Familia, Pactos de

Familia, Pactos de

Nome que reciben as distintas alianzas políticas asinadas durante o s XVIII polas dinastías borbónicas reinantes en Francia e España. Polo Primeiro Pacto de Familia, asinado en El Escorial o 7 de novembro de 1733 entre Luís XV de Francia e Filipe V de España, Francia comprometeuse a conseguir o trono de Parma, Piacenzia e Toscana para o infante Carlos de Borbón, fillo de Filipe V e Isabel de Farnesio, e a devolución de Xibraltar, mentres que España apoiou a Francia no seu enfrontamento con Austria. O resultado máis visible desta primeira alianza foi o recoñecemento na Paz de Viena (1738) de Carlos de Borbón como rei de Nápoles e Sicilia. O Segundo Pacto de Familia foi asinado no marco da Guerra de Sucesión de Austria entre Luís XIV, Filipe V e Carlos de Borbón en Fointainebleau o 28 de outubro de 1743 e nel Francia comprometeuse a conseguir para o infante Filipe de Borbón, fillo de Filipe V e Isabel de Farnesio, os ducados de Parma, Milán e Piacenza e a devolución das prazas de Xibraltar e Menorca, mentres que España volveu apoiar a Francia no seu enfrontamento con Austria, comprometeuse a frear o avance colonial do Reino Unido e a repor a dinastía dos Stuart no trono inglés. As súas consecuencias limitáronse á concesión dos ducados a Filipe de Borbón, que se converteu en Filipe I de Parma. As guerras nas que participou España como consecuencia desta política motivaron a actitude neutral de Fernando VI durante a Guerra dos Sete Anos. O Terceiro e último Pacto de Familia foi asinado entre Luís XV de Francia, Carlos III de España, Filipe I de Parma e Fernando de Nápoles en París o 15 de agosto de 1761 e significou o enfrontamento directo co Reino Unido. Militarmente, o tratado foi un fracaso ao non conseguir acabar coa preponderancia mariña dos británicos. Malia todo, continuou vixente ata finais de 1808.