experimento
(
Produción artificial e controlada dun fenómeno para levar a cabo a comprobación dunha hipótese. O concepto dun experimento inclúe o conxunto de operacións de tipos heurísticos encamiñadas a dar solidez á formulación dunha hipótese, baseada nunha serie de suposicións máis ou menos vagas. En xeral, a información que se obtén por medio da experimentación represéntase cuantitativamente e son os métodos estatísticos os que permiten determinar a relación existente entre as variables controladas. Os resultados dun experimento dependen do conxunto de condicións metodolóxicas que entraron en xogo. Un tipo de experimento que adquiriu unha entidade específica é o denominado experimentum crucis (experimento crucial): se dúas hipóteses contrarias entre elas, H1 e H2, son igualmente aceptables nun determinado estado de desenvolvemento dunha teoría científica, pero producen resultados incompatibles, R1 e R2 baixo certas condicións de comprobación C, un experimento crucial será aquel que permita decidir a favor dunha das dúas hipóteses contrarias.