Fabulario Novo

Fabulario Novo
[LIT]

Poemario publicado na colección Benito Soto en 1952 da autoría de Manuel Cuña Novás, dividido en sete seccións e composto por trinta e seis composicións e dous textos en prosa. Obra precursora na poesía galega e representativa da Escola de Tebra, introduciu elementos surrealistas e a influencia do existencialismo é patente no seu pesimismo, na súa tinguidura filosófica e na loita interior do poeta que se manifesta desacougado e angustiado. Atópanse pegadas hilozoístas, imaxinistas e neotrobadorescas mesturadas coa inquietude do poeta que busca o sentido da súa existencia dende a soidade e o silencio na compaña do vagalume, do lagarto ou dos paxaros. Contén unha poesía moi traballada e de gran perfección expresiva, intencionalmente difícil, chea de simbolismos e imaxes que reiteran o carácter surrealista do conxunto. Predomina o verso libre e longo, o emprego do soneto e a influencia da tradición popular para reflectir a dor existencial contra a inxustiza social, nun berro inconformista que reclama o compromiso social. En conxunto, o autor consegue un ritmo poético pausado que reflicte a gravidade e solemnidade do tema exposto, e a desesperación ante a realidade e o desarraigamento existencial. En 1991 tivo unha segunda edición, na que se inclúen novas poesías.

Palabras veciñas

fabulador -ra | fabular | fabulario | Fabulario Novo | fabulista | fabuloso -sa | Fabyan, Robert