1 fala

1 fala

(

  1. [LING]
    1. s f

      Habilidade verbal individual en que se materializa a capacidade lingüística común a todos os seres humanos. Desde a perspectiva ontoxenética, para que esta capacidade lingüística se converta en fala é necesario que se dean unhas condicións determinadas, tanto biolóxicas coma sociais (contorno). En efecto, algún problema orgánico -como a xordeira- ou a falta dun contexto lingüístico adecuado, como ocorre, por exemplo, no caso dos nenos salvaxes, poden dificultar ou impedir totalmente o desenvolvemento verbal. Dentro do estruturalismo, fala oponse a lingua (Ferdinand de Saussure), ou ben a sistema e norma (Eugenio Coseriu). En ambos os dous casos o concepto de fala fai referencia ao nivel máis baixo de codificación, ao ámbito do individual e da variación, mentres que a lingua representa o unitario e homoxéneo, en dous graos de abstracción -norma e sistema-, no caso de E. Coseriu. Na terminoloxía chomskyana os conceptos de lingua e fala equivalen respectivamente aos de competencia e actuación. Mentres as primeiras correntes da lingüística do s XX desbotaron o estudo da fala polo seu carácter heteroxéneo e aparentemente asistemático, esta atraeu a atención das disciplinas máis recentes, como a sociolingüística e a pragmática, e converteuse no seu obxecto de estudo por excelencia.

    2. fala bilingüe

      Actualización de dúas linguas distintas nunha mesma conversa por parte de falantes con competencia bilingüe. É unha das consecuencias das múltiples situacións de contacto lingüístico e pode ser de diversos tipos. O falante pode cambiar de lingua en función do interlocutor, o propósito da comunicación ou o tema da conversa, aplicando o que se denomina alternancia de códigos (code-switching), ou ben poden alternar as dúas linguas indistintamente, dando lugar a unha especie de mestura de códigos (code-mixing). Desde un punto de vista gramatical, o primeiro caso trátase dunha alternancia interoracional (cambio de código en oracións diferentes), mentres que o segundo, dunha alternancia intraoracional (dentro da mesma oración). Especialmente a alternancia de códigos leva asociada significados sociais e simbólicos de gran relevancia. Estes dous tipos de fala bilingüe manteñen unha estreita relación con outro fenómeno derivado do contacto lingüístico, a interferencia, de xeito que en moitas ocasións as fronteiras entre os tres resultan difusas, polo que é preferible falar dun continuum.

    3. fala telegráfica

      Produción lingüística dos nenos formada por oracións correctas desde o punto de vista da orde de elementos, pero moi sinxelas sintacticamente e carentes de palabras de relación básicas. Este tipo de fala correspóndese cun estadio determinado da adquisición lingüística, que comeza cando o neno ten entre dous anos e dous anos e medio, coincidindo co inicio da etapa sintáctica (posterior ás etapas prelingüística e holofrástica). O carácter telegráfico procede da ausencia de palabras de función gramatical, como o artigo, e a omisión de morfemas flexivos, como as terminacións verbais (

      Ex: Gato bebe leite). Ó mesmo tempo que se desenvolve a fala telegráfica van aparecendo progresivamente a flexión gramatical e as primeiras preposicións e conxuncións. Nas etapas previas á adquisición, a produción lingüística reducíase a expresións moi curtas nas que o neno transmite mensaxes completas a través dunha única forma (holofrase), ou, nun estadio máis avanzado, mediante emisións de dúas palabras (Ex: nena cama=a nena quere ir á cama). Ós tres anos aproximadamente o neno supera xa a fala telegráfica.

  2. s f

    ariedade lingüística asociada a unha área xeográfica ou a un grupo social.

    Ex: A fala dos Ancares ou de Fisterra. A fala dos canteiros.

  3. s f

    Lingua natural propia dunha comunidade humana.

    Ex: O galego é a súa fala.

  4. s f
    1. Acción de falar.

      Ex: Durante o xantar non deu unha fala.

    2. Maneira peculiar de falar unha persoa.

      Ex: Coñécese ben pola fala. Ten unha fala moi coidada.

  5. fala coloquial [LING]

    Modalidade lingüística propia dos falantes dunha lingua nas súas relacións cotiás. Caracterízase, fundamentalmente, pola utilización de xiros, modismos e outros recursos para conseguir énfase, brevidade e afectividade. É frecuente acurtar as palabras e utilizar unha sintaxe pouco coidada e un léxico pouco culto.

Frases feitas

  • Andar na(s) fala(s) da xente. Ser algunha cousa motivo de comentario ou de murmuracións da xente.

  • Ser de poucas falas. Ser unha persoa moi pouco faladora ou de pouco trato.

  • Ser un fala para feira. Ser unha persoa que fala moito, pero sen ningún criterio.