Faenza, cerámica de
Cerámica orixinaria da cidade italiana de Faenza. A súa sona provocou que a palabra italiana faenza e a francesa faïence se empregasen como sinónimo de maiólica. Durante a Idade Media, a arxila cubríase cunha capa branca sobre a que se facía a decoración; durante esta época desenvolvéronse tamén as técnicas do esmaltado en branco e do engobe. No Renacemento ampliouse a gama de cores coa introdución do amarelo intenso e do azul turquesa. Empregáronse motivos decorativos de inspiración bizantina e árabe, e posteriormente os góticos, ata que a finais do s XIV se centraron nos motivos italianos. Dos novos estilos creados polos ceramistas destacan o bello, caracterizado pola cerámica maiólica de cor gris-azul celeste; o fiorito, con motivos decorativos que cobren case toda a peza; e o compediario, que se distingue polos produtos manufacturados de cor branca cunha policromía reducida ao amarelo e ao azul. Despois da crise do s XIX que provocou o peche de moitos obradoiros, asistiuse á recuperación coa creación do Museo Internazionale delle Ceramiche fundado por G. Ballardi en 1908 e do Concorso Internazionale della Ceramica dell’Arte en 1938.