fang
-
adx
Relativo ou pertencente ao pobo fang.
-
s
[ETN/HIST]
Individuo do pobo fang.
-
s
m pl
[ETN/HIST]
Pobo africano constituído por unha mestura de sudaneses, etíopes e congoleses. Orixinarios do S do actual Sudán, trasladáronse cara ao SO, a través do Congo e Nixeria, movidos pola presión musulmana e estendéronse principalmente polo N do Camerún, o S de Gabón e Guinea Ecuatorial. A súa estrutura social baséase na familia nuclear, nos clans e nos clans fragmentarios, que se diferencian pola prohibición que teñen os membros de emparellarse dentro deste grupo. A unidade básica de organización territorial é o poboado, no que se integran varias familias nucleares, que poden formar parte de diferentes familias extensas, lideradas por un ancián, o avó. Falan unha lingua da familia linguística bantú e as súas características culturais presentan numerosos elementos congoleses, como a agricultura, os métodos de caza e a relixión. Expertos artesáns, destacan especialmente no traballo da madeira, coa que tallan figuras que representan os seus antepasados, relicarios, máscaras e determinadas pezas utilitarias como bastóns de mando e tambores. Representan o 75% da poboación de Guinea Ecuatorial, o 38% na República do Congo, o 33% en Gabón e o 23% no Camerún.
-
s
m
[LING]
Lingua do phylum níxer-congo da familia lingüística bantú, que se fala en Gabón, Camerún e Guinea Ecuatorial. Utiliza o alfabeto latino e, entre as súas características lingüísticas, cómpre destacar: a distinción entre vocais abertas e pechadas; uso frecuente de consoantes guturais e nasais; distinción de ton baixo, medio e alto; organiza os nomes en sete clases nominais e o adxectivo epíteto vai colocado antes do substantivo; e os tempos verbais están marcados mediante palabras auxiliares.