faia

faia
Nome científico: [Fagus sylvatica,Fam das fagáceas]
  1. s f [PLANTA]

    Árbore de ata 40 m altura, de cortiza lisa e cinsenta, e copa ampla de follaxe densa, caracterizada por presentar gromos delgados e aguzados; follas elipsoidais e enteiras, con pelos nos nervios do envés e pecíolo curto, dispostas de xeito alterno; flores masculinas -en amentos pendurantes e globosos- e femininas -dúas ou tres flores dentro dun involucro- en acios separados sobre a mesma árbore e de polinización entomógama; e froito en aquenio trígono, de 25 mm de lonxitude, dehiscente en 4 valvas e dispersión zoócora. As sementes, comestibles para o home, empréganse para cebar o gando e obtíñase un aceite que se empregaba para cociñar no N de Europa. As faias producen os primeiros froitos entre os 20 e os 25 anos, aínda que non son viables ata que a árbore ten 40 anos -no caso de exemplares illados- ou 55 anos nos bosques densos. A madeira é dura, de gran fino e cor amarela, con pequenos riscos acastañados. Emprégase en ebanistería e tornería. Tamén resulta un bo combustible e é apreciada para a obtención de carbón. A cortiza e as follas utilízanse popularmente no tratamento das síndromes gripais, arrefriados, bronquite, farinxite e diarreas, e as cinsas das pólas para tinguir de louro o cabelo. As faias forman bosques densos e escuros na maior parte de Europa, agás no N de Escandinavia, en solos de pH superior a 4,5 e preferentemente en áreas con precipitacións superiores aos 600 mm e cunha localización óptima entre os 1.000 e 1.500 m de altitude. Na Península ibérica está presente no N, dende a Cordilleira Cantábrica ata os Pireneos, e no N do Sistema Ibérico e Central.

  2. s f

    Madeira desta árbore.

Palabras veciñas

Fahrenheit, Gabriel Daniel | Fahrenheit, grao | FAI | faia | Faia | faiado | faial