Exipto
Estado de África Setentrional, que limita ao N co Mar Mediterráneo, ao NL con Israel, ao L co Mar Vermello, ao S con Sudán e ao O con Libia (1.001.449 km2; 65.257.000 h [estim 2000]). Esténdese entre os 22° e os 32° de latitude N e os 25° e 36° de lonxitude L. A súa capital é O Cairo.
Xeografía física
Relevo e xeoloxía
No relevo de Exipto distínguense catro rexións: o val do Nilo, o deserto de Libia, o deserto Arábigo e a península do Sinaí. O val do Nilo atravesa todo o territorio de N a S e está formado polos aluvións transportados polo río. No Cuaternario, a inundación do val e da costa mediterránea orixinou o delta do Nilo, onde antes existía un golfo. O deserto de Libia, ao O do Nilo, constitúe un altiplano dividido pola depresión salina de Qa ṭṭ āra e cunha altitude media que diminúe cara ao N. O deserto Arábigo esténdese entre o val do Nilo e o Mar Vermello, constituído por unha serra costeira de materiais cristalinos e metamórficos, froito da transgresión mariña do Cretáceo, que culmina no Ǧ abal Šā’ib al-Banāt, a 2.187 m de altitude. A península do Sinaí é un horst de forma triangular, máis elevado na zona S ca na N, onde destaca o pico de Katrīna, a maior elevación do país, a 2.637 m de altitude.
Climatoloxía e hidrografía
A maior parte de Exipto está situado nunha zona desértica, polo tanto predomina o clima árido, agás na zona N, onde é temperado de tipo mediterráneo seco. O clima caracterízase por unha estación cálida e outra fría, pero as temperaturas non chegan a ser extremas en ningunha das dúas estacións, debido aos ventos dominantes do N. Na zona costeira as temperaturas oscilan entre unha máxima de 37°C e unha mínima de 13°C. Nas zonas desérticas hai unha grande amplitude térmica entre o día e a noite. A área máis húmida está na costa mediterránea, cunha precipitación media anual de 200 mm. O Nilo é o único río que drena a rexión e o seu val constitúe a principal área de cultivo; entra en Exipto desde Sudán e discorre cara ao N nun percorrido de 1.545 km, ata desembocar no Mediterráneo. Ao S, cara á cidade de Idfū, o largo do val non supera os 3 km. Entre Idfū e O Cairo, o largo aumenta ata os 23 km e a maior parte da beira occidental é cultivable. Nas proximidades do Cairo o río únese co delta ocupando uns 250 km de costa. Unha serie de catro lagos pouco profundos sitúanse no delta e cara ao S. Preto da cidade de Al-Fayyūm está o lago Birkat Qārūn. Na fronteira con Sudán está o lago artificial Nasser, formado polas presas de ‘Aswān.
Xeografía económica
Economía
A economía exipcia socializouse trala promulgación dunha serie de leis a comezos de 1961. O goberno encargouse do comercio exterior, da banca, dos seguros e da maioría das industrias. Un plan quinquenal de 1960 favoreceu a expansión da industria e un incremento considerable na produción. O plan substituíuse en 1965 por outro dunha duración de sete anos, debido en parte á falta de investimentos estranxeiros. Aínda que a economía creceu na década dos setenta, a caída dos prezos do petróleo a mediados dos oitenta e a crise do Golfo Pérsico nos noventa, deixou a Exipto nunha difícil situación financeira, agravada polo pagamento da débeda externa, que en 1998 era de 31.964 millóns $ USA. A poboación activa en 1999 era de 23.377.000 persoas e a inflación no mesmo ano do 3,1%. A moeda oficial é a libra exipcia.
Recursos e sectores de actividade
Malia que o terreo cultivado ocupa unha extensión moi reducida (un 3,3% da superficie total do país), as actividades agropecuarias son as predominantes despois dos servicios, e ocupan o 29% da poboación activa. Os principais cultivos son de regadío, do que existen dous tipos de técnicas: a primeira son os cultivos por inundación total das terras (16,2% da superficie cultivada) que se practican no curso alto, cando o Nilo alcanza o caudal máximo, no mes de setembro; os principais cultivos son os cereais, o arroz, o trigo e o millo. O segundo tipo de técnica de cultivo é por canalización, practicada no delta por medio dunha rede de canles; deste xeito recóllense dúas colleitas anuais, incluso tres; os cereais de inverno (trigo e cebada), xunto cos legumes e hortalizas, constitúen a primeira colleita; a segunda, de verán, baséase en cereais de estío, cana de azucre e oleaxinosas (algodón, cacahuetes, soia e sésamo). A gandería dedícase sobre todo á cría de gando bovino, ovino e caprino. Exipto ten un sector pesqueiro moi importante; en 1997 as capturas acadaron as 345.240 t. As principais áreas de pesca son o delta e o Mar Vermello.
Industria e minería
A poboación activa ocupada no sector secundario supón o 23% do total. A industria, en pleno proceso de desenvolvemento, mudou a estrutura económica exipcia. Antes de 1952 baseábase na transformación de produtos agrícolas (téxtil e alimentaria), pero desde ese momento formáronse máis dun milleiro de empresas de diverso tipo, e nacionalizáronse o 90% das empresas privadas. Non obstante , con posterioridade, a política económica exipcia cambiou gradualmente. En 1974, ano en que se accedeu aos investimentos estranxeiros, unha parte das industrias volveron a mans de particulares; aínda así, o sector público, formado por grandes empresas, obtivo no período 1983-1984 o 80% da produción industrial. A industria téxtil é moi importante, principalmente algodón e seda. Da industria alimentaria hai que destacar a de fariña, azucre, cervexa, carne, arroz elaborado, aceites e manteiga. Tamén é importante a industria do tabaco, baseada na materia prima importada. En canto ao sector petrolequímico, ten unha serie de refinerías importantes que poden refinar case a metade da produción. A metalurxia de base obtén, ademais de produtos siderúrxicos, aluminio e carbón, e a de transformación, ademais da montaxe de motores, constrúe barcos e receptores de radio e televisión. Desenvolvéronse industrias químicas (ácido sulfúrico, sosa cáustica, adobes nitroxenados e fosfatados, alcohol etílico, pneumáticos, cemento, papel e artes gráficas). Os principais recursos minerais son os xacementos petrolíferos (no golfo de Suez e no Sinaí), de gas natural, fosfatos, manganeso, sal, ferro e amianto.
Comercio exterior
O comercio exterior ten un claro signo deficitario. O valor das importacións en 2000 foi de 17.000 millóns $ USA; as principais partidas de importación foron a maquinaria e os equipamentos de transporte (23%), os alimentos (19%) e os produtos químicos (11%). Os principais provedores son EE UU (13%), Alemaña (8,6%), Italia (7%), Francia (6,1%) e Xapón (3,4%). En canto ás exportacións, o seu valor no mesmo ano foi de 7.000 millóns $ USA, principalmente de petróleo e derivados (45%), e tecidos (15%). Os clientes máis importantes foron os EE UU (11,4%), Italia (11,2%), Alemaña (6,8%), os Países Baixos (6,7%), Francia (3,8%), Xapón (2,3%) e o Reino Unido (2,3%).
Transportes e comunicacións
A rede ferroviaria e a de estradas compiten coas vías navegables internas. En 1996 contaba con 64.000 km de estradas, 49.984 km asfaltados, e 8.600 km de vías férreas. As vías navegables internas sumaban, en 1996, 3.500 km, constituídas principalmente polo río Nilo, moi empregado ao S do Cairo pero con pouca auga no delta. Os principais aeroportos son os do Cairo, Alexandría e Luxor. En canto aos portos, destacan o de Alexandría, o máis importante, e Suez. O canal de Suez é unha vía importante e a economía exipcia experimentou un forte pulo en 1975 coa súa reapertura, despois de oito anos de estancamento pola Guerra dos Seis Días con Israel. O levantamento en 1979 da prohibición que pesaba sobre os barcos e as mercadorías de Israel completou a normalización. Xa en 1976 comezou unha ampliación para facelo accesible a grandes barcos, que se completou en 1981 coa segunda ampliación, que permitiu o paso a grandes petroleiros. O transporte interior de petróleo faise por un oleoduto paralelo ao canal e por outro que sae tamén de Suez e chega ata O Cairo e Alexandría.
Xeografía humana
Demografía
A poboación foi en aumento grazas ao incremento da taxa de natalidade (27,5‰ [1998]) e á diminución da mortalidade nos últimos anos (6,5‰ [1998]), feito que representou un crecemento do 2,1% anual no período 1994-1999. Polo que respecta á estrutura por idades, Exipto é un país novo, pois o 34,4% da poboación ten menos de 15 anos, mentres que os maiores de 60 anos só son o 3,8%.
Poboamento
A poboación exipcia é predominantemente rural (a porcentaxe de poboación urbana é do 45,2% [2000]), cunha densidade media de 65,16 h/km2. O 90% da poboación vive no val do Nilo, que constitúe menos do 4% da superficie total do país. As principais cidades, que se concentran no delta do Nilo, son a capital, O Cairo (6.800.992 h [1996]), Alexandría (3.339.076 h [1996]), Al Gīza (2.221.817 h [1996]) e Port Said (472.335 [1996]).
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A maioría dos habitantes de Exipto, o 90%, son descendentes da poboación autóctona (exipcios). A lingua oficial é o árabe. A variedade do Cairo, un árabe máis urbano, converteuse na variedade de prestixio; a variedade de Alexandría é similar, pero máis influenciada por trazos norteafricanos. Ademais, existen outras variedades que se poden agrupar en dous grandes grupos: as variedades do delta do Nilo e as do Alto Exipto. Tamén se fala unha lingua bérber en Siwa e linguas nubias no Alto Exipto. A relixión oficial é o Islam e practícao o 94% da poboación, mentres que o 5,9% é cristián. O país ten unha pequena comunidade xudía. A educación é gratuíta e obrigatoria para nenos entre 6 e 14 anos. Entre 1997-1998 máis de 7,5 millóns de alumnos asistían a 18.522 escolas primarias, 6 millóns a escolas secundarias e as escolas de formación profesional contaban con 1,5 millóns de alumnos. A principal universidade é a de Al-Azhar, no Cairo.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1997 situaba a Exipto entre os países cun desenvolvemento humano baixo (ocupa o 105º posto cun índice do 0,635). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 66,9 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 54,6% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 76%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 3.420 $ USA.
Goberno e política
Despois de séculos de dominación estranxeira, culminada coa creación do protectorado británico en 1914, Exipto converteuse nunha monarquía formalmente independente o 18 de febreiro de 1922. En 1953 proclamouse a república. Pola Constitución de 11 de setembro de 1971, reformada en 1980, definiuse como unha república árabe cun sistema democrático socialista. O poder executivo reside no presidente que, elixido pola Majlis al-Sha’ab (Asemblea Popular) para un período de seis anos e confirmado por referendo popular, ocupa tamén a xefatura do Estado e o cargo de comandante supremo das Forzas Armadas. Designa o vicepresidente e os demais membros do consello de ministros. Hosni Mubarak é o presidente dende outubro de 1981. O poder lexislativo pertence á Majlis al-Sha’ab, parlamento unicameral, formado por 454 membros, dos que 444 son elixidos por sufraxio universal cada cinco anos; o presidente da república designa directamente outros dez membros. En 1980 instituíuse o Majlis al-Shura (Consello Consultivo), formado por 210 membros, que ofrece consello e propón novas leis á Majlis al-Sha’ab. O sistema xudicial combina principios do dereito británico (common law) co código napoleónico e a lei coránica. O poder xudicial consta de catro niveis: o Tribunal Supremo Constitucional, o Tribunal de Suspensión, os sete tribunais de apelacións e os tribunais sumarios dos distritos. A pena de morte permanece en vigor e acepta con reservas a xurisdición do Tribunal Penal Internacional. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional; Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Racial; Convención contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Protocolo de Roma para a creación do Tribunal Penal Internacional; Carta Africana de Dereitos Humanos e dos Pobos (1981) e a Carta Africana sobre os Dereitos e Benestar do Neno (1990). Malia que formalmente o sistema político é multipartidista, está monopolizado polo Hizb al Dimuqratiyah al Wataniyah (HDW, Partido Nacional Democrático), fundado en 1978 por Anwar al-Sadat, a partir da Unión Socialista Árabe, o partido único creado en 1954 por Nasser. Existen ademais outras forzas políticas como Hizb al-Wafd-al-Jadid (HJW, Novo Partido Wafd), que derivou do movemento Wafd (1919), de ideoloxía liberal e liderado por Faud Serageddim; Hizb al Tajamaa al Wataniyah al Tagadamm al Wahdwa (HTWTW, Partido Unión Nacional Progresista), de esquerda; Dja’ al-din Dawud (ADP, Partido Nasserista), de extrema esquerda; e o centrista Hizb al-Ahrar (AHRAR, Partido Liberal). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: ONU, OUA, Banco Europeo da Reconstrución e Desenvolvemento (BERD), Organización da Conferencia Islámica (OCI) e Liga Árabe.
Historia
As orixes do poboamento en Exipto
Os diversos restos de industrias líticas identificadas amosan un poboamento continuado dende o 25000 a C, formado por grupos nómades que completaron a súa economía cazadora-recolectora coa pesca no Nilo. O paulatino proceso de desertización que afectou ao N de África dende o VII milenio a C provocou unha concentración da poboación ao redor do río Nilo, co conseguinte desenvolvemento de culturas con claras vinculacións económicas coas últimas etapas do Paleolítico.
O Período Predinástico (5500 a C-3150 a C)
Esta etapa caracterizouse pola aparición dos primeiros poboados neolíticos, nos que se localizaron restos de gando bovino domesticado, xunto con ovellas, cabras e porcos. Introduciuse o emprego do arado, que permitiu a mellora nas colleitas de trigo e orxo. O Predinástico dividiuse en Predinástico Primitivo (5500 a C-4000 a C) ou Badariense, caracterizado pola neolitización no val do Nilo; o Predinástico Antigo ou Naqāda I; o Predinástico Medio ou Naqāda II; e o Predinástico Recente ou Naqāda III. A finais do Predinástico Recente documentouse a existencia de dous reinos: o do Baixo Exipto, que se estendía polo delta do Nilo e tiña como principais cidades Buto e Sais, baixo a protección da deusa-serpe Edjo, en que os seus monarcas empregaban a coroa vermella; e o do Alto Exipto, que comprendía dende a actual cidade do Cairo ata a primeira catarata do Nilo, en que destacaban as cidades de Hierakónpolis e Nekhen; tiña por patroa a deusa-voitre Nekhebet e os seus soberanos ostentaban a coroa branca. Ambos os dous reinos dividíanse en provincias e conservaron esta organización administrativa ao longo da historia faraónica.
Época Arcaica ou Período Dinástico Temperán (3100 a C-2686 a C)
A dinastía I (3100 a C-2890 a C) iniciouse coa unificación dos reinos do Alto e Baixo Exipto, xunto cos títulos e as coroas, baixo un soberano semimítico orixinario do Alto Exipto chamado Menes e identificado, segundo algúns autores, con Narmer. Outros soberanos desta dinastía foron Aha, Djer e Den. Durante a dinastía II (2890 a C-2866 a C), no goberno do Faraón Peribsen, produciuse unha revolta relixiosa e o país dividiuse. Esta época caracterizouse pola súa prosperidade, favorecida polas expedicións comerciais polo Mar Vermello e as minas de cobre e turquesas do Sinaí.
O Imperio Antigo (2686? a C-2181 a C)
Constituíu un período de formación en que apareceu a escritura, desenvolveuse a relixión e establecéronse as estruturas administrativas. Estendeuse entre as dinastías III-VI. Nesta etapa, os soberanos enterráronse na necrópole de Memfis. Na dinastía III (2686? a C-2613 a C), baixo o Faraón Djoser I, estableceuse o culto ao deus Ra e definiuse a pirámide como tipoloxía construtiva para as tumbas rexias. Na dinastía IV (2613? a C-2498 a C), erguéronse as grandes pirámides de Kheops, Kefren e Micerinos. A dinastía V (2494? a C-2345 a C) marcou o comezo dunha crise económica, social e relixiosa en que se abandonou o culto solar. O incremento do poder dos nomarcas (gobernadores provinciais) durante a dinastía VI (2345? a C-2181 a C), que se converteu nun cargo hereditario, limitou o poder do faraón, que tivo que establecer alianzas coas familias da aristocracia para afirmar o seu poder. Durante o goberno de Pepi II, o poder pasou ás mans do visir, elixido entre as familias aristocráticas do Alto Exipto.
O Primeiro Período Intermedio (2181 a C-2040 a C)
Limitado entre as dinastías VII a X e parte da XI, caracterizouse pola degradación da institución real e a fragmentación e feudalización do territorio en pequenas unidades sometidas ao poder dos nomarcas. Os enfrontamentos estendéronse durante as dinastías VII (2181 a C-2173 a C) e VIII (2173 a C-2160 a C). A inestabilidade permitiu que os gobernadores Khety I, do nomós do Alto Exipto, e Mentuhotep I, do nomós de Tebas, se proclamasen faraóns e cada un fundase unha dinastía. Os enfrontamentos entre as dinastías heracleopolitanas IX (2160 a C-2130 a C) e X (2130 a C-2040 a C), fronte á XI tebana (2133-1991 a C), prolongáronse ata que Mentuhotep II de Tebas derrotou a Merikare en Heracleópolis, despois dunha longa guerra (2047 a C-2040 a C) e conseguiu a reunificación de Exipto.
O Imperio Medio (2040 a C-1786 a C)
Comprendeu parte das dinastías XI e XII e iniciouse despois dunha nova reunificación territorial ao redor do Faraón Mentuhotep II, que emprendeu campañas de expansión cara a Nubia. Os seus sucesores estenderon tamén a súa influencia sobre Palestina, reorganizaron a administración e melloraron a situación da economía apoiada pola reapertura das rutas comerciais co Ponto e co Mar Exeo. A capital estableceuse en Ity-taui, no centro do país. Despois de destronar a Mentuhotep IV, da dinastía XI, o seu visir Ammenemes I iniciou a dinastía XII e asociou o trono ao seu primoxénito, Sesostris I, polo que instituíu de xeito sistemático a práctica da correxencia. Entre os seus sucesores destacou Sesostris III, que reforzou o papel da administración central e formou unha burocracia eficaz; ao mesmo tempo, desenvolveu unha intensa actividade política sobre Nubia.
O Segundo Período Intermedio (1786 a C-1567 a C)
Estendeuse entre as dinastías XIII e XVII. Durante a dinastía XIII (1786 a C-1633 a C), iniciouse un proceso de fragmentación territorial e unha perda de autoridade do faraón na rexión do delta do Nilo, xunto co traslado da capital a Tebas, que favoreceu o descontrol nas fortificacións na fronteira oriental. Esta situación permitiu a chegada paulatina de poboacións nómades de orixe asiática, os hicsos, ao mesmo tempo que a rexión do S, na fronteira con Nubia, funcionaba con certa independencia. Os hicsos establecéronse no delta do Nilo, e mediante o emprego do cabalo e do carro de guerra, conquistaron Avaris (1720 a C) e Memfis (1674 a C). Deste xeito, o país quedou dividido en dous reinos independentes e os hicsos fundaron as súas propias dinastías, a XV (1674 a C-1567 a C) e a XVI (1684 a C-1567 a C), con capital en Avaris. Os faraóns hicsos da dinastía XV enfrontáronse cos soberanos tebanos da dinastía XVII (1650 a C-1567 a C), Seqenenre Tao II e Kamose, quen emprendeu unha guerra de liberación nacional e conquistou o Exipto Medio. Trala vitoria do Faraón Amosis, sobre o soberano hicso Apopis III, da dinastía XVI, comezou o Imperio Novo (1567 a C-1080 a C).
O Imperio Novo (1567 a C-1080 a C)
Comprendeu as dinastías XVIII, XIX e XX. Neste período, Tebas conservou a condición de capital de Exipto, mentres que se estenderon as fronteiras ata incluír Siria e Palestina e polo S chegaron á cuarta catarata do Nilo. Na dinastía XVIII (1567 a C-1320 a C), Amosis, logo de expulsar os hicsos, emprendeu unha política expansionista sobre Fenicia e Nubia. Os seus sucesores, Tuthmosis I e Tuthmosis III, ampliaron as fronteiras ata o Éufrates e someteron a rexión de Siria-Palestina, ao mesmo tempo que emprenderon unha política de alianzas matrimoniais cos seus principais inimigos, destinada a conservar as conquistas. Durante estes reinados, os sacerdotes de Ammón incrementaron o seu poder e influencia ata que, durante o goberno de Akhenaton (Amenofis IV), se produciu unha breve revolución relixiosa e ideolóxica dirixida polo faraón contra o poder dos sacerdotes, que marcou o comezo dunha nova etapa de declive. Durante as dinastías XIX (1305 a C-1200 a C) e XX (1200 a C-1085 a C), produciuse un retroceso na política exterior fronte aos hititas, mentres os sacerdotes de Ammón se convertían nun poder paralelo ao Estado. Durante o prolongado goberno do Faraón Ramsés II freouse a decadencia, acadouse a paz cos hititas (1269 a C) e enfrontouse cos pobos do mar. Trala morte de Ramsés II, o país caeu de novo nun período de decadencia e sufriu os ataques dos pobos do mar, mentres no interior se sucedían as desordes. A dinastía XX supuxo unha nova recuperación do poder real fronte á nobreza e á unificación do territorio. O goberno de Ramsés III, que marcou a decadencia definitiva do Imperio Novo malia a vitoria fronte aos pobos do mar, introduciu reformas administrativas e militares. Ao mesmo tempo, as riquezas do clero de Ammón, que se incrementaran dende o reinado de Akhenaton, permitiulles dominar os sucesivos gobernos dos faraóns denominados ramésidas (1158 a C-1075 a C).
O Terceiro Período Intermedio (1085 a C-656 a C)
Comprendeu a dinastía XXI á XXV e caracterizouse por unha nova fragmentación territorial ante a debilidade dos faraóns, que perderon os territorios asiáticos fronte a diversos pobos semitas. Á morte de Ramsés XI, o reino dividiuse en dúas áreas: o S, sometido ao gran sacerdote Herihor, e o N, baixo o poder do antigo visir do Baixo Exipto, Smendes, que fundou en Tanis a dinastía XXI (1085 a C-945 a C). Os sacerdotes de Tebas recoñeceron nominalmente os faraóns de Tanis pero mantiveron a súa autonomía política. Neste período predominaron os soberanos de dinastías estranxeiras, como as dinastías XXII e XXIII, libias, e a dinastía XXV, de orixe cuxita, mentres que as dinastías XXI e XXIV tiñan carácter autóctono. Fronte ao baleiro de autoridade, a poboación de orixe libia fíxose co poder, dirixida por Šešong I e estableceu a dinastía XXII (945 a C-730 a C), con sede en Bubastis, na rexión do delta. Malia que conseguiron certa unificación territorial e emprenderon campañas contra Palestina, cara ao 817 a C produciuse a secesión de Padibastet I, que iniciou a dinastía XXIII, con sede en Tanis. As rivalidades entre ambas as dúas dinastías foron constantes e a fragmentación do poder no delta incrementouse novamente cando os gobernantes de Heracleópolis, Hermópolis e Sais tentaron facerse tamén co poder. Mentres, en Nubia desenvolveuse un reino indíxena, con capital en Napata, que se estendeu cara ao N fronte á debilidade das dinastías XXII e XXIII, que desapareceron sometidas por Py ou Piankhy, soberano de Kuš, no 730 a C. Satisfeito polos tributos e o recoñecemento da súa autoridade, Py retirouse e permitiulle a Tefnakht, da dinastía XXIV, impoñer a súa autoridade no delta do Nilo. Os cuxitas, liderados por Šabako, someteron de novo Exipto, e estableceron a dinastía XXV (716 a C-656 a C), durante a que se enfrontaron cos monarcas asirios no delta do Nilo ata que na época de Taharka ocuparon Memfis (671 a C), e baixo o seu sucesor, Tanutanum, Asurbanipal saqueou Tebas. Non obstante , a dominación asiria foi breve e, trala súa expulsión por Psammético I, comezou a dinastía XXVI (664 a C-525 a C), con sede en Sais. Psammético I aproveitou a debilidade dos asirios para conquistar Siria e Palestina e estableceu relacións cos gregos. Sucedeuno o seu fillo Nekao II, que consolidou os seus territorios trala vitoria en Megiddo, pero foi derrotado polo babilonio Nabucodonosor en Karkemis. O incremento da presenza dos gregos e a súa preponderancia no exército e no comercio orixinou tensións coa poboación autóctona. No reinado do seu sucesor Apries, a presenza de estranxeiros incrementouse e constituíuse a colonia xudía de Elefantina, mentres continuaban os ataques dos babilonios. Trala morte do Faraón Amasis, o seu sucesor Psammético III foi derrotado polos persas en Pelusium.
O Baixo Imperio (525 a C-332 a C)
Prolongouse entre as dinastías XXVII e XXXI e marcou o final do Exipto faraónico. Trala conquista de Exipto polos persas comezou a dinastía XXVII (525 a C-404 a C), que se caracterizou pola realización de importantes obras públicas, polo desenvolvemento económico e polas sublevacións de carácter nacionalista. Trala morte do persa Artaxerxes I, o falecemento do seu fillo Xerxes II e do seu sucesor Darío II de Persia, os exipcios aproveitaron para sublevarse de novo, e o príncipe exipcio Amirteo constituíu a dinastía XXVIII (404 a C-399 a C), que desapareceu con el. As dinastías XXIX (399 a C-380 a C) e XXX (380 a C-343 a C) adoptaron unha política antipersa e filogrega, sen embargo, malia a resistencia de Nectanebo I, o último faraón, Nectanebo II tivo que cederlle o delta do Nilo ao persa Artaxerxes III. A segunda dominación persa estendeuse durante a dinastía XXXI (343 a C-332 a C) e rematou trala vitoria de Alexandre o Grande sobre Darío III en Isos (333 a C).
O Exipto ptolemaico
Despois de derrotar a Darío III, Alexandre o Grande proclamouse rei de Exipto e fundou unha nova capital en Alexandría (332 a C). Trala súa morte, producíronse enfrontamentos entre os seus xenerais para repartir o Imperio Macedonio. Ptolomeo I conseguiu o Reino de Exipto (323 a C), onde fundou a dinastía dos Ptolomeos. Durante o s III a C, o reino gozou dunha notable prosperidade económica acompañada de importantes labores de reorganización lexislativa. Nesta dinastía conserváronse os costumes faraónicos (divindade do monarca, endogamia entre a familia real, correxencia de pai e fillo, centralización do Estado, uso da lingua exipcia e modelos construtivos exipcios), pero impuxéronse elementos da cultura grega. Dende o goberno de Ptolomeo IV (221 a C-204 a C) comezou unha crise que reflectía os desequilibrios internos do país, cunha administración dirixida polos gregos; mentres, o campesiñado, sometido ao dirixismo estatal, tiña que satisfacer uns altísimos impostos para soster enormes gastos suntuarios e militares. A crise prolongouse durante os ss II e I a C e, mentres o Estado se disgregaba, sucedéronse rebelións indíxenas e intrigas polo poder entre os membros da dinastía. Os derradeiros monarcas desta dinastía foron Ptolomeo XIV e a súa irmá Cleopatra VII, que estableceron relacións políticas con Roma a través de Xulio César. Tralo seu asasinato (44 a C), a raíña buscou unha alianza con Marco Antonio. Trala derrota das naves exipcias fronte aos romanos en Accium (31 a C), Exipto converteuse nunha provincia do Imperio Romano.
O Exipto romano e bizantino
Incorporado ao Imperio Romano por Octavio Augusto, conservou a estrutura administrativa anterior. Os romanos emprenderon a reconstrución da rede de canles e camiños, restableceron o comercio co Mar Vermello e con Nubia, e transformaron o país no seu principal abastecedor de trigo. Os enfrontamentos entre a poboación de orixe grega e os xudeus desencadearon as revoltas xudías do 66 e de novo no 117, trala que foron masacrados. Fronte á elevada fiscalidade, os campesiños continuaron retirándose ás rexións desérticas, nas que formaban bandas rebeldes. No 70 fundouse a Igrexa Cristiá de Exipto, que se difundiu especialmente a partir do s III. Trala división do Imperio Romano, Exipto integrouse no Imperio de Oriente e, como reacción contra a civilización bizantina, desenvolveuse a literatura e a arte copta. Dende o s IV, Exipto converteuse no berce do monaquismo cristián, e establecéronse importantes mosteiros na rexión de Tebas, no Mar Vermello e na rexión de Wādi al-Natrūn, no delta. A poboación indíxena, que se opuña ao dominio imposto dende Bizancio, aceptou e apoiou as teorías monofisitas defendidas polo patriarca de Alexandría Dióscoro (444-454), e rexeitadas por heréticas dende o Concilio de Calcedonia (451) polos bizantinos. Trala destitución polo concilio de Dióscoro produciuse un cisma do que xurdiu a Igrexa Exipcia ou Copta. Os soberanos bizantinos tentaron aplicar as disposicións do Concilio de Calcedonia e iniciaron unha serie de persecucións dos monofisitas. Durante o goberno de Xustiniano, elixiron os oficiais da administración entre a poboación exipcia seguindo unha política de achegamento. Trala súa morte produciuse un endurecemento da administración, que derivou nunha atmosfera antibizantina e orixinou unha revolta na rexión do delta do Nilo (581). A rebelión non foi totalmente sufocada ata o 610, pero o malestar entre coptos e gobernadores bizantinos persistiu. Os sasánidas, que apoiaron as reivindicacións dos coptos, ocuparon Alexandría ao redor do 618, e estendéronse polo territorio exipcio entre o 619 e o 629. Malia que o emperador bizantino Heraclio recuperou Exipto (629), os seus editos sobre o monofisismo intensificaron o resentimento da poboación copta contra os bizantinos, e continuaron os enfrontamentos entre as diferentes sectas cristiás, feito que facilitou a conquista árabe.
A ocupación musulmana
A poboación copta apoiou os musulmáns na conquista de Exipto, pois esperaban deles un trato mellor do que recibían dos bizantinos. No 641 ‘Amr ibn al-’Ā ṣ emprendeu a conquista de Exipto e incorporouno ao imperio islámico. Ocupou Alexandría (642) despois dun acordo co Patriarca Ciro e fundou a fortaleza de Al-Fus ṭ ā ṭ . Os musulmáns, que mantiveron as institucións administrativas bizantinas rexidas por funcionarios coptos, outorgáronlle á poboación a liberdade de culto. Paulatinamente, o árabe impúxose como lingua oficial (705) e a comezos do s IX a maior parte da poboación xa se convertera ao Islam. O territorio centralizouse e reducíronse a dúas as divisións administrativas, o Alto e o Baixo Exipto, sometidos ao mando dun gobernador e divididos en distritos dirixidos por un prefecto que se ocupaba das finanzas e da policía. Durante as dinastías omeia (660-750) e abbásida (750-860), o país formou parte do Islam. No 872, o gobernador A ḥ mad ibn Ṭ ūlūn liberouse da dominación abbásida e comezou o período tulúnida (868-905). Trala derrota dos tulúnidas no 905, a dinastía abbásida someteu o territorio ao seu dominio, e enfrontouse coa primeira ofensiva contra Exipto (912) da dinastía xiíta norteafricana dos fatimitas. O gobernador abbásida Mu ḥ ammad acadou a independecia de Bagdag (935) e fundou a dinastía dos ikhxiditas (935-969). No 969, al- Ǧ awhar, xeneral do califa fatimita al-Mu’izz, culminou a conquista de Exipto coa toma de Al-Fus ṭ ā ṭ , que inaugurou o período fatimita (969-1171). No 973 al-Mu’izz trasladou a capital do imperio fatimita á nova al-Qāhira al-Mu’izziyya (‘cidade vitoriosa de al-Mu’izz’, O Cairo). O Cairo converteuse no centro cultural máis importante do Islam. Baixo o goberno dos califas fatimitas proclamouse a unidade nacional e produciuse un achegamento aos coptos, que desempeñaron postos relevantes na administración como conselleiros e visires. O Imperio Fatimita disgregouse e, trala independencia do Magreb (1045) e Siria (1075), os cruzados atacaron Palestina e conquistaron Xerusalén (1099). O turco Salāh al-Dīn ibn Ayyūb (Saladino), enviado por Nūr al-Dīn a Exipto para contrarrestar as intervencións dos cruzados, fíxose nomear visir do último califa fatimita al-’Ādid (1169) e, trala súa morte no 1171, proclamouse sultán e restaurou o sunnismo como relixión oficial en Exipto. Recoñecido polo califa Nūr al-Dīn, trala morte (1174) de Salāh al-Dīn ibn Ayyūb, instituíu a dinastía aiúbida e anexionou Mesopotamia, Siria e Palestina (1187). A dinastía aiúbida, enfrontada continuamente cos cruzados e cos seus veciños, nutriu o seu exército cun gran continxente de escravos, os mamelucos, que orixinaron a partir do 1250 unha serie de dinastías mamelucas que ostentaron o poder ata que o sultán turco Selim I entrou no Cairo e se proclamou califa no 1517. O goberno dos califas turcos marcou a decadencia comercial de Exipto como consecuencia da apertura dunha nova ruta cara a Oriente. Os turcos confiáronlle o goberno de Exipto a un paxá que paulatinamante gañou independencia, mentres os mamelucos se convertían nun grupo de presión. Durante o s XVIII espertou o interese de Europa por Exipto dentro das estratexias comerciais, e Rusia instigou a revolta de ‘Alī Bey, que acadou a independencia entre 1757 e 1773. O primeiro contacto da poboación exipcia coa civilización occidental produciuse na campaña de Bonaparte (1798-1801), que supuxo a derrota inicial dos mamelucos. Non obstante , a vitoria da armada de Nelson fronte á francesa, e a contraofensiva dos exipcios apoiada polos británicos, obrigaron a Napoleón a retirar o seu exército.
A formación do estado moderno exipcio
Turquía obtivo a restitución de Exipto polo Tratado de Amiens (1802), pero perdeu a soberanía sobre este territorio fronte a Mu ḥ ammad ‘Alī (1805), o xefe militar albanés que enviaran dende Constantinopla. Despois de eliminar os mamelucos, fíxose co poder, estableceu un réxime centralizado e reorganizou o exército. Ademais, creou o monopolio estatal sobre o comercio exterior do azucre e do algodón. Despois dos éxitos militares na campaña de Arabia (1811-1818) e nas conquistas de Sudán (1820) e Siria (1832), conseguiu a autonomía fronte ao sultán e obtivo o título de paxá hereditario. Os descendentes de Mu ḥ ammad ‘Alī aceptaron a influencia comercial dos europeos que controlaron economicamente o país: mentres os británicos se ocupaban do trazado do ferrocarril, os franceses emprenderon a construción e posterior explotación do canal de Suez (1860-1870). Deste xeito, os intereses económico-estratéxicos e as importantes débedas contraídas polos monarcas exipcios provocaron a intervención dos seus acredores francobritánicos (1876-1882), que impuxeron a creación dunha Caixa de Débeda Pública, dirixida por tres ministros, un francés, outro británico e un terceiro exipcio, que pasaron a administrar o país. O intervencionismo estranxeiro ocasionou un forte descontento entre a poboación e xurdiron os primeiros brotes nacionalistas, incitados por Ǧ amāl al-Dīn al-Afgānī e polo reitor de Al-Azhar, Mu ḥ ammad ‘Abdūh, que propugnaban a unificación dos pobos islámicos fronte á dominación estranxeira. As protestas e desordes desencadearon a revolta militar nacionalista de Arabī Paxá (1881), que forzou a expulsión dos ministros estranxeiros e a formación dun gabinete nacionalista. A matanza de cristiáns en Alexandría (1882) serviu de escusa para a intervención armada anglofrancesa, que ocupou militarmente o país. A conquista de Sudán, dirixida polo xeneral británico Kitchener (1898), permitiu a creación dun condominio angloexipcio sobre os novos territorios, mentres os franceses perdían a súa influencia na rexión, especialmente a partir do incidente de Fashoda. Mentres, incrementáronse as reaccións nacionalistas dos exipcios fronte aos británicos e desenvolvéronse incipientes movementos independentistas. Durante a Primeira Guerra Mundial, despois de que os sultáns otomanos lle declarasen a guerra ao Reino Unido, os británicos convertérono oficialmente nun protectorado (1914). No conflito, os militares exipcios loitaron contra os turcos na campaña do deserto e, trala guerra, os movementos nacionalistas exipcios buscaron a independencia apoiándose nos Catorce Puntos do presidente Wilson. Malia os esforzos da delegación para a conferencia da paz encabezada polo avogado Zaġlul Paxá, a independencia foilles repetidamente negada. Despois dunha folga xeral que paralizou Exipto, o mariscal Allenby (1922) outorgoulles a independencia, aínda que o Reino Unido conservou a soberanía sobre Sudán.
A independencia tutelada
O kedive, proclamado rei como Fu’ad I, instaurou unha monarquía parlamentaria (1922), redactouse unha Constitución (1923) e convocáronse eleccións xerais (1924) que lle deron a vitiria ao Partido Nacionalista Wafd (PNW). Os enfrontamentos entre o monarca e o PNW, xunto coas desordes antibritánicas definiron o goberno. En 1936, Fu’ad I asinou o tratado angloexipcio polo que os británicos se comprometeron a abandonar o país, aínda que se reservaron o control do canal. O Rei Fārūq (1936-1952) mantivo o equilibrio entre as intervencións do embaixador británico e o PNW, liderado por M. al-Nahhas. Fronte ao expansionismo italiano, o monarca exipcio asinou un novo acordo co Reino Unido (1936) e foi admitido na Sociedade de Nacións (1937). Durante a Segunda Guerra Mundial converteuse na principal base dos aliados no S do Mediterráneo, malia as afinidades do monarca coas potencias do Eixe. Os ingleses impuxeron como primeiro ministro a M. al-Nahhas (1942). A oposición fronte aos ingleses incrementouse e producíronse os primeiros actos terroristas dos Irmáns Musulmáns (1943). Malia apoiar os aliados, agardou ata febreiro de 1945 para declararlles a guerra a Alemaña e Xapón. Membro da ONU dende 1946, presentou un recurso para demandar a retirada definitiva dos británicos ata Sudán (1947). Trala creación do Estado de Israel, participou xunto con outros estados árabes nunha guerra contra o novo Estado (1948-1949). A vitoria dos xudeus provocou manifestacións contra a corrupción na administración e o desprestixio da monarquía exipcia, mentres no exército se constituíu un grupo nacionalista denominado Oficiais Libres, liderado polo xeneral Mu ḥ ammad Na ǧ īb e o coronel Ǧ amāl ‘Abd al-Nāsir (Nasser). O Parlamento aboliu o tratado angloexipcio de 1936 o 8 de outubro do 1951.
O establecemento da república e o goberno de Nasser
A xunta militar forzou a abdicación do rei en favor do seu fillo (23.7.1952) e estableceu un consello de rexencia, presidido polo xeneral Mu ḥ ammad Na ǧ īb, que prohibiu os partidos políticos e promulgou unha nova Constitución en febreiro de 1953. Despois de abolir a monarquía, proclamouse a república o 18 de xullo de 1953. Posteriormente, asinaron un acordo angloexipcio referente á evacuación do canal de Suez (1954). O consello da revolución eliminou a M. Na ǧ īb (1954), acusado de ditador, e colocou no poder o coronel Ǧ amāl ‘Abd al-Nāsir (Nasser). O novo réxime proclamou a defensa dos principios nacionalistas e socialistas, ao tempo que emprendeu unha reforma agraria que pretendía limitar o poder dos grandes latifundistas. Despois da súa participación na Conferencia de Bandung (1955), Nasser presentou unha nova Constitución (1956), aprobada nun plebiscito popular, ao tempo que impulsou a reforma agraria e emprendeu a construción da presa de ‘Aswān, coa axuda dos soviéticos. A política de nacionalización de Nasser afectou á compañía do canal de Suez, co que prexudicaba os intereses de Francia e do Reino Unido, ao tempo que pechaba o paso do comercio israelí polo Mar Vermello. A resposta destas potencias supuxo a invasión do canal e da península do Sinaí polos israelís, malia que tiveron que retirarse fronte ás presións de EE UU e da URSS. En 1958, Exipto fusionouse con Siria e formaron a República Árabe Unida (RAU), baixo a presidencia de Nasser e cun gabinete formado por sete sirios e catorce exipcios. A RAU adquiriu relevancia no plano internacional como abandeirada do panarabismo e, malia a escisión de Siria despois dun golpe de estado (1961), un continxente de 30.000 exipcios combateron no Iemen a favor da república tralo golpe de estado do coronel Sallal (1962). Malia o triunfo, esta intervención ocasionou unha profunda crise na economía exipcia. En 1964, Nasser promulgou unha nova Constitución, impulsou as reformas socioeconómicas e nacionalizou o 90% das empresas privadas; ademais, constituíuse o partido único, a Unión Socialista Árabe (USA). Trala súa reelección (1965), a súa política orientouse cara a un enfrontamento con Israel, que tralo bloqueo do golfo de ‘Aqaba á navegación dos israelís, desembocou na Guerra dos Seis Días. O conflito concluíu o 11 de xuño coa derrota dos árabes (Exipto, Xordania, Líbano e Siria), e supuxo a ocupación do Sinaí, a franxa de Gaza, Cisxordania e os altos do Golán por Israel. Trala derrota, a situación económica de Exipto empeorou, malia o apoio da URSS.
Os gobernos de Anwar al-Sadat
A morte de Nasser en 1970 representou un forte golpe para o panarabismo, que perdeu o seu líder. Sucedeuno á fronte do goberno o vicepresidente Anwar al-Sadat (7.10.1970), co apoio do sector máis tradicional da USA. En 1971 promulgouse unha nova Constitución que buscaba a liberalización do mercado. O novo goberno emprendeu un conxunto de medidas aperturistas cara a Occidente, ao tempo que subscribiu un tratado de amizade coa URSS (1971). O 6 de outubro de 1973 o exército exipcio pasou á banda oriental do canal de Suez, ocupado polos israelís, ao mesmo tempo que Siria atacaba Golán, tamén ocupado (Guerra do Yom Kippūr). Malia que o Consello de Seguridade ordenou o cesamento das hostilidades o 23 de outubro, estas continuaron ata o 10 de novembro, cando comezaron as negociacións de paz. Trala guerra, al-Sadat apartouse da influencia soviética e buscou o apoio económico e militar dos EE UU. En 1976 asinou un tratado con Israel polo que recuperou as zonas petrolíferas do Sinaí e, coa mediación dos EE UU, Exipto e Israel firmaron os Acordos de Camp David (1978), restableceron as relacións diplomáticas e firmaron un tratado de paz (1979). Os acordos de Exipto con Israel propiciaron que os estados árabes máis radicais (Siria, Alxeria, Libia, Iemen do Sur) e a Organización para a Liberación de Palestina (OLP) adoptasen represalias económicas e políticas, entre as que se incluíu a expulsión de Exipto da Liga Árabe. O canal de Suez abriuse de novo en 1975. A economía experimentou unha certa mellora, pero, sen embargo, o incremento no custo da vida e a falta de expectativas en amplas capas sociais xeraron un forte descontento popular que desembocou en grandes manifestacións aproveitadas polos movementos islamistas. Os EE UU incrementaron a súa influencia en Exipto coa instalación de bases militares para compensar o crecente influxo da URSS en Oriente Medio. Anwar al-Sadat foi reelixido presidente con carácter vitalicio en 1980, pero tivo que enfrontarse coas manifestacións dos grupos de oposición, sobre todo disturbios relixiosos asociados aos fundamentalistas islámicos, e tamén dos nacionalistas árabes, dos filocomunistas e dos antisionistas. A súa resposta desencadeou a detención de políticos disidentes e a disolución de diversos partidos e asociacións relixiosas. En outubro de 1981, durante un desfile militar, Sadat foi asasinado por un grupo de militares fundamentalistas islámicos.
A política de Mu ḥ ammad Hosni Mubārak
A al-Sadat sucedeuno o vicepresidente M. Hosni Mubārak, confirmado no cargo mediante un referendo presidencial en outubro de 1981. Mubārak continuou a liña política de al-Sadat e ampliou as facilidades para as empresas estranxeiras. No interior, o estado de emerxencia, vixente desde o asasinato de al-Sadat, permitiulle limitar os dereitos civís, a liberdade de culto, de información e de prensa, xunto coas eleccións plurais. En abril de 1982 Exipto recuperou definitivamente o Sinaí e nas eleccións á Majlis al-Sha’ab de maio de 1984 gañou o Hizb al Dimuqratiyah al Wataniyah (HDW), de Mubārak. No exterior conseguiu o restablecemento das relacións con Xordania (1984). Entre 1980 e 1986 produciuse un incremento na participación de capital estranxeiro na economía do país, procedente maioritariamente dos EE UU e do FMI. O HDW acadou unha cómoda maioría nas lexislativas de abril de 1987 e Mubārak foi reelixido presidente en outubro. Os comicios estiveron marcados polas acusacións de fraude, as intimidacións e os arrestos de candidatos opositores, especialmente de fundamentalistas semiclandestinos Irmáns Musulmáns. En novembro de 1987 recuperou as súas relacións con Marrocos, Kuwait, Iraq, Emiratos Árabes Unidos, Iemen do Norte, Mauritania e Arabia Saudí, e foi readmitido na Liga Árabe. Exipto condenou a invasión de Kuwait polos iraquís (agosto de 1990) e enviou 35.000 soldados á Guerra do Golfo, xunto con Siria e Marrocos, que permitiron unha mellora nas súas relacións con Occidente e conseguiu que os EE UU condoaran a débeda militar exipcia. Os gobernos de M. Hosni Mubārak emprenderon un conxunto de reformas económicas para acadar a transición dende un modelo económico estatal e planificado a outro de libre mercado. Aconsellados polo FMI, adoptaron medidas dirixidas á redución do seu déficit fiscal, á privatización das empresas estatais e á eliminación dos controis na produción e no investimento. Ademais, para acomodar a súa economía aos requisitos esixidos, eliminou as axudas para alimentos e outros produtos esenciais, e limitou o programa de apoio aos necesitados. Estas medidas orixinaron un forte descontento social e alimentaron as queixas dos islamistas e de gran parte da poboación contra as reformas prooccidentais. Desde 1992, os movementos integristas dirixiron os seus ataques contra destacados membros do exército, da política e da Administración. En outubro de 1993 Mubārak volveu ser o único candidato á presidencia e resultou reelixido, mentres as tensións cos grupos islámicos se foron incrementando e as medidas de represión do goberno, que incluíron a prórroga do estado de emerxencia, non frearon os atentados. Nas eleccións lexislativas de novembro de 1995, o HDW acadou a maioría absoluta, mentres que os partidos da oposición, que xa practicaran o boicot en 1990, repetiron as denuncias de abusos. O ataque a un grupo de turistas por fundamentalistas islámicos en Luxor provocou máis de 70 mortos e orixinou unha crise no sector turístico. A comezos de 1998 as estimacións sobre o número de víctimas de atentados e asasinatos políticos situábanse ao redor de 1.250, mentres os presos políticos superaban os 10.000. Durante a década de 1990 Mubārak participou como mediador no proceso de negociación entre palestinos e israelís. A reelección de Mubārak en 1999 favoreceu a estabilización da economía exipcia trala aplicación das duras medidas apoiadas polo FMI. Nas eleccións de 2000, o HDW sufriu un retroceso nos seus resultados e por vez primeira non acadou a maioría absoluta: os independentes sumaron 216 escanos, dos que 17 pertencían aos Irmáns Musulmáns. O papel tradicional de Exipto como mediador entre Israel e Palestina manifestouse de novo tralo comezo dunha nova intifada en setembro de 2000, pero a vitoria de Ariel Šaron nas eleccións israelís de febreiro do 2001 incrementou a tensión na rexión. En 2001, a economía exipcia sufriu unha ralentización derivada dunha caída nos ingresos polo turismo e polo incremento da inflación. Dúas desvalorizacións da libra exipcia, en xaneiro e agosto do 2001, non produciron melloras.