fábula

fábula

(

  1. s f [LIT]

    Narración, en verso ou prosa, de feitos marabillosos que adoita encerrar unha ensinanza moral. Xeralmente interveñen animais e elementos inanimados que actúan como se fosen seres racionais. Os límites entre o apólogo e a fábula son imprecisos, pero normalmente nesta última o aspecto narrativo predomina sobre o moralizador. Está presente na tradición oral dos pobos e nas literaturas escritas máis antigas. As fábulas de Hesíodo e, sobre todo, de Esopo, difundíronse amplamente na Idade Media e entre os autores romanos destacou Fedro, seguidor de Esopo. Na Idade Media traducíronse e imitáronse moitas fábulas, e tamén se crearon outras novas como as do Arcipreste de Hita. No Renacemento continuou a súa difusión e escribiron novas fábulas, entre outros, Rabelais, Corrozet e Targa. No s XVII destacou a figura de La Fontaine e, no s XVIII, destacaron Iriarte, Roberti, Pignotti, Houdard de La Motte, Herder, Lessing, Gay e Gleim, e no s XIX, Samaniego, Ginguené, Henriot, Perego e Moore. No s XX empregaron os recursos formais da fábula Orwell e Franc Nohain.

  2. s f [ESPECT]

    Denominación que recibía, na antiga Roma, tanto o texto dunha obra como a propia obra dramática. A cada xénero dramático correspondíalle un tipo de fábula. Así, había a fabula praetexta, que se ocupaba de lendas sobre a fundación e a historia de Roma, a fabula palliata, que partía da comedia grega nova, a fabula togata, que recreaba a vida de Roma, e a fabula trabeata, que tiña como personaxes a cabaleiros.

  3. s f

    Historia falsa ou sen fundamento.