Eucaristía
Rito que conmemora o banquete pascual que Xesús ofreceu aos seus discípulos antes de ser prendido. O núcleo da celebración constitúeo a bendición e consagración do pan e do viño, na que todas as confesións cristiás coinciden en admitir que significa unha presenza especial de Cristo resucitado. As confesións católica e ortodoxa fan énfase en afirmar que a presenza de Cristo na Eucaristía é real, para os que é un sacramento, mentres que para a Igrexa reformada é simplemente simbólica. A teoloxía católica desenvolveu a partir da tradición dos relatos evanxélicos, a teoría da transubstanciación, segundo a cal, como dixo Xesús, o pan e o viño convértense no seu corpo e no seu sangue, de xeito que quen participa da súa inxesta recibe o alimento divino que o une á divindade en comuñón. Esa crenza constitúe unha herdanza depurada de formas relixiosas ancestrais, nas que comer a Deus significaba asimilar as súas calidades. Na mensaxe cristiá subxace esa intención, porque a vida eterna prométeselle aos que participen na Eucaristía.