etnohistoria
(< etno- + historia)
Disciplina que conxuga os métodos e técnicas de estudo da historia e da etnografía para reconstruír a historia e a cultura dos grupos indíxenas independentes ou sometidos ao poder colonial, dos grupos con cultura tradicional e dos grupos marxinais contemporáneos e as súas relacións cos demais grupos cos que se interrelacionan. As súas orixes son as historias escritas polos primeiros exploradores e navegantes. Na década de 1940 o antropólogo francés C. Lévi-Strauss formulou a necesidade de combinar a historia e a etnografía para avanzar no estudo de determinadas sociedades. O termo cuñouse nos EE UU para designar a investigación antropolóxica destinada á interpretación e ao rescate dos documentos antigos dos indios norteamericanos para devolverlles das terras que se lles expropiaran durante a conquista. A súa metodoloxía estableceuse no libro de W. Sturtevant Anthropology, History and Ethnohistory (Antropoloxía, historia e etnohistoria, 1956). A partir da década de 1960 comezaron a incluírse nos estudios de etnohistoria traballos de carácter lingüístico e nos oitenta algúns historiadores contemporáneos incluíron métodos da etnohistoria nos seus estudios, como o hispanista I. Gibson nos seus traballos sobre a Guerra Civil española.