excedente
(< exceder)
-
adx
Que excede.
-
adx e s
Que ou quen está en situación de excedencia.
-
s
m
[ECON]
Parte do produto social que sobrepasa o valor dos factores de produción empregados para obtelo. Trátase da parte apropiada pola clase non traballadora, independentemente da cota que segue destinada ao consumo produtivo ou ao investimento. Historicamente, os fisiócratas elaboraron o concepto de excedente agrícola, posto que este era o sector que permitiría a formación dunha acumulación primitiva. Esta delimitación viuse desbordada pola importancia do sector industrial, polo que se estableceu a noción de excedente económico.
-
excedente de cupo
[BÉL]
Parte dos recrutas que non se incorporan a filas por corresponderlle un número superior á cota prevista.
-
excedente demográfico
[DEMOG]
Parte da poboación que resulta sobrante en función dos recursos dispoñibles nun territorio e momento dado. O concepto ten validez nas sociedades de economía teoricamente estable, onde todo incremento cuantitativo da poboación dá lugar a un descenso da renda per cápita e un incremento da taxa de desemprego. Todo o volume de poboación que supere o volume de equilibrio constitúe o excedente que, ou ben emigra, ou ben é eliminado por unha mortaldade acentuada provocada pola fame e as epidemias conseguintes.