Etiopia

Etiopia
Nome científico: [amhárico: Ityjopya]

Estado de África Oriental que limita ao N con Eritrea e Xibuti, ao L e NL con Somalia, ao S con Kenya e ao O con Sudán (1.133.882 km2; 62.565.000 h [estim 2000]). Esténdese entre os 3° e 15° de latitude N e os 33° e 48° de lonxitude L. A capital é Addis Abeba.
Xeografía física

Relevo e xeoloxía
O país está dividido en tres grandes rexións: ao O o Macizo Etiópico, de grande altitude e moi erosionado, con vertentes abruptas e cumios aplanados, que sobrepasan os 3.500 m, como o de Ras Dashen, ao N, situado a 4.620 m de altitude; ao SL está o altiplano somalí; separando estas dúas rexións sitúase a fosa tectónica coñecida como o Rift Valley, inclinada de SO a NL e na que se localiza a depresión desértica de Danakil. As montañas de Etiopia están formadas por rochas cristalinas e metamórficas dobradas e fracturadas, coroadas con calcarias sedimentarias, areentas e cubertas por capas de lava.
Climatoloxía e hidrografía
Localizado en plena zona ecuatorial, o clima varía en función da altitude. Na zona tropical, por debaixo dos 1.800 m, a temperatura media anual é de 27°C e a precipitación de 510 mm anuais. Entre os 1.800 e 2.400 m a temperatura media é de 22°C e unha precipitación anual entre 510 e 1.525 mm. Por riba dos 2.400 m, a altitude implica unha modificación azonal do réxime climático, unha zona temperada con temperaturas medias de 16°C e precipitacións anuais entre 1.270 e 1.780 mm. No val do río Awash no deserto de Danakil, as temperaturas son elevadas e as precipitacións escasas. A rede hidrográfica presenta unha dobre vertente: ao O están, na súa maior parte, afluentes do Nilo (Nilo Azul, Atbara, Omo) e na vertente L os ríos que desembocan no Océano Índico (Shebele, Juba).
Xeografía económica

Economía
Etiopia é un dos países máis pobres do mundo. En 1998 o seu PIB era de 6.169 millóns $ USA, cunha renda per cápita de tan só 100 $ USA. A súa economía mantén unha gran dependencia do sector agrícola e boa parte do comercio lévase a cabo mediante troco en mercados locais. As secas que azoutaron o país en 2000 afectaron a case 10 millóns de persoas, que precisaron unha axuda de 1,3 millóns de toneladas de alimentos. A débeda externa en 1998 era de 10.352 millóns $ USA. O déficit fiscal triplicouse entre 1998-2000, acadando o 11% do PIB. Moi importante para a súa economía foi a reanudación das conversacións no ano 2000 co Fondo Monetario Internacional (FMI), trala promesa por parte do goberno de diminuír o orzamento en defensa. Entre o período 2001-2002 o Banco Mundial destinou máis de 1.000 millóns $ USA para axudar o impulso da súa economía. A moeda oficial é o birr.
Sectores de actividade
O sector agropecuario, que ocupa o 86% da poboación activa e achega o 50% do PIB, é a base da economía etíope. Desde o punto de vista da produción pódense distinguir tres zonas agrícolas, en consonancia coas variacións climáticas. Nos sectores máis baixos (1.800-1.500 m), cultívase millo, cana de azucre, algodón e tabaco. Entre os 1.800 e 2.400 m localízanse as rexións máis cultivadas, principalmente con viña, árbores froiteiras e café. As rexións situadas por riba dos 2.400 m dedícanse sobre todo ao pastoreo, pero nelas tamén se cultivan legumes. O café é o principal produto agrícola comercial e en 1997 representaba o 65% do valor das exportacións. Seguen en importancia o algodón, a cana de azucre e o tabaco. Economicamente a gandería é básica e mantén un importante comercio de peles e reses (ovellas, cabras, camelos, cabalos, asnos e mulas). Os animais de tiro constitúen a principal forza de traballo na agricultura. A industria está moi pouco desenvolvida debido á falta de recursos enerxéticos e técnicos, así como de capital e boas comunicacións; ocupa só o 2% da poboación activa e achega o 7% do PIB. A produción de enerxía eléctrica aumentou grazas á construción da central hidroeléctrica de Koka, pero o consumo de 19 kW/h por habitante é un dos máis baixos do mundo. As industrias máis tradicionais son a téxtil, principalmente algodón (en Addis Abeba), azucre, vidro, cerámica e construción. Tamén é importante a industria alimentaria, a elaboración de papel e a artesanía.
Comercio exterior
En 1999 o balance comercial foi claramente negativo. Etiopia é un exportador de produtos agrícolas. O valor das exportacións acadou os 448 millóns $ USA e os principais clientes foron Alemaña (16%), Xapón (13%), Xibuti (10%) e Arabia Saudí (7%). Os produtos máis importantes foron o café, seguido das peles, legumes e sementes. En canto ás importacións, acadaron un valor no mesmo ano de 1.245 millóns $ USA e os principais provedores foron Arabia Saudí (28%), Italia (10%), Rusia (7%) e Reino Unido (6%); os produtos máis importantes foron o petróleo, a maquinaria e os vehículos.
Transportes e comunicacións
As características do relevo dificultan as comunicacións terrestres, feito que fai do transporte aéreo un medio de grande importancia. Hai aeroportos internacionais en Addis Abeba, Diredaua e Jima. A capital está conectada por ferrocarril co porto de Xibuti. Etiopia dispón de 28.500 km de estradas, dos que 4.275 km están asfaltados (1996). A única autoestrada, que une a capital e Nairobi (Kenya), rematouse en 1970. A rede de ferrocarril ten una lonxitude total de 782 km (1995).
Xeografía humana

Demografía
O índice de natalidade en 1998 era elevado (44,7‰), pero contrarrestábase cos altos índices de mortalidade (21,3‰) e mortalidade infantil (107‰). A esperanza de vida no mesmo ano era de 44 anos para as mulleres e 43 para os homes. A poboación medra a unha taxa anual do 2,64% (2000). Polo que respecta á estrutura por idades, en 1999 o 47% da poboación era menor de 15 anos, mentres que só o 3% superaba os 65.
Poboamento
A densidade de poboación en 2000 era de 55,17 h/km2, pero a súa distribución polo territorio é moi desigual. As densidades máis fortes están nas rexións setentrionais e as máis baixas nas orientais. A porcentaxe de poboación urbana e só do 17,6% (2000). Á marxe da capital, Addis Abeba, que acolle 2.424.000 h (estim 1999), os principais núcleos de poboación son Dire Dawa (164.851 h [1994]), Harar (154.000 h [estim 2000]), Nazare (127.842 h [1994]), Mekele (119.779 h [1994]), Dese (117.268 h [1994]) e Gonder (112.249 h [1994]).
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
Etiopia é un país cunha grande heteroxeneidade étnica. Entre os grupos étnicos establecidos no seu territorio, destacan os galla (31%) e os amhara (30%), que ocupan o centro do país. Nas rexións meridionais o grupo máis numeroso é o dos tigriña (7%) e ao SL os somalís (4,1%) e os sidamo (3,2%). As principais relixións son a cristiá ortodoxa (34,1%), a musulmá (30,1%), a animista (12,2%), a protestante (3,5%) e a católica (1%). A Igrexa ortodoxa foi a oficial ata 1474 e nas rexións do N o cristianismo é a relixión da práctica totalidade da poboación, mentres que as rexións do S son de maioría musulmana. A lingua oficial é o amhárico, pero ademais tamén se falan outras linguas afroasiáticas (semíticas: gurage, harari, tigriña; cuxitas: hadiyya, oromo, sidamo; e omóticas: gamo, kaficho) e nilosaharianas (berta). O SO do país é a área de máis diversidade lingüística con numerosos grupos de linguas nilosaharianas e omóticas. A educación estendeuse de forma considerable desde 1950 e a partir de 1979 iniciouse un programa para reducir o analfabetismo, co que se conseguiu que en 2001 o 40% da poboación adulta soubese ler e escribir. O ensino é gratuíto desde primaria ata a universidade, pero só un terzo dos nenos en idade escolar dispoñen de instalacións adecuadas. En 1995 o número de alumnos en primaria era de 4.370.000 e en secundaria de 1.890.000. A principal universidade do país está na capital.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1997 situaba a Etiopia entre os países cun desenvolvemento humano baixo (ocupa o 158º posto cun índice do 0,321). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 44,1 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 37,4% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 27%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 628 $ USA.
Goberno e política

A Constitución de decembro de 1994 definiu Etiopia como unha república democrática federal dividida en nove rexións e dúas cidades autónomas (Addis Abeba e Harar). O poder executivo correspóndelle ao primeiro ministro, designado polo partido no poder segundo as eleccións lexislativas. Ao presidente, que ten funcións representativas, elíxeo o Yefedereshn Mekir Bet por un período de seis anos. O poder lexislativo reside nun Parlamento bicameral formado pola Yehizbtewekayoch Mekir Bet (Consello da Federación) ou cámara alta, formada por 117 membros, un por cada unha das 22 nacionalidades minoritarias e un por cada un dos sectores profesionais destas nacionalidades, elixidos polos consellos rexionais; o Yefedereshn Mekir Bet (Consello dos Representantes do Pobo), ou cámara baixa, conta con 527 membros designados por votación popular directa, na que se elixe a un só membro por distrito para un período de cinco anos. O seu sistema xudicial, que mestura tribunais nacionais e rexionais, baséase nun sistema de transición. O máximo órgano é o Tribunal Supremo Federal. O presidente e o vicepresidente deste tribunal son elixidos polo Yefedereshn Mekir Bet seguindo as recomendacións do primeiro ministro. Permanece en vigor a pena de morte. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Racial; Convención contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Protocolo de Roma para a creación do Tribunal Penal Internacional; Carta Africana de Dereitos Humanos e dos Pobos (1981). Os principais partidos políticos son: Fronte Popular Democrática Revolucionaria de Etiopia (FPDRE), unha alianza liderada por Meles Zenawi e o seu partido Fronte de Liberación do Pobo Tigré (FLPT), xunto co Movemento Democrático Nacional Amhara (MDNA), dirixido por Tefera Walwa, e a Organización Democrática do Pobo de Oromo (ODPO), liderada por Kuma Demeksa; a Organización Democrática do Pobos de Walayta, Gamo, Gofa Dawro e Konta (ODPWGGDK); e o Partido Democrático do Pobo Somalí (PDPS). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: ONU, OUA e é membro asociado da UE.
Historia

O Reino de Axum
Durante o I milenio a C produciuse un importante movemento de grupos de orixe semita procedentes do S de Arabia, que chegaron ás costas de Eritrea e se estenderon polo altiplano etíope, onde se mesturaron coa poboación indíxena. Constituíron os primeiros núcleos urbanos nesta rexión e introduciron a tecnoloxía do ferro. Ao redor do 500 a C formaron un reino, con capital en Axum, que se estendeu sobre parte dos territorios de Eritrea, Etiopia e Sudán. O reino axumita mantivo intensas relacións comerciais co Exipto helenístico (ouro, marfil, escravos), do que recibiu unha forte influencia. Converteuse no principal núcleo comercial no Mar Vermello e disputoulle ao Imperio Romano o predominio nos mercados do NL de África. Como consecuencia dos seus contactos co mundo mediterráneo, durante o reinado do Negus Ezanas (320-343) produciuse a conversión ao cristianismo do monarca e da corte, por obra dos sirios Frumencio e Edesio, enviados do patriarca de Alexandría. Deste xeito, o Reino de Axum vinculouse máis estreitamente a Constantinopla e Alexandría. Coa conquista do Iemen no s VI acadou a súa máxima expansión territorial, sen embargo, pouco despois tivo que repregarse fronte aos persas sasánidas.
A decadencia de Axum e os enfrontamentos co Islam
A expansión do Islam dende Arabia polas costas do Mar Vermello e o val do Nilo illou o reino do comercio co Mediterráneo e dos centros culturais e relixiosos de Exipto. Ante os ataques de diversos pobos dende o S, o emperador transformouse nun xefe militar á fronte dun exército sen unha capital estable e o país sufriu un proceso de ruralización. No s XII produciuse unha expansión dos musulmáns e constituíronse diversos reinos independentes dedicados ao comercio de escravos, ouro e marfil, nas costas do Mar Vermello, que se estenderon polo val do Awash. Nos ss XIII e XIV o reino etíope viviu unha etapa de recuperación durante a que someteu a vasalaxe os estados comerciais musulmáns do Mar Vermello. O esplendor desta etapa plasmouse nos templos construídos na súa capital Roha (Lalibela) polos monarcas da dinastía dos Zagüe, desprazada en 1270 pola dinastía salomónica, denominada así porque o seu fundador Yekumo Amlank (1270-1285) pretendía ser descendente de Menelik, fillo de Salomón e da raíña de Saba. Os negus salomónicos impulsaron unha notable literatura relixiosa e durante dous séculos esforzáronse por deter os ataques dos musulmáns establecidos no SL do país (sultanatos de Ifat e Adal). Durante esta dinastía os vínculos entre a monarquía e a Igrexa etíope estreitáronse e esta recibiu dos monarcas grandes concesións de terras, igual que a nobreza. O reino etíope cristián acadou o seu máximo esplendor baixo Zara Yakob (1434-1468), que centralizou o poder e enfrontouse aos señores feudais, ao tempo que reprimiu as herexías. Asinou unha tregua cos musulmáns e tentou manter contactos con Occidente.
A decadencia etíope
Os gobernos dos seus sucesores estiveron marcados pola decadencia do poder centralizado do monarca, ao tempo que se incrementou a presión dos musulmáns. A partir da conquista turca de Exipto (1517) os ataques musulmáns ao Estado etíope dirixidos por Ahmed ibn Ibrahim o Zurdo e por Nur ibn Mugahib incrementáronse. Durante o reinado do Negus Lebna Dengel (1508-1540), o Imperio viuse limitado á provincia de Tigre, pero conseguiu a axuda dos portugueses e derrotou os musulmáns da rexión de Harerge. Despois da morte de Ahmed ibn Ibrahim o Zurdo (1543), as loitas entre cristiáns e musulmáns continuaron e produciuse un baleiro de poder que aproveitou o pobo galla, orixinario de Somalia e do N de Kenya, para invadir e ocupar os altiplanos etíopes na segunda metade do s XVI. O Negus Sarsa Denghel, que detivo a expansión dos gallas e que se enfrontou aos turcos (1589), buscou axuda en Europa para deter os seus inimigos. O seu sucesor, o Negus Susenios (1607-1632), achegouse á Igrexa católica e aceptou a unificación relixiosa cos católicos (1621-1632); pero, a Igrexa etíope e o pobo rexeitaron esta unión, polo que o seu fillo, o Negus Fasilidas (1632-1667) expulsou os misioneiros xesuítas e os portugueses. Dende finais do s XVII o negus perdeu a súa autoridade, mentres que o poder efectivo residiu nos ras ou gobernadores provinciais que mantiñan unha loita constante pola hexemonía.
A construción do Reino de Etiopia
A mediados do s XIX, Kassa, ras de Amhara, puxo fin a esta situación e despois de someter a maior parte dos ras, proclamouse negus co nome de Teodoro II (1855). Fronte á cobiza das potencias europeas, Teodoro tentou seguir unha política oportunista, pero o Reino Unido impediullo e enviou unha expedición militar, dirixida por sir Robert Napier, que derrotou os etíopes, polo que   Teodoro se suicidou (1868). Despois de catro anos de loitas polo poder o ras de Tigré conseguiu facerse co poder, asumiu o título de negus negusti (‘Rei de reis’) e foi coroado emperador co nome de Xoán IV (1872-1889). Reconstruíu a unidade do Imperio (1879), enfrontouse cos exipcios e morreu na Batalla de Metemma (1889). Menelik, ras de Shewa, fíxose co poder coa axuda dos italianos, cos que asinou o Tratado de Uccialli (2.5.1889), onde recoñeceu as posesións italianas no Mar Vermello, que constituíron a partir de 1890 a colonia italiana de Eritrea. Como consecuencia da derrota de Italia, Menelik II (1894-1913) reduciu as atribucións dos ras, reforzou o poder central, impulsou a modernización do país coa construción da primeira liña de ferrocarril e a contratación de técnicos estranxeiros. Ademais estendeu as súas fronteiras e, trala súa vitoria na Primeira Guerra Italo-Etíope (1894-1896), acadou o recoñecemento das potencias coloniais europeas. Sucedeuno o seu neto Xesús V (1913-1916), que foi destronado por simpatizar coas potencias centrais e Turquía na Primeira Guerra Mundial.
O goberno de Haile Selassie
Xudite, filla de Menelik II, foi proclamada emperatriz, pero o poder efectivo pasou ao ras Tafari, que se converteu en rexente, conseguiu o ingreso de Etiopia na Sociedade de Nacións (1923) e aboliu a escravitude (1924). Renovou, ademais, os pactos de amizade cos países europeos e en 1928 foi investido con todos os poderes pola emperatriz. Á morte da emperatriz, o ras Tafari foi coroado emperador co nome de Haile Selassie I (1930) e dedicouse á modernización das estruturas sociais, económicas e políticas do país, que permanecían nun estadio feudal. Promulgou a primeira Constitución (1931), estableceu un Parlamento e un sistema de tribunais, pero conservou o poder nas súas mans. Asinou acordos económicos co Xapón e con grandes compañías estadounidenses, feito que desagradou ao goberno italiano, que consideraba o país dentro da súa área de influencia. A finais de 1934 os incidentes na fronteira de Etiopia coa Somalia italiana déronlle un motivo a Mussolini para atacar e conquistar Etiopia entre outubro de 1935 e maio de 1936. Haile Selassie I tivo que abandonar o país, que se integrou, xunto con Somalia e Eritrea, na África Oriental Italiana baixo o goberno dun vicerrei. Durante a Segunda Guerra Mundial, nos primeiros meses de 1941, foi liberada polas tropas británicas coa axuda de guerrilleiros locais e asinou un tratado co Reino Unido polo que recuperou a independencia o 31 de decembro de 1942. A guerra destruíu a maior parte das infraestruturas produtivas, mentres a propiedade da terra continuaba dominada polos terratenentes e pola Igrexa etíope. Haile Selassie I aprobou novas medidas modernizadoras, como as reformas agrarias de 1942 e 1944, e unha nova Constitución (1955), onde se recollía o sufraxio universal. Malia as súas reclamacións sobre as provincias que foran colonias italianas, só conseguiu a devolución de Eritrea, co acordo de que se integrase como unha unidade autónoma e federada dentro do Estado etíope. A federación con Eritrea (1952) permitiu que Etiopia recuperase a saída ao mar, pero aboliuse cando se forzou a súa anexión como unha provincia máis de Etiopia (14.11.1962). O nacionalismo eritreo reaccionou e iniciou unha guerra de guerrillas contra os etíopes encabezada pola Fronte de Liberación de Eritrea, liderada por Idris Mohamed Adem. Haile Selassie I acadou unha importante proxección internacional como líder do panafricanismo, fundador da OUA e mediador nos conflitos entre os países africanos. Dende 1960 ata 1967, malia o acordo entre Etiopia e Somalia para resolver de xeito pacífico as súas disputas fronteirizas, os enfrontamentos entre ambas foron frecuentes. O alto nivel de corrupción que imperaba na administración etíope, xunto ás prolongadas secas e a pobreza da poboación estenderon o descontento e a oposición á monarquía entre o pobo e orixinaron dúas tentativas de golpe de estado (1960 e 1966). En febreiro de 1974 desencadeouse unha grave crise na que se xuntou o malestar popular coas protestas dos militares polos acontecementos adversos da guerra en Eritrea, feitos que provocaron unha nova sublevación do exército.
A revolución e o goberno militar de Mengistu Haile-Maryam
As forzas armadas fixéronse co poder e constituíron un Consello Provisional administrativo-militar ou Deurg, liderado polo tenente coronel Mengistu Haile-Maryam, que depuxo o emperador (12.9.1974). A sublevación, marcada inicialmente polo seu carácter nacionalista, derivou cara ao marxismo, ao tempo que se produciu unha purga dos membros moderados do comité revolucionario en novembro de 1974. O xeneral Tafari Banté foi nomeado presidente, mentres Mengistu Haile-Maryam, principal impulsor da purga, accedeu á vicepresidencia. Dende marzo de 1975 o novo réxime converteuse nunha república marxista-leninista e adoptou un conxunto de medidas radicais, entre as que destacaron a nacionalización das terras, do solo urbano e da industria, as reformas agrarias e xudiciais e campañas de alfabetización, ademais, Mengistu perseguiu calquera tipo de oposición política. Eliminou a Tafari en 1977 e sucedeuno como presidente, ao tempo que levou a cabo a represión dos revolucionarios que o cuestionaban. Somalia aproveitou a situación para ocupar Ogaden (1977) e os secesionistas eritreos, trala súa unificación baixo o mando de Isaias Afeworki, conseguiron expulsar os etíopes do seu territorio (1978). Despois de asinar unha alianza coa URSS (1978), recibiu axuda militar dos soviéticos (asesores, tropas e armas) e dos cubanos, e reconquistaron Eritrea e Ogaden. Na provincia de Tigré apareceu tamén un importante movemento secesionista. En 1981 asinou un tratado de amizade e cooperación con Libia e a República Democrática Popular do Iemen. A seca, que se prolongou entre 1982-1984, provocou unha gravísima crise alimentaria, ao tempo que apareceron movementos opositores como resposta á brutalidade do réxime, aos que se uniron nunha alianza estratéxica os eritreos da Fronte Popular para a Liberación de Eritrea (FPLE) e os independentistas de Tigré.
Os conflitos do réxime democrático
Trala retirada do apoio militar da URSS a finais da década de 1980, produciuse o derrubamento do exército etíope e Mengistu foi derrocado o 21 de maio de 1991 por unha coalición de forzas opositoras denominada Fronte Popular Democrática Revolucionaria de Etiopia (FPDRE) coa colaboración da FPLE. O FPDRE nomeou presidente interino a Meles Zenawi, que reabriu o Parlamento en setembro e promulgou unha nova Constitución. O goberno de transición comprometeuse a respectar a vontade do pobo eritreo, que se pronunciou maioritariamente (99,8%) a favor da independencia nun referendo dirixido pola ONU en abril de 1993. Ao mesmo tempo, dende o goberno impulsouse unha campaña para potenciar a produción agrícola e impoñer a economía de mercado como vías para reducir a pobreza. O país organizouse en catorce rexións, dotadas de certo grao de autonomía, segundo principios federalistas de base étnica. O Consello de Representantes, organismo transitorio formado por 87 membros, aprobou en maio de 1994 unha Constitución que mantivo o carácter federal do Estado e recoñeceu o dereito das rexións á autodeterminación. As eleccións lexislativas multipartidistas, que se celebraron en maio e xuño de 1995, e nas que triunfou o FPDRE, foron boicoteadas polos grupos opositores, como a Fronte de Liberación Oromo (FLO) e a Fronte de Liberación Nacional Ogaden (FLNO). O novo goberno reflectiu a variedade étnica do país, pois mentres o novo presidente Negaso Gidada era membro da etnia oromo, Meles Zenawi, de etnia tigriña, foi elixido primeiro ministro. O goberno continuou a política de privatizacións co apoio das institucións internacionais, como o FMI e o Banco Mundial, ou dos EE UU. Non obstante , o incremento nos prezos dos produtos de primeira necesidade durante 1997, orixinou unha nova crise alimentaria. Paralelamente, deterioráronse as relacións con Eritrea (despois de que adoptase unha nova moeda a finais de 1997, o nakfa) e as diferencias sobre as fronteiras na rexión de Tigré provocaron combates entre eritreos e etíopes, que se prolongaron dende maio de 1998 ata febreiro de 1999. Os intentos de mediación e diálogo promovidas pola OUA e a ONU conseguiron un alto o fogo temporal en xullo de 1999, pero as agresións continuaron ata febreiro de 2000. Etiopia atacou de novo a Eritrea en maio de 2000 e despois dalgunhas semanas de duros combates recuperou os territorios ocupados en 1998 e estendeuse polo SO de Eritrea. Nas eleccións de maio de 2000, o FPDRE, que confirmou a súa posición á fronte do goberno, sacou partido da favorable campaña bélica. Despois de aceptar o alto o fogo cos eritreos en xuño dese ano, o primeiro ministro etíope Meles Zenawi e o presidente eritreo Isaias Afeworki ratificaron o cesamento das hostilidades coa firma dun acordo de paz, en que se recollía o establecemento dunha forza de interposición da ONU para delimitar as fronteiras (12.12.2000). O novo goberno tivo que enfrontarse á crise agrícola provocada pola seca na rexión, que afectou ao redor de 10 millóns de persoas no 2000, mentres o país sufriu unha crise sanitaria pola extensión do cólera e da meninxite. Os escasos resultados do prolongado conflito orixinaron un notable descontento entre as forzas de seguridade e tamén na Fronte de Liberación do Pobo Tigré (FLPT). As tensións trasladáronse á fronteira con Somalia, onde apoiaron aos grupos de opositores ao goberno somalí. En outubro de 2001 Girma Wolde-Giyorgis substituíu na presidencia a Negaso Gidada.