir do etileno por oxidación catalítica en corrente de aire e en presenza de catalizadores a base de prata. O óxido de etileno é un importante produto comercial que se emprega na obtención de anticonxelantes, deterxentes e resinas acrílicas, e tamén como axente fumigante de froita e cereais pola súa actuación contra os fungos.