Europa

Europa

Continente situado entre os 71° 08’ (no Cabo Norte) e os 36° de latitude N (na punta de Tarifa) e entre os 9°31’ de lonxitude O (no Cabo Rock, en Irlanda) e os 67° 20’ de lonxitude L (nos Urais). A delimitación oriental estableceuse de xeito convencional a través dunha liña que une os Urais, o Mar Caspio, o Mar Negro e os estreitos do Bósforo e Dardanelos. A lonxitude das súas costas suma 37.900 km e están bañadas polo Océano Glaciar Ártico, o Mar Báltico e o mar do Norte, ao N; polo Mar Mediterráneo e o Mar Negro, ao S; e polo Océano Atlántico, ao O. Incluíndo os arquipélagos, esténdese ao longo dunha superficie de 10.370.037 km2. A súa poboación é de 703.417.000 h (2000).
Xeografía física

Relevo e xeoloxía
Europa é o continente máis baixo despois de Australia, cunha altitude media de 300 m. Existe un marcado contraste entre a superficie de Europa Occidental e Oriental, condicionada pola diferente formación tectónica. A chaira de Europa Oriental está situada na plataforma rusa, formada nos dobramentos precámbricos e composta por materiais cristalinos e metamórficos que afloran na rexión de Carelia e na península de Kola, en Rusia, e forman o escudo báltico. A base da plataforma rusa é moi heteroxénea. Na Rusia Central, no val do Volga e nos Urais aparecen elevacións entre os 300 e 400 m, entre as que se localizan amplas chairas de acumulación (Mar Negro, Mar Caspio). O sector meridional, que non foi cuberto por glaciares, está formado por unha ampla chaira dividida por vales fluviais asimétricos. A depresión acumulativa do Caspio está situada a 28 m baixo o nivel do mar e formada principalmente por arxila. As chairas de Suecia, ao O, están enmarcadas polas montañas escandinavas, con altitudes superiores aos 2.400 m, formadas no dobramento caledoniano e fracturadas posteriormente por movementos tectónicos. O sector central de Europa Occidental presenta unha alternancia entre serras baixas e curtas con macizos hercinianos (Macizo Renano, Selva Negra, macizo de Bohemia, etc). Os fraccionamentos tectónicos e os intensos fenómenos volcánicos, rexuveneceron o relevo e provocaron a aparición de conos volcánicos (Irlanda, Escocia e Macizo Central francés). No extremo oriental de Europa xurdiron estruturas de dobramento herciniano como os Urais. No resto do continente predominan as montañas do xeosinclinal alpino, que durante o Mesozoico recibiron a acumulación de xistos e calcarias. Na oroxenia alpina estes sedimentos, que sufriran procesos de metamorfismo, foron elevados a grande altitude. Esta elevación acompañouse de grandes dislocacións, que deron orixe ás montañas máis altas de Europa como os Alpes, co cumio máis elevado no Mont Blanc (4.807 m), formado por unha serie de serras paralelas. Orograficamente, os Alpes continúan en diversas direccións: ao L os Cárpatos e os Balcáns, ao SL os Apeninos, ao SO os Alpes Dináricos e as serras de Epiro e Pindos. Orixe similar aos Alpes teñen os Pireneos, as Cordilleiras Béticas e as montañas de Crimea. En Europa Meridional, os aluvións cuaternarios formaron chairas de acumulación, como en Andalucía, Aquitania e Venecia. O relevo de Islandia é moi peculiar, consiste nunha serie de altiplanos basálticos a diferentes altitudes, coroados por conos volcánicos activos e apagados.
Climatoloxía
O clima de Europa está determinado pola súa situación en latitudes medias e subtropicais, pola corrente occidental do aire atlántico e pola orientación das principais formas do relevo. A extensa chaira de Europa Oriental, onde as masas de aire atlántico chegan moi modificadas, ten un clima continental moderado. A situación latitudinal de Europa dá orixe a importantes contrastes estacionais. O inverno establece sobre o Atlántico Norte unha rexión fixa de baixas presións (depresión de Islandia), que comprende unha gran parte de Europa Setentrional e Central. As temperaturas máis elevadas no inverno rexístranse na costa mediterránea (de 10°C a 12°C ao S das penínsulas Ibérica, Itálica e Balcánica), e as máis baixas ao N da chaira rusa (-20°C). O mínimo absoluto rexistrado son -50°C na conca de Pecora, en Rusia. Na Europa Central o inverno é suave, menos nas áreas de alta montaña. Non obstante , na Europa Oriental o inverno é frío e longo e as nevadas esténdense varios meses, entre novembro e marzo. A pluviosidade diminúe do Atlántico cara ao interior e na Europa Central varía segundo o relevo. O ritmo de precipitacións ao S de Europa é moi variable: no Mediterráneo as chuvias principais caen en primavera e outono, cando dominan as perturbacións da fronte polar. Na Europa Occidental as chuvias están uniformemente repartidas ao longo do ano e na Europa Oriental as máximas precipitacións prodúcense en inverno a causa das fortes conveccións.
Hidrografía
O volume que desaugan anualmente os ríos de Europa é pequeno debido ás dimensións reducidas do continente. O río máis longo de Europa é o Volga, que desemboca no Mar Caspio, con 3.531 km de lonxitude; ten un caudal medio anual de 8.000 m3/s e drena unha conca de 1.360.000 km2; os seus afluentes principais son o Kama e o Oka. No Mar Negro desembocan os ríos Don, Dniéper, Dniéster e o Danubio (o segundo máis longo do continente, cun curso de 2.860 km). O río máis importante que desemboca no mar de Barents é o Pecora. En Europa Central, no Mar Báltico, desembocan o Vístula e Oder, e no mar do Norte, o Elba, o Rin e o Sena. Desembocan directamente no Atlántico o Loire, o Garonne, o Tejo, o Douro, o Guadiana e o Guadalquivir, e no Mediterráneo o Ebro, o Roine e o Po. En Europa Oriental os ríos teñen un réxime pluvionival. En inverno os ríos permanecen conxelados de dous a tres meses no S e de cinco a sete meses no N. En Finlandia e nas chairas de Suecia e Carelia os ríos únense a pequenos lagos. Nos países atlánticos os ríos teñen un gran caudal, moi estable, e adoitan ser de réxime pluvial. Nas chairas polacas a alimentación é pluvionival, con importantes enchentes en primavera. Nas montañas de Europa Central, as enchentes do verán acompáñanse de inundacións. Moitos dos grandes ríos de Europa Occidental (Rin, Po, Roine, Danubio e Ebro) nacen nas montañas alpinas e aliméntanse do desxeo. As oscilacións de nivel máis grande e as cheas de carácter torrencial, prodúcense principalmente nos ríos mediterráneos que se alimentan sobre todo das chuvias invernais, polo que sofren fortes estiaxes no verán.
Xeografía económica

Economía
A Segunda Guerra Mundial supuxo unha gravísima lesión para as estruturas produtivas de Europa que, á parte dos dramáticos custos humanos, sufriu a destrución da maior parte do seu tecido industrial e das súas infraestruturas. Unha potencia extraeuropea que participara directamente no conflito e saíra vitoriosa e reforzada del, os EE UU, liderou xunto coa Unión Soviética a política europea da inmediata posguerra. Ambas as dúas potencias, aliadas durante a confrontación, representaban sistemas políticos e económicos antagónicos, que axiña se empezaron a manifestar nos territorios controlados polos seus respectivos exércitos. Conscientes de que a recuperación económica era a mellor vía de garantir a permanencia dos países europeos no sistema de libre mercado, os EE UU realizaron unha serie de propostas de axuda que se materializaron no Plan Marshall (1947); rexeitado de cheo polos países da órbita soviética, os demais estados da Europa occidental aceptárono, e dese xeito creouse a Organización Europea de Cooperación Económica (OECE), que naceu coa finalidade de coordinar a política de recuperación. Transcorridos os primeiros anos da posguerra, tomou corpo a idea de constituír unha organización que integrase máis estreitamente as economías dos países europeos; este proceso desembocou na sinatura en 1957 do Tratado de Roma, que reunía a seis estados (Alemaña Federal, Francia, Italia, Bélxica, Países Baixos e Luxemburgo) na Comunidade Económica Europea (CEE). Como resposta, sete países da OECE (Austria, Dinamarca, Noruega, Portugal, Reino Unido, Suíza e Suecia) que mantiñan certa relación comercial, crearon a Asociación Europea de Libre Comercio (EFTA). Estas dúas institucións seguiron un proceso paralelo e progresivo de eliminación das súas fronteiras. A CEE foi o resultado dun proceso de cooperación iniciado por Francia e Alemaña Federal para a creación dun mercado común siderúrxico en 1951, a Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (CECA). A partir de 1961, uns cantos países da EFTA comezaron a amosar certo interese pola CEE, especialmente o Reino Unido e os estados nórdicos, mentres que outros membros preferían reforzar as relacións cos países do bloque socialista. Malia as dificultades, en 1973 incorporáronse á CEE, o Reino Unido, Irlanda e Dinamarca, Grecia en 1981, España e Portugal en 1986, e Austria, Suecia e Finlandia en 1995. Cos acordos de Maastricht que levaron ao establecemento en 1993 da Unión Europea (UE), consolidouse a tendencia de integración política e económica en Europa. Os estados do S e L de Europa eran os máis endebedados despois da Segunda Guerra Mundial. Malia as iniciativas de cooperación, entre os países da esfera capitalista continuou a haber fortes contrastes. En xeral, os estados periféricos menos desenvolvidos alimentaron a necesidade que tiñan os estados máis industrializados dun certo tipo de man de obra barata e disposta a facer os traballos máis duros. Para os países de orixe, a exportación de man de obra supuña unha boa fonte de ingresos. A crise monetaria de 1971 e moi especialmente a crise enerxética de 1973 cambiaron a situación e os emigrantes comezaron a regresar aos seus países de orixe. O crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) nos estados socialistas foi inferior á media nos estados occidentais capitalistas. A introdución do sistema de produción socialista provocou enormes cambios nos estados afectados (Polonia, Albania, Bulgaria, Hungría, Alemaña Democrática, Romanía, Checoslovaquia e Iugoslavia). A primeira fase do plan daba importancia á produción industrial pesada, orientada a sustentar a base industrial e as infraestruturas necesarias, especialmente de transporte e enerxía. A segunda fase comezou coa revitalización do Consello de Asistencia Económica Mutua (COMECON), creado en 1949 coa finalidade de asignar a cada Estado certa especialización para o beneficio do bloque. Así, Alemaña Democrática, Checoslovaquia e Polonia desenvolveron a industria pesada, Hungría proporcionou a maior parte dos equipos mineiros e eléctricos, e Bulgaria fabricaba principalmente aparellos de mantemento. Romanía opúxose a esta división do traballo. Entre as principais realizacións comúns do COMECON destaca o sistema de interconexión eléctrico e a construción dun oleoduto que repartía o petróleo entre os estados membros. O punto débil do bloque socialista foi a agricultura. Pódense citar catro factores fundamentais que influíron no desenvolvemento de Europa a partir de 1945: a concentración de capitais, a hexemonía dos EE UU desde a Segunda Guerra Mundial, os mecanismos dos países orientais para tentar controlar a tendencia decrecente da taxa de natalidade, e a constante inflación nos países capitalistas.
Sector agropecuario
En xeral, a agricultura europea é de tipo mixto, con varios cultivos e actividades gandeiras na mesma rexión, aínda que nos países do antigo bloque socialista existen extensas rexións onde predomina o monocultivo. Nos países mediterráneos predomina o cultivo de cereais, oliveiras e cítricos. A importancia da agricultura na economía é maior nos países do L e nos Balcáns. Europa destaca principalmente pola súa produción de trigo, orxo, avea, centeo, millo, patacas, legumes e remolacha azucreira. As características naturais e históricas favoreceron a especialización nos cultivos, así destacan o arroz en Lombardia, a floricultura nos Países Baixos e a viticultura en Renania e Aquitania. As rexións máis fértiles e apropiadas para a agricultura localízanse nas estepas de Ucraína e nos vales do Volga e Danubio, onde a paisaxe natural foi substituída por cultivos, principalmente de regadío, como cereais, plantas industriais (remolacha azucreira, xirasol e tabaco) e hortalizas. Pódense distinguir dous tipos de paisaxes nos campos da Europa meridional: a horta, que se basea en policultivos, onde alternan os cereais, as hortalizas, os legumes, as plantas industriais e forraxes, que se localizan principalmente na Toscana, no litoral catalán e andaluz, e na chaira occidental de Portugal; e os pastos e os campos de secaño que predominan nas rexións mediterráneas máis áridas, como Sicilia e Sardeña. Polo que respecta á gandería, a estabulación das reses expandiu a actividade fóra das áreas tradicionais, aínda que estas se manteñen en cabeza da produción. Os maiores armentíos bovinos son os de Francia (20 millóns de reses) e Alemaña (15 millóns), aínda que os Países Baixos e Dinamarca posúen rabaños tan importantes como estes en proporción ao seu territorio, que é moito máis reducido. O armentío ovino destaca no Reino Unido, 6º produtor mundial, con máis de 44 millóns de cabezas en 1999, e España, 2º produtor europeo e 11º mundial, coa metade do armentío británico. O outro gran piar da gandería europea é o porcino: Alemaña (26 millóns de cabezas), España (22 millóns), Polonia (18 millóns), Rusia (17 millóns), Francia (16 millóns) e os Países Baixos (13 millóns) están entre os 12 primeiros produtores mundiais. Por último, a pesca é particularmente importante nalgunhas rexións litorais, especialmente nos países nórdicos: Rusia é a cuarta potencia pesqueira mundial, con 4.455 millóns de toneladas capturadas en 1998; Noruega (10ª con 2.850 millóns de t), Islandia (13ª con 1.682 millóns de t) e Dinamarca (14ª con 1.557 millóns de t) avantaxan a España (19ª potencia mundial e 5ª europea, con 1.107 millóns de t anuais) no volume de capturas.
Industria
Europa é unha das principais rexións industriais do mundo. Os procesos industriais iniciáronse no s XVIII ( Revolución Industrial), cando comezou a explotación a grande escala das minas de carbón, o que produciu fondas transformacións das estruturas económicas e culturais en Europa. Os condados centrais de Inglaterra convertéronse axiña en centros da industria moderna, igual que o Ruhr e Saxonia en Alemaña, o N de Francia, Silesia (Polonia) e Ucraína. Algúns dos grandes complexos industriais xurdiron a finais do s XIX e principios do s XX nos Urais, Ucraína, Rusia central e o Báltico. Ao longo do s XX desenvolvéronse nestas áreas industriais novas empresas cunha gran diversificación (metalúrxica, maquinaria, industria química e alimentaria). En Europa Occidental, ao redor dos xacementos minerais xurdiron núcleos industriais de transformación (Renania do Norte-Westfalia, Lorena, Valonia e N de Francia). Nos grandes portos desenvolvéronse grandes concentracións industriais para a transformación de materias primas e para a produción de maquinaria especializada (Xénova, Londres, Marsella, Bordeos, Barcelona, Bilbao). Despois da Segunda Guerra Mundial xurdiron novos centros industriais, baseados na enerxía hidroeléctrica (Lombardía, Suíza, Noruega) e en novas explotacións minerais (Países Baixos, Aquitania). A elaboración de produtos químicos, equipos electrónicos e artigos de alta tecnoloxía, estimularon o crecemento da industria neste período.
Minería
Desde a Revolución Industrial (RI), a distribución da poboación de gran parte de Europa estivo determinada polas actividades mineiras, en especial pola explotación de carbón, a principal fonte de enerxía da primeira fase desa RI. Zonas carboníferas, como os Midlands (Inglaterra), a rexión do Ruhr (Alemaña) e Ucraína, atraeron as grandes industrias. Existen importantes xacementos de petróleo e gas natural nos Urais, Mar Caspio, conca do Dniéper, mar do Norte, así como en Alemaña e nos Países Baixos. Os grandes xacementos carboníferos están localizados no Reino Unido, N de Francia, Bélxica e O de Alemaña. Na Europa Oriental son importantes os xacementos de ferro (Volga, Urais). Os metais non férricos como o cobre, o níquel, o cobalto e o chumbo concéntranse principalmente nos Urais, na Península Ibérica e na Península Balcánica.
Comercio internacional
Na súa maioría, os países europeos manteñen un importante comercio internacional, aínda que, debido ao implemento de proxectos de integración económica ( Unión Europea, EFTA, EEA), unha gran parte dos intercambios pasaron a ter un carácter doméstico. Alemaña, Francia, Reino Unido, Italia e os Países Baixos están entre os principais comerciantes do mundo. Unha boa parte do comercio intercontinental europeo baséase na exportación de produtos industriais e na importación de materias primas.
Transportes e comunicacións
Europa ten un sistema de transportes e comunicacións altamente desenvolvido, froito dunha sociedade industrial e comercial avanzada. Ningunha outra parte do mundo dispón dunha rede de vías internas de navegación, ferrocarrís, estradas e vías aéreas tan densa. Os ferrocarrís enlazan os principais portos coas capitais máis importantes, atravesando diferentes fronteiras e nalgúns casos, como sucede entre España e Francia, con diferente largo de vía. Os portos adaptáronse ao incremento de barcos e volume do comercio marítimo. Países interiores como Suíza, dispoñen de barcos que utilizan instalacións portuarias doutros estados. Case a metade da tonelaxe da flota mercante mundial está rexistrada en Europa. No transporte marítimo interior, as vías navegables internas máis importantes son as do Danubio e o Rin. En Rusia, o Volga constitúe unha importante vía de comunicación interna que comunica Moscova cos portos do Mar Caspio.
Xeografía humana

Poboamento e demografía
Europa é o cuarto continente en poboación absoluta, con máis de 703 millóns de h (2000). O poboamento é moi antigo, influenciado por numerosos feitos históricos e con achegas asiáticas que se mantiveron ata a época moderna. As guerras e as epidemias foron os grandes protagonistas dos movementos demográficos en Europa. No s XV, cos descubrimentos, iniciouse a europeización do mundo. En 1720, Europa tiña unha poboación de 110 millóns de h, pero ao longo do s XVIII, de xeito paralelo á Revolución Industrial, produciuse unha revolución demográfica que duplicou a poboación. No s XIX mantivéronse uns índices de natalidade elevados, xunto cunha mortalidade baixa, o que provocou un aumento de poboación que incentivou a emigración fóra do continente. Calcúlase que entre 1846 e 1930 emigraron máis de 30 millóns de europeos, cun ritmo especialmente intenso entre 1891 e 1920. Esta emigración estaba dirixida sobre todo aos EE UU, América do Sur e Australia. Simultaneamente, producíase un gran movemento de rusos cara a Siberia. A comezos do s XX, Europa tiña 401 millóns de h, malia os efectos da masiva emigración. O novo século caracterizouse polas grandes migracións interiores e polas enormes perdas demográficas causadas polas dúas guerras mundiais e polas novas pautas de comportamento vexetativo, especialmente despois da Segunda Guerra Mundial, coa introdución de métodos anticonceptivos que provocaron un estancamento no crecemento da poboación nos países do S e do L. Na Primeira Guerra Mundial as baixas europeas superaron os 8 millóns de persoas e na Segunda Guerra Mundial foron de 40 millóns. A distribución da poboación é moi irregular: as máximas densidades están na franxa que atravesa o continente de SL a NO, desde Ucraína ata o Reino Unido. Ao N a densidade de poboación é de 10 h/km2, nas rexións boreais. As relacións económicas estableceron unha xerarquía de centros urbanos, a maioría de tradición histórica, orixinados na revolución burguesa a partir do s XIV, que grazas á Revolución Industrial experimentaron unha importante expansión. En Europa Meridional as cidades conservan importantes restos históricos, o que as converte en destacados núcleos turísticos.
Diversidade étnica e cultural
A configuración étnica actual de Europa comezou no Paleolítico, con grandes movementos migratorios de orixe asiática. No Neolítico consolidáronse as etnias indoeuropeas. A partir do s V, as invasións xermánicas alteraron a estrutura étnica do Imperio Romano. Maxiares, normandos, árabes e bérberes instaláronse en Europa durante a Idade Media. Durante o s XV os pobos turco-tártaros penetraron nas estepas rusas e nos Balcáns. As migracións ao interior de Europa tiveron repercusións étnicas sobre todo despois da Segunda Guerra Mundial, momento no que este fenómeno adquiriu grandes dimensións, tal e como aconteceu primeiro en Alsacia, e en toda Francia despois. A demarcación xeográfica das etnias europeas non sempre resulta fácil. As etnias de linguas indoeuropeas constitúen un total do 90%. Os eslavos (34%), xermánicos (31%) e románicos (27%) dominan a familia indoeuropea. O resto comprende os grupos báltico, celta, albanés e grego. Os gregos forman a maioría en Chipre, mentres que colonias milenarias de albaneses e gregos esmorecen ao S de Italia. Os letóns e os lituanos son o principal grupo báltico. En Europa hai unha gran tradición cultural reflectida na calidade da súa literatura, pintura, escultura, arquitectura, música e danza. A finais do s XX, París, Roma, Londres, Berlín, Barcelona, Madrid e Moscova eran os principais centros culturais, con importantes museos, teatros e outras institucións culturais. Con respecto ás crenzas relixiosas, a finais de 1980 a maior parte dos europeos declarábanse cristiáns. O grupo máis numeroso, o católico, localízase principalmente en Francia, España, Portugal, Italia, Alemaña e Polonia. O outro gran grupo está composto polos protestantes, concentrados nos países do N e centro de Europa. Tamén hai importantes comunidades xudías na maior parte dos países de Europa, principalmente en Rusia. A inmigración procedente de África e Turquía, así como do subcontinente indio, especialmente no Reino Unido, incrementou a finais do s XX a presenza musulmá na Europa occidental, reducida ata entón á pegada que deixaran os varios séculos de imperialismo otomano nos Balcáns.
Linguas
Europa non está moi fragmentada lingüisticamente, e a maior parte das linguas que nela se falan -entre 120 e 140 en total- pertencen ao phylum indoeuropeo. Rara vez as fronteiras lingüísticas coinciden coas políticas e administrativas, polo que agás casos illados (Islandia, Lietchtenstein), nun mesmo país conviven diferentes linguas, feito que pode dar lugar a situacións de conflito lingüístico; no outro extremo do monolingüismo pódense mencionar países como Rusia, onde só na parte europea conviven numerosas variedades lingüísticas. Ademais, existe unha grande heteroxeneidade en canto á lexislación e á situación das diversas linguas dentro de cada estado ou territorio. Só unha trintena de linguas son oficiais; algúns estados só recoñecen unha lingua oficial, outros recoñecen algunha máis, e outros, todas, ben no ámbito estatal, ben nun ámbito territorial máis reducido. Tamén pode haber recoñecemento sen oficialidade. A tendencia uniformizadora de boa parte dos estados europeos fixo retroceder moitas linguas (é o caso das linguas celtas, pola presión do inglés e do francés). Ultimamente, asináronse acordos importantes como a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, á que se adheriu España e que entrou en vigor o 1 de agosto de 2001. O 2001 foi tamén o Ano Europeo das Linguas. Unha clasificación con base xenética das linguas e variedades faladas en Europa podería ser a que se expón a seguir. Dentro do phylum indoeuropeo e da familia indoeuropea fálanse linguas pertencentes aos grupos xermánico, celta, báltico, eslavo, románico (grupo ou subgrupo) e indoiranio, ademais do grego, o albanés e o armenio (principalmente na Turquía europea). O grupo xermánico divídese nun subgrupo setentrional (feroés, islandés e noruegués no occidente, dinamarqués e sueco no oriente) e outro occidental (alemán, dividido en variantes altoalemanas, co alemán propiamente dito e o luxemburgués, e variantes baixoalemanas, co baixoalemán e o neerlandés -holandés e flamengo-; frisón e inglés, aos que algúns engaden o yiddish ou xudeoalemán e o escocés-inglés); existiu tamén un subgrupo oriental, con linguas xa extinguidas (gótico, burgundio, vándalo, xépido). Do grupo celta só se conservan representantes do celta insular, subdividido en gaélico (escocés e irlandés; o manx xa está extinguido) e britónico (bretón e galés; o córnico tamén se extinguiu); as linguas celtas continentais, como o galo ou o lepóntico, desapareceron nos primeiros séculos da nosa era baixo a presión do latín ou do xermánico. As linguas bálticas que se falan son o letón e o lituano, pertencentes ao subgrupo oriental (houbo outro occidental, representado polo prusiano, que desapareceu no s XVII). Ao grupo eslavo, o de máis falantes, corresponden o ruso, o bielorruso ou ruso branco e o ucraíno, na rama oriental; o checo e o eslovaco, considerados ás veces como a mesma lingua, o polaco, o cashubio (falado en Polonia) e o sorabo (en Alemaña), na rama occidental (onde se integraron tamén o polabo e o eslovincio, xa extinguidos); e o esloveno, o serbocroata, o búlgaro e o macedonio (do que ás veces se separa o pomaco), na rama meridional; algúns inclúen neste grupo o antigo eslavo da Igrexa (s IX-XIII). Moi numerosos son tamén os falantes das linguas románicas, procedentes do latín (que, para algúns estudiosos, formou parte dun antigo grupo itálico, dividido en oscoumbro e latinofalisco, con linguas desaparecidas, aínda que o latín segue a ser lingua oficial da Igrexa Católica). Dentro das linguas románicas cómpre distinguir as continentais e as insulares. As primeiras subdivídense en occidentais ( iberorrománicas: galego, portugués, asturleonés, castelán, aragonés e catalán, lingua de transición, ademais do desaparecido mozárabe; galorrománicas: occitano, francés e francoprovenzal; retorrománicas: romanche, ladino e friulano; e italorrománicas do norte: piemontés, lombardo, ligur, véneto, emiliano e istriota) e orientais (italorrománicas do centro e do sur: marquesano, umbro, romano, abrucés, molisano, pullés, campano, lucano, calabrés, salentino e siciliano, ademais do toscano -base do italiano-, e o corso, lingüisticamente toscano, estase a converter nunha lingua por elaboración -; e balcanorrománicas, co romanés -dacorromanés, macedorromanés, meglenorromanés e istrorromanés-, ás que cómpre engadir o dálmata, xa extinguido). Lingua románica insular é o sardo. No grupo indoiranio inclúense as distintas variedades de romani e o caló hispánico, así como o ossetio, en Rusia. Tamén se fala o grego, que algúns tratan como lingua indoeuropea illada, mentres que outros o integran nun grupo helénico. Da mesma maneira, hai quen fai referencia a un grupo balcanoarmenio para o albanés e o armenio, e, en cambio, outros consideran estas linguas dun xeito illado. Fálanse así mesmo certas linguas non indoeuropeas que algúns autores integran nun macrophylum eurasiático único, dentro do cal as linguas altaicas e as urálicas formarían outras tantas familias, mentres que outros prefiren aludir a un phylum urálico e outro altaico, ou mesmo a un phylum uraloaltaico. Linguas altaicas, todas elas do grupo turco, aínda que de diferentes subgrupos, son o turco, o turco gagauz balcánico (na Turquía europea), o gagauz (falado sobre todo en Moldavia), o tátaro de Crimea e o karaim (en Lituania), así como o chuvaxo, o bashkir, o karachai, o balkaro, o tátaro, o nogai e o kumiko, na Rusia europea (onde existe tamén unha zona de fala acerbaixana do norte, no Cáucaso); en cambio, do grupo mongol é o calmuco, falado tamén en Rusia. Linguas urálicas existentes no continente europeo son algunhas do grupo samoiedo (o nenets) e, fundamentalmente, as do finougrio, dividido nos subgrupos fínico (saami ou lapón, livonio, estoniano, ingrio, vepsio, carelio, livvi, ludio, finlandés, mari, mordovino, erza, komi siriano, komi pérmico e udmurto) e ugrio (na parte europea fálase o húngaro ou maxiar). Entre as linguas do phylum e da familia caucásicos faladas en Europa, cómpre distinguir algunhas do grupo setentrional, como o abaza, o adigueo e o kabardino (estas dúas últimas dentro do circasiano), como representantes noroccidentais; as linguas daguestanas (andi, ávaro, dido, lak, darguano, lezguio e tabasarano), faladas en diferentes zonas de Rusia, xunto ao ubykh da Turquía europea, practicamente extinto, na rama nororiental, e o checheno e o inguxo na parte central. O maltés pertence ao phylum e á familia afroasiáticos, dentro do grupo semítico e do subgrupo arábigo. Lingua non indoeuropea illada é o éuscaro, sen filiación xenética demostrada, como tamén o foi o desaparecido etrusco. Algunhas linguas de Europa convertéronse en dominantes noutras partes do mundo, de maneira que entre as dez máis faladas figuran varias europeas: o inglés (2ª lingua máis falada), o castelán (3ª), o portugués (7ª) e o ruso (8ª). Ademais, o inglés, o francés, o castelán e o portugués deron lugar a sabires e crioulos, en combinación con linguas indíxenas.
Historia

Da aparición do home ao emprego dos metais
Os vestixios humanos máis antigos localizados en Europa, con case un millón e medio de anos de antigüidade, son a mandíbula de Dmanisi (Xeorxia) e os restos da Trinchera Dolina 6, no xacemento de Atapuerca (Burgos). Con medio millón de anos consérvanse, entre outros, os restos do Homo heidelbergensis, na Sima de los Huesos en Atapuerca e o fragmento da tibia e dous dentes de Boxgrove (Reino Unido). Con 415.000 e 254.000 anos de antigüidade consérvanse, entre outros, os restos de preneanderthais de Bilzingsleben e Reilingen (Alemaña), de Swanscombe (Reino Unido) e de El Tossal de la Font (Castelló de la Plana). Os primeiros restos do home de Neanderthal datan do Paleolítico Inferior e durante o Paleolítico Superior foi substituído por dúas variantes de Homo Sapiens, o home de Cro-Magnon e o home de Chancelade. Os primeiros restos de industrias líticas apareceron nos xacementos de Molodova (Rusia), La Ferrassie e La Chapelle aux Saints (Francia), e pertencen ao Musteriense. Durante o Paleolítico Superior desenvolvéronse unha sucesión de culturas: a Perigordense, a Auriñacense, a Solutrense e a Madalenense. Producíronse, ademais, unha serie de manifestacións artísticas como as Venus e as pinturas rupestres en numerosas covas situadas entre a Dordogne e os Pireneos e a Cordilleira Cantábrica. O fin das glaciacións trouxo consigo unha serie de cambios climáticos que transformaron as formas de vida durante o Epipaleolítico. Nos países escandinavos apareceu a cultura naglemonense e en Centroeuropa, o Azilense e a cultura tardenoense. Apareceron tamén diversos lugares reservados para enterramentos, como os atopados en Vedbaek (Dinamarca), e comezaron os primeiros intercambios comerciais. A proximidade entre Europa e o Próximo Oriente permitiu a rápida expansión do Neolítico. Os grupos neolíticos máis antigos proceden dos Balcáns, onde se desenvolveron tres grandes horizontes culturais. As chairas de Europa Oriental foron colonizadas desde a área balcánica e nela apareceron grupos semisedentarios que fabricaban cerámica incisa con decoración en bandas. No occidente mediterráneo desenvolveuse a cerámica cardial e na fachada atlántica, onde as novidades neolíticas conviviron coas formas económicas e sociais mesolíticas, xurdiu o megalitismo. As primeiras sociedades metalúrxicas xurdiron en Grecia e Creta entre o 2000 e o 1400 a C. As culturas xurdidas ao redor de Knossos e Micenas foron as primeiras civilizacións europeas das que se conservan restos literarios a través dos poemas homéricos. A difusión da metalurxia no resto de Europa propiciou a aparición dunha serie de culturas locais caracterizadas todas elas por elementos materiais dunha ampla dispersión xeográfica. A chegada da metalurxia do bronce produciuse polas mesmas canles que o comercio do estaño, necesario para conseguir a aliaxe. Durante o Bronce Antigo xurdiron en Centroeuropa as culturas de Unetice (Hungría) e dos túmulos, e en Europa Occidental unha serie de culturas entre as que destacan a da Bretaña francesa e a cultura de Wessex nas Illas Británicas. No Bronce Medio e Final xeneralizáronse en case todo o territorio os enterramentos en túmulos e a cultura dos campos de furnas. Os primeiros indicios sobre o coñecemento do ferro datan de 1200 a C, cando a sociedade micénica foi conquistada polos dorios, que dominaban a metalurxia. A expansión polo resto do continente tivo lugar ao redor do 1000 a C e deu lugar a diferentes culturas: no N de Italia, á cultura villanoviana; en Europa Occidental, á cultura de Halstatt e desde o s V a C, á cultura de La Tène.
As civilizacións grega e romana
A primeira gran civilización que xurdiu en Europa foi a helénica, que tiña a súa base xeográfica na Península Grega, as illas do Exeo e a franxa litoral de Asia Menor. A partir do s VIII a C iniciouse a recuperación política e económica de Grecia a través da creación das polis. Ademais, houbo un proceso de expansión colonial por todo o Mediterráneo que culminou coa fundación de colonias gregas no S de Italia, no S de Francia e na Península Ibérica. Os desprazamentos marítimos permitiron á civilización helénica asimilar os coñecementos culturais e artísticos, técnicos e económicos das civilizacións do Próximo Oriente e despois difundilas polas costas mediterráneas, espacialmente a través do pobo fenicio. Ao mesmo tempo apareceron diversas culturas de base indíxena como os pobos etrusco, tarteso e ibero. O s V a C foi o século de apoxeo de Atenas e Esparta unidas durante as Guerras Médicas e enfrontadas na Guerra do Peloponeso, tralas que foron sometidas ao rei macedonio Filipo II e despois ao Imperio de Alexandre o Grande. No s V a C, a través dos grandes ríos europeos, como o Ródano e o Rin, e grazas ao comercio, penetrou cara á Europa central a cultura de La Tène. Na Península Italiana, no s VIII a C, fundouse xunto ao Tíber unha pequena cidade de pastores, Roma, que dous séculos máis tarde principiou a conquista do Lacio e que tralas Guerras Púnicas dominou o Mediterráneo occidental. A súa rápida expansión territorial tivo como máximo expoñente na creación dun novo sistema de goberno, o Imperio, instaurado por Octavio Augusto (31? a C), que deu unidade política, económica e cultural aos territorios conquistados. Os romanos tamén deron unidade relixiosa a Europa, primeiro coa propagación do culto imperial, sempre respectando as formas relixiosas indíxenas, e desde o s III co avance do cristianismo. Desde mediados do s III o Imperio Romano viuse inmerso nunha forte crise política, económica e social que alimentou tamén un sentimento de angustia e perda de confianza que permitiu o triunfo de correntes relixiosas como o cristianismo, que no ano 313 se converteu na relixión oficial do Imperio. No ano 395 o Imperio dividiuse en dous grandes conxuntos: o Imperio de Oriente, con base en Constantinopla, e o Imperio de Occidente, con base en Milán e Ravenna.
Da fin do Imperio Romano ao Imperio Carolinxio
Despois da caída de Roma (476), os pobos xermánicos continuaron a súa expansión por Europa Occidental. No s V os visigodos e ostrogodos trasladáronse desde os Balcáns ao S da Galia; os suevos, vándalos e alanos cruzaron o Rin e dirixíronse aos territorios de Hispania; os burgundios, francos e alamanos instaláronse no N da Galia; os xutos, anglos e saxóns cruzaron ao mar do Norte; os frisóns, turinxios e bávaros ocuparon os territorios ao L do Rin; e os ávaros ocuparon a conca do Danubio. As primeiras consecuencias das invasións foron a creación de novas entidades políticas lideradas polas aristocracias destes pobos. No plano económico produciuse a ruralización da sociedade e o estancamento económico propiciado pola autarquía. O dominio da terra concentrouse en mans das aristocracias, polo que os antigos campesiños libres víronse obrigados a encomendarse á protección dun señor poderoso mediante relacións de vasalaxe. No Imperio Bizantino, o Emperador Xustiniano I (527-565) transformou o Estado, que se converteu nun corpo burocrático centralizado na corte e na figura do emperador, sen embargo, a recuperación da unidade política fracasou polas invasións de árabes, eslavos, ávaros e lombardos, que obrigaron os bizantinos a abandonar as súas posesións máis occidentais. No s VI a dinastía franca dos merovinxios iniciou unha rápida expansión que acabou cos reinos ostrogodo (536) e burgundio (534), desprazou os visigodos á Península Ibérica e someteu os turinxios, alamanos, saxóns e frisóns. A finais do s VII os denominados mordomos do palacio da dinastía franca formaron o Imperio Carolinxio, que se converteu no novo defensor da cristiandade. A súa decadencia deu lugar ao xurdimento dos futuros estados de Francia e Alemaña. Apareceron tamén os continuos saqueos normandos, orixinarios de Escandinavia e que desde o 793 ocupaban as Illas Británicas, que a finais do s IX fundou o ducado de Normandie, feudatario do rei de Francia. Paralelamente, os varego percorreron os ríos rusos desde o Báltico ao Mar Negro e ao Caspio, estableceron relacións comerciais cos imperios bizantino e árabe e crearon, ao fusionarse coas tribos eslavas, os primeiros estados rusos, dos que o principal foi o de Kiev.
A época feudal e a expansión da cristiandade occidental
Trala disolución do poder central, os señores locais incrementaron o seu poder sobre os campesiños e mantiveron como hereditarios os seus cargos administrativos, ao tempo que comezaron a exercer as funcións que ata entón lles correspondían aos príncipes. Estableceuse entón na Europa Occidental o feudalismo. A situación era, de feito, de independencia, e xurdiron unha multitude de poderes políticos (ducados e condados) que reduciron practicamente os reinos aos seus territorios patrimoniais. Introduciuse unha nova fonte de disputas ao converterse a coroa en electiva entre os grandes señores, tanto en Francia como en Alemaña. Por outra banda, os musulmáns levaron a cabo unha forte piratería no Mediterráneo occidental; e, aínda que as expedicións normandas perderan virulencia, apareceron novos inimigos asiáticos, os húngaros, que do 889 ao 955 organizaron constantes expedicións de saqueo contra Italia, Francia e Alemaña, así como sobre os Balcáns. O rei xermánico Otón I apoderouse do Reino de Italia e fíxose coroar emperador en Roma no 962 para formar así o Sacro Imperio Romano Xermánico. Coa protección imperial, a Igrexa estendeu o cristianismo e obtivo a conversión dalgúns reinos eslavos e normandos que se acompañaron de intentos unificadores fronte á nobreza pagá. Por outra banda, a vontade de non caer na órbita do Imperio moveu os soberanos a someterse directamente a Roma e a solicitar a creación de xerarquías nacionais. A expansión cristiá conseguiuse tamén fronte aos musulmáns. En Occidente, a ocupación de Córsega polos pisanos marcou o inicio da prepotencia cristiá, que se confirmou co afundimento do califato de Córdoba (1031). Coincidindo co definitivo Cisma de Oriente (1054) e as disputas internas para conseguir o poder, as invasións turcas sobre Rusia e sobre o califato de Bagdad provocaron a perda dos dominios bizantinos en Italia a favor dos normandos e a prostración do Imperio. En Occidente, as invasións turcas tiveron un paralelo nos imperios islámicos do interior de África: almorábides e almohades. As consecuencias máis palpables foron o dominio do mar por parte das cidades do Mediterráneo occidental e a ruptura da tolerancia relixiosa, que abriu paso ás cruzadas, nacidas ao mesmo tempo ca a reforma eclesiástica iniciada polo Papa Gregorio VII, que, por outra banda, ao enfrontarse á resistencia imperial e ao ceder no problema das infeudacións eclesiásticas, provocou a decadencia do Imperio Xermánico. Mentres tanto, melloraron as condicións económicas e a diminución da fame permitiu o incremento da vida urbana, do artesanado e do comercio. Paralelamente, o avance cristián na Península Ibérica permitiu a recuperación dos reinos de Toledo (1085) e de Zaragoza (1118).
A recuperación das monarquías
A desintegración feudal topou coa persistencia das ideas unitarias, sobre todo despois do renacemento do dereito romano e da súa adopción polas cortes reais. A idea de unidade mantida inicialmente polo papado e o Imperio xermánico deixou paso, despois do enfrontamento de ambas as potencias na loita das investiduras (1074-1122), á idea dos estados nacionais, con monarquías fortes apoiadas pola burguesía. A monarquía francesa foi estendendo pouco a pouco a súa autoridade sobre os principais feudos vasalos aínda que mantivo disputas con Inglaterra, rexida desde a conquista de 1066 polos duques de Normandie, vasalos do rei de Francia, que levaron á Guerra dos Cen Anos. Outros reinos potentes xurdiron en Inglaterra, onde o poder monárquico se impuxo coa conquista normanda, e na Península Ibérica, onde ante o perigo musulmán se formaron os reinos de Navarra, Castela e León, Aragón e Portugal. En cambio, o Imperio xermánico en poucas ocasións logrou superar as trabas que representaban o principio electivo, a interferencia do papado e a disparidade do territorio. O poder de Roma converteuse nun poder temporal máis, mentres as cidades italianas se independizaron de feito da tutela imperial. Na loita co Imperio, os papas enfeudaron o Reino de Nápoles aos Anjou franceses, mentres os dereitos dos imperialistas pasaron finalmente á casa de Aragón. O poder político dos papas, exercido xeralmente en favor de Francia, produciu tensións entre os estados, que provocaron o traslado da Santa Sé a Aviñón (1309) e o Cisma de Occidente (1378-1417). En Alemaña, pola contra, grazas ás iniciativas dos señores feudais e das ordes de cabalería, produciuse unha forte expansión cara ao mundo eslavo (Drang nach Osten). Foi tamén unha época de prosperidade económica na que as novas relacións comerciais se basearon na existencia de dous focos: o Mediterráneo, dominado polos italianos, e o Báltico, dominado polos alemáns. O desenvolvemento comercial permitiu a circulación dunhas moedas fortes, cuñadas principalmente en Italia. Malia a eliminación da presenza musulmá na Península Ibérica coa desaparición do Reino de Granada (1492), Europa non puido frear o avance turco. A ocupación de Constantinopla durante a cuarta cruzada (1204) deu lugar ao Imperio Latino de Constantinopla. A gradual ocupación dos Balcáns polos turcos culminou coa toma de Constantinopla en 1453. Á prosperidade do s XII sucedeulle a crise baixomedieval. A peste negra e os continuos enfrontamentos bélicos provocaron un descenso demográfico. Mentres o comercio mediterráneo sufriu a inseguridade motivada pola presenza dos turcos, os centros comerciais do N tiveron un gran desenvolvemento que se mostrou na expansión da Hansa. Ademais, o comercio comezou a dirixirse cara ao L europeo e cara ao Atlántico. Ao longo destes séculos as monarquías fortalecéronse e puxeron as bases do Estado moderno: contaban con asembleas representativas, tiñan un exército e unha fiscalidade permanente, contaron cunha burocracia e estableceron novas relacións coa nobreza.
Renacemento, descubrimentos e predominio hispánico
A caída de Constantinopla levou a Italia un gran número de intelectuais, que acabaron de conformar, xunto coa achega do humanismo, o movemento de redescubrimento da Antigüidade clásica coñecido como Renacemento. Os descubrimentos xeográficos incrementaron o mundo coñecido e a imprenta facilitou en gran medida a difusión do coñecemento. A chegada de Colón a América (1492), a de Vasco da Gama á India (1497) e a primeira volta ao mundo de J. S. Elcano (1522) foron seguidas de numerosas expedicións de exploración e conquista en América, Insulindia e Oceanía, na que participaron tamén ingleses, franceses e holandeses. Consecuencia desta expansión foi a mundialización da economía europea. A Península Ibérica asumiu o papel de distribuidor dos metais preciosos americanos e Anveres converteuse no gran centro financeiro europeo. A concentración da herdanza imperial en Carlos V (1519-1555), á que se uniu máis tarde Portugal (1580) e o seu imperio colonial, converteu á casa de Austria en hexemónica en Europa, onde se estaban a conformar os distintos estados territoriais da man das monarquías e o seu novo aliado, a burguesía mercantil. Inglaterra e Francia quedaron unificadas baixo potentes monarquías, mentres Alemaña e Italia continuaron divididas en territorios económicos independentes. A Reforma iniciouse coa ruptura de M. Lutero (1517) e estendeuse desde Alemaña aos países escandinavos. Na Inglaterra anglicana, a Acta de Supremacía (1559) someteu a Igrexa á autoridade real. Como reacción á Reforma protestante xurdiu a Contrarreforma católica. A casa de Austria erixiuse en defensora da idea imperial e da unidade católica baixo o goberno tanto de Carlos V como de Filipe II (1555-1598).
A hexemonía francesa
A Guerra dos Trinta Anos (1618-1648) prostrou definitivamente o imperio hispánico e confeccionou un novo mapa de Europa, onde xurdiu Francia como potencia hexemónica, prototipo de estado secular e centralizado, rexido pola monarquía absolutista de Luís XIV (1661-1715). As revoltas contra o sistema absolutista sucedéronse en Francia, Inglaterra e Holanda. Pero a economía francesa, malia a ríxida organización implantada por J. B. Colbert, non podía competir coa actividade de holandeses e ingleses, dominadores dos mares e do comercio colonial. No leste europeo diversos estados emularon a centralización estatal absolutista. O Tsar Pedro I o Grande (1689-1725) converteu a Rusia nunha potencia militar que se estendía cara ao Báltico e ao Mar Negro. O fracaso no proceso centralizador trouxo consigo a decadencia política en Polonia e no Imperio Otomano. O último enfrontamento provocado pola tendencia hexemónica de Francia foi a Guerra de Sucesión española que provocou un cambio na relación de forzas europeas.
Equilibrio político continental e predominio marítimo inglés
Os principais compoñentes do novo equilibrio europeo veñen marcados polo poderío da monarquía austríaca na Europa danubiana, o ascenso de Prusia e Rusia, a decadencia do Imperio Otomano, o peso de Francia no eido intelectual e artístico, e a preponderancia inglesa sobre todos os mares. O mantemento deste equilibrio provocou guerras e alianzas de grupos, especialmente polos problemas sucesorios dos estados vacantes, respectando sempre as dúas oposicións fundamentais: Inglaterra-Francia e Austria-Prusia. Incluso ante a ameaza rusa de anexión de Polonia, a reacción foi de permitir a desaparición do estado polaco, pero repartido entre os veciños de forma que mantivese o equilibrio na zona, mentres que Turquía se conservaba artificialmente para non incrementar o poder de Austria e de Rusia. Inglaterra, aínda que se mantiña apartada de apetencias territoriais no continente, xa forxara o seu grande imperio colonial, ao tempo que explotaba economicamente a América española, principalmente a través do contrabando; desta forma, a acumulación de capitais e a liberdade política, intelectual e empresarial inglesa, favoreceron o xurdimento da Revolución Industrial. A secularización do pensamento sentou as bases dunha nova visión do mundo, independente das concepcións cristiás. O compendio máis importante do pensamento ilustrado, a Encyclopédie (1751-1780), cuestionaba a concepción relixiosa do mundo e avogaba polo humanismo científico baseado na lei natural. Os monarcas europeos implantaron o despotismo ilustrado que reforzaba economicamente a monarquía e favorecía a burguesía en contra das clases tradicionais (nobreza e clero), pero ao mesmo tempo privaba ás coroas dos seus aliados tradicionais.
A era das revolucións. Movementos nacionalistas e independentistas
A difusión dos ideais de liberdade e democracia desafiou a dependencia colonial e o absolutismo. A independencia das colonias inglesas en América foi seguida da Revolución Francesa que, ademais de acabar co Antigo Réxime e poñer as bases da organización político-xurídica da nova orde liberal burguesa, exportou as ideas liberais por todo o continente. A elección como emperador de Napoleón I Bonaparte provocou a alianza dos monarcas europeos. Estes, trala súa vitoria en Waterloo (1815), restauraron a monarquía en Francia e, despois do Congreso de Viena instauraron unha fronte antiliberal e antidemocrática, a Santa Alianza. A Europa de Viena tivo unha resposta en forma de dobre reivindicación liberal e nacional e, a medida que avanzaba o século, unha crecente reivindicación social protagonizada pola incipiente clase obreira. O movemento de liberación nacional iniciouse nos Balcáns, onde se rebelaron as colonias baixo os otomanos: Grecia en 1821; e Serbia e Montenegro en 1830. Bélxica aproveitou a revolta liberal de 1830 para independizarse dos Países Baixos. Ao mesmo tempo crecía o nacionalismo alemán, que en 1834 creaba o Zollverein. A revolta de 1848 percorreu toda Europa (agás o Reino Unido, Rusia e a Península Ibérica) e tivo como consecuencia a proclamación en Francia da Segunda República. En Suíza as revolucións liberais de 1830 e de 1848 estableceron a Constitución Federal (1848), conservando o nome de Confederación Helvética e a neutralidade proclamada polo Congreso de Viena. A segunda Restauración (1850-1860) non conseguiu afogar as aspiracións de capas sociais cada vez máis amplas. A isto uníase o reforzamento da conciencia nacional en Italia e Alemaña, que propiciou os correspondentes procesos de unidade. Mentres o Segundo Imperio napoleónico se afundía, proclamábase a Terceira República e en París tiña lugar a Comuna. Na segunda metade do s XIX Europa posuía unhas capacidades técnicas, industriais e demográficas que potenciaron o inicio dun novo colonialismo en África e Asia. Tamén o comercio experimentou unha transformación radical cos novos medios de transporte, en especial o ferrocarril. O aumento demográfico foi enorme e a crecente mecanización non permitía dar traballo á nova clase obreira, sometida á explotación e organizada nos seus propios movementos sindicais e políticos: os de orixe social-comunista (K. Marx), os anarquistas (P. J. Proudhon e M. Bakunin) e os cristiáns. As novas correntes ideolóxicas tiveron unha gran difusión a causa, principalmente, da proliferación do ensino e do impulso da prensa. O Imperio Otomano converteuse para Europa na Cuestión de Oriente e en obxectivo de todas as potencias. O conflito condicionou a política internacional, sobre todo desde a Guerra de Crimea (1853) ata a Primeira Guerra Mundial. As Guerras Balcánicas e a subseguinte Guerra Mundial puxeron fin definitivamente aos dominios otomano e austrohúngaro nos Balcáns. A finais do s XIX, xurdiron réximes constitucionais en toda Europa, agás Rusia e Turquía. Ao mesmo tempo os movementos nacionalistas continuaban bulindo dentro dos estados multinacionais. Primeiramente foron movementos literarios ou culturais, que máis tarde se converteron en reivindicacións políticas.
A Primeira Guerra Mundial e a Revolución Rusa
A Primeira Guerra Mundial dividiu a Europa en dous bandos: os imperios centrais (Alemaña e Austria) enfrontados cos aliados, Francia, Reino Unido e Rusia. Unha serie de pequenos estados aliáronse cun ou con outro bando, segundo a conveniencia ou a necesidade política ou de veciñanza. Algúns cambiaron de lado prevendo os resultados, aínda que as forzas estiveron moi equilibradas durante os catro anos. Na fronte do leste, a situación dos rusos era a máis comprometida e a oposición liberal e socialista aproveitou para derrocar a Nicolao II, ao que sucedeu a Revolución Rusa. Trala Paz de Brest-Litovsk, os alemáns centraron as súas tropas no oeste e lograron algunhas ofensivas vitoriosas. A entrada dos EE UU, potencia que xa se enfrontara con éxito ao Reino Unido e a España, decantou a balanza en favor dos aliados occidentais. O armisticio asinouse o 11 de novembro de 1918.
Período de entreguerras e réximes ditatoriais
O conflito deixou tras de si unha Europa afundida económica e politicamente ao tempo que xurdía unha nova gran potencia extraeuropea. Quedaron establecidos dous principios fundamentais: o dereito dos pobos a dispoñer de si mesmos e a necesidade de crear un organismo internacional que establecese os principios do dereito internacional, materializado na creación da Sociedade de Nacións, que resultou moi limitada. O mapa europeo quedou confeccionado con numerosos novos estados plurinacionais, como Iugoslavia e Checoslovaquia, que incluían minorías nacionais disconformes, e numerosas rexións obxecto de disputa. Rusia, inmersa nun conflito civil, viu limitada a expansión da revolución fóra das súas fronteiras e por outra banda o fortalecemento das democracias occidentais desviou as masas obreiras dos movementos revolucionarios. En determinados lugares a democracia abriu o camiño a un radicalismo político ditatorial que lle permitía afianzarse e rearmarse ante o temor da expansión do bolxevismo. Así, a ditadura estableceuse en Italia, en 1922; seguiron Primo de Rivera en España en 1923, Alexandre I en Iugoslavia en 1929, Salazar en Portugal asumiu o poder en 1928 e no ano 1933 proclamou o Estado Novo, Hitler en Alemaña en 1933 e Metaxas en Grecia en 1936. De todos eles convertéronse en transcendentais o fascismo italiano e o nazismo alemán. Stalin implantou un totalitarismo de esquerdas na recentemente creada Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS, 1922). Simultaneamente, desenvolvéronse movementos progresistas noutros estados europeos, como Francia, Checoslovaquia ou España. Así, as sufraxistas feministas, que loitaron por conseguir a equiparación da muller nos dereitos políticos e sociais, conseguiron a concesión do voto feminino en Suecia en 1918, no Reino Unido en 1928, e en España en 1931.
A Segunda Guerra Mundial. A Europa de bloques (1945-1991)
A precaria paz europea, asentada nunha Europa de alianzas militares e de carreira de armamentos, rachou trala invasión de Polonia pola Alemaña nazi, desencadeante da Segunda Guerra Mundial que enfrontou ao eixe Berlín-Roma-Toquio fronte aos aliados Reino Unido-Francia-Rusia-EE UU (incorporados en 1941). Trala vitoria aliada, fíxose evidente o efémero da alianza, na que pronto emerxeron dous bloques ideolóxicos diferenciados e enfrontados que xiraban arredor dos EE UU e a Unión Soviética, líderes das alianzas político-militares denominadas OTAN para o bloque occidental, e Pacto de Varsovia, para o bloque oriental. A división de Alemaña en dous estados (1948) e o posterior levantamento do Muro de Berlín (1961) exemplificaron a nova orde en Europa. Este conflito fixo ademais evidente a perda de hexemonía mundial dos estados europeos, nun mundo liderado por potencias extraeuropeas (a URSS non o é en gran parte do seu territorio) e no que emerxen á independencia novos países, froito do proceso descolonizador. A etapa da Guerra Fría estivo marcada pola recuperación económica europea, pola ameaza dunha nova conflagración bélica e pola creación de estruturas supranacionais. Desde os anos cincuenta, en Europa occidental o movemento europeísta iniciou unha tarefa de integración progresiva do continente para facer fronte ás esixencias da mundialización, manter Europa nunha posición influente e desfacerse de dependencias externas. Así, en 1951 organizouse o Mercado Común e a CECA; e en 1957, a Comunidade Económica Europea. España e Portugal, únicos estados con ditaduras na área occidental, quedaron dentro da influencia norteamericana por razóns estratéxicas, aínda que non foi ata o establecemento de réximes democráticos (1975 e 1977) que se integraron plenamente na estrutura militar e política europea occidental. Para resolver os problemas comunitarios a nova organización estableceu o chamado Consello Europeo, reunido por vez primeira en 1974. Este organismo puxo en marcha o proceso de elección do Parlamento Europeo en 1979, ano no que tamén se creou o Sistema Monetario Europeo e unha unidade monetaria europea (o ECU). No bloque soviético a afluencia de novas disidencias e as reformas gobernamentais da man do novo dirixente M. Gorbačov, coñecidas como a perestrojka, tiveron como consecuencia a súa desintegración. Desde 1989 sucedéronse a ruptura do sistema de partido único, a convocatoria de eleccións democráticas e o emblemático derrubamento do Muro de Berlín, seguido da reunificación de Alemaña. No interior da URSS, os países bálticos (Estonia, Letonia e Lituania) foron os primeiros territorios non rusos en independizarse (1990-1991). En febreiro de 1991 a disolución do Pacto de Varsovia culminou a política de distensión, coa que se desmantelaran a maior parte das bases soviéticas e norteamericanas en territorio europeo. En agosto de 1991, un intento fallido de golpe de estado involucionista precipitou a secesión das últimas repúblicas soviéticas e en Europa oriental xurdiron novos estados: Bielorrusia, Ucraína e Moldavia nas fronteiras dos antigos satélites europeos, e no Cáucaso, Armenia, Xeorxia e Acerbaixán. En decembro, a URSS autodisolveuse formalmente, dando paso á fundación da Federación Rusa.
A transición cara a unha nova Europa
As relacións de Rusia cos estados europeos occidentais (e en último termo cos EE UU) tiveron un carácter ambivalente como consecuencia, por unha banda, da necesidade de axuda occidental para superar o marasmo económico e, por outra, da súa condición de superpotencia que, aínda que deteriorada, provocou algúns episodios de tensión, especialmente coa OTAN (crise de Bosnia-Herzegovina e petición de ingreso na Alianza por parte dos antigos satélites da Europa oriental). En 1991 e 1992 estalou nos Balcáns o conflito europeo máis grave desde a Segunda Guerra Mundial, ao afundirse a Iugoslavia socialista, que enfrontou as antigas repúblicas de Serbia e Montenegro partidarias de manter a integridade territorial, e as repúblicas secesionistas de Eslovenia, Croacia, Macedonia e Bosnia-Herzegovina que se proclamaron independentes, mentres Serbia e Montenegro constituíron en 1992 a República Federal de Iugoslavia. En Bosnia-Herzegovina estalou unha guerra civil entre os colectivos serbio, croata e musulmán, que adquiriu un carácter marcadamente xenófobo, que rematou cos Acordos de Dayton. Un último episodio deste conflito desenvolveuse en Kosovo.En contraste con esta traumática desintegración, Checoslovaquia escindiuse por medios pacíficos e democráticos en dous estados, a República Checa e Eslovaquia (1993). Este mesmo ano, a entrada en vigor do Tratado de Maastricht inaugurou unha nova etapa de integración europea baixo a nova denominación de Unión Europea (UE). O Instituto Monetario Europeo (substituído polo Banco Central Europeo, 1998), tivo a misión de levar adiante a Unión Económica e Monetaria (UEM). Esta unión afianzouse coa introdución da moeda única, o euro, posta en circulación o 1 de xaneiro de 2002 en doce dos quince estados membros (agás Dinamarca, Reino Unido e Suecia).