experimental
(
-
adx
Relativo ou pertencente á experiencia ou aos experimentos.
-
adx
Que se fundamenta na experiencia ou nos experimentos.
Ex: Realizou un estudo experimental sobre a seguridade no traballo.
-
adx
Que serve de experimento.
Ex: Traballan nun plan experimental de loita contra os incendios.
-
arte experimental
[ARTE]
Arte vangardista e, en xeral, arte contemporánea que se basea na súa condición de busca de novos modos de expresión, sensacións e emocións.
-
música experimental
[MÚS]
Composición musical na que o autor aproveita os progresos físicos e tecnolóxicos para facer investigacións técnicas, sonoras, instrumentais, formais, etc, que se afastan total ou parcialmente da normativa convencional. Este tipo de música cultivouse especialmente no s XX.
-
teatro experimental
[ESPECT]
Corrente teatral anovadora e transformadora que se caracteriza pola procura de novos elementos de significación, polo desenvolvemento de novos procesos creativos e pola exploración de novos medios de expresión, comunicación e recepción. Durante o s XX sucedéronse os diversos movementos experimentais. Deste xeito, se a incorporación de técnicas orientais na formación do actor supuxo unha revolución en toda Europa, a incorporación de textos dramáticos europeos á escena oriental permitiu unha considerable ruptura cun teatro totalmente codificado e tradicional na súa dimensión estética. Así, os teatros experimentais sempre supuxeron unha proposta de ruptura coa tradición ou coas tendencias dominantes. A última gran proposta renovadora comezou a finais dos anos sesenta, vinculada a outros movementos musicais, políticos, literarios e artísticos. A renuncia ao vestiario, aos decorados e a outros elementos escenográficos, a escolla de textos provocadores ou difíciles, a exploración do formalismo e a procura dunha maior comunicación co público mediante novos espacios teatrais, converteron aqueles espectáculos nunha novidade que resultaba atractiva para o público da época, que comezou a utilizar o vocábulo experimental como sinónimo de novidoso, difícil e mesmo críptico. Desde finais dos anos sesenta, no teatro pódense documentar liñas creativas caracterizadas por unha investigación permanente respecto de novas formas de realización e de recepción teatral. Neste sentido destaca o traballo de directores tan significativos como, entre outros, Peter Brook, Jerzy Grotowski, Eugenio Barba, Peter Stein, Tadeusz Kantor, Robert Lepage, Richard Foreman, Robert Wilson, Heiner Müller, Ariane Mnouchkine, Giorgio Strehler, Luís de Tavira ou Patrice Chéreau.