engrenaxe
(< engrenar)
-
s
f
[TECNOL]
Sistema de rodas dentadas que engrenan unhas con outras de xeito que o movemento dunha se transmite a outra. As engrenaxes permiten resolver o problema da transmisión de enerxía dun eixe a outro, ao tempo que manteñen unha relación definida entre as súas velocidades de rotación. Os corpos básicos sobre os que se tallan os dentes da engrenaxe son de revolución. As engrenaxes adoitan estar fabricadas con aceiro, nailon, baquelita ou fibras comprimidas. Para tallar os dentes empréganse fresadoras especiais que o fan automaticamente. Hai diversas clases de engrenaxes, como as engrenaxes cilíndricas de dentes rectos, que se empregan para transmitir un movemento entre dous eixes paralelos. Se os eixes se cortan, empréganse as engrenaxes cónicas de dentes rectos. Nos dous casos pódense utilizar os dentes helicoides, co que se consegue que estean simultaneamente en contacto máis de dous dentes, do que resulta un funcionamento máis suave e silencioso. Cando os eixes se cruzan, a solución teórica é unha engrenaxe hiperboloide, chamada hipoide por contracción, na que os corpos de base son dous hiperboloides. En moitas ocasións, a engrenaxe hipoide substitúese por unha engrenaxe cilíndrica ou cónica con dentes helicoides. No caso dos eixes que se cruzan a 90°, utilízase o parafuso sen fin e unha coroa. O corpo base do parafuso é un cilindro ou un globoide, e o da coroa, un globoide. Outras engrenaxes especiais son a cremalleira, que pode ser considerada como unha roda dentada de raio infinito, e a roda plana, que é unha roda cónica na que o semiángulo do corpo base vale 90°. A relación de transmisión dunha engrenaxe formada por dúas rodas é o cociente entre as velocidades angulares respectivas, que é igual á inversa do cociente entre o número de dentes das rodas. Cando a saída dunha engrenaxe se conecta á entrada doutra, obtense un tren de engrenaxes, no que a relación de transmisión é igual ao produto das relacións de transmisións dos diversos pares de rodas conectadas. Outras engrenaxes especiais moi utilizadas son as engrenaxes planetarias, nas que, polo menos, unha das rodas dentadas pode xirar, ademais de sobre o seu mesmo eixe, ao redor doutro chamado eixe central.
-
s
f
Encadeamento de acontecementos ou circunstancias.
Ex: Cando te metes na engrenaxe da burocracia tes que ter moita paciencia.