Faro de Vigo
Periódico decano da prensa española editado en Vigo a partir do xoves 3 de novembro de 1853. Fundado polos xuristas Xosé Carvajal Pereira, o seu director, e Xosé Mª Posada, co tempo pasou a ser propiedade do impresor Anxo de Lema e Marina. No seu primeiro consello de redacción figuraban tamén Xoaquín Yáñez, Vicente Coca, Nicolás Taboada Leal e Basilio Besada. A súa impresión levábase a cabo nos obradoiros tipográficos da rúa Oliva, nº 2, nunha prensa construída a man por Xacinto Valenzuela e cun papel fabricado en Lavadores por Antonio López de Neira. Nos seus comezos definíase como un periódico independente, cun marcado acento oficialista, conservador e católico. O seu éxito debeuse á identificación do periódico cos intereses da cidade e destacou polas súas campañas en favor do ferrocarril. Subtitulouse “Periódico mercantil, agrícola e industrial”, era bisemanal, saía todos os xoves e domingos e constaba de catro páxinas de pequeno formato. A súa subscrición mensual era de seis reais. Ao longo do tempo modificou os seus subtítulos, o tamaño e a súa periodicidade. O 12 de marzo de 1854 (nº 38) aumentou o tamaño do periódico e, co triunfo do bienio progresista de Espartero, a partir do 7 de setembro (nº 69) cambiou o seu subtítulo polo de “Periódico Político, Mercantil e Industrial”. En xaneiro de 1855 modificouse novamente e pasou a subtitularse “Periódico Político y Mercantil”. A partir do 9 de abril de 1857 incrementou en dez centímetros o seu tamaño e o seu subtítulo foi “Periódico Mercantil y de intereses Morales y Materiales”. Dende o 2 de xaneiro de 1875 (nº 2.203) pasou a publicarse os mércores e sábados co subtítulo de “Periódico Político y Literario”; en xuño dese mesmo ano pasou a editarse os martes, xoves e sábados, e subtitulouse “Periódico político, literario y de comercio”. Dende o 25 de setembro de 1875 todos os sábados tiraba do prelo unha páxina titulada “Semanario del Faro” na que colaboraron destacados intelectuais da época como Francisco Cañas, Aureliano J. Pereira, Xacobe Araujo, Waldo Á. Ínsua, Bieito Losada, Constante Verea, Salvador Golpe, Ortega Munilla e Xoán Torres Salvany, entre outros. O 23 de xaneiro de 1879 cambiou as súas oficinas á rúa do Príncipe, nº 18, e converteuse en diario a partir do 7 de xullo; ademais ampliou as súas seccións, introduciu un folletín encadernable e nomeou a Xulio Nombela como correspondente en Madrid. O 1 de febreiro de 1881 (nº 2.322) aumentou novamente o seu tamaño e engadiu o subtítulo de “Periódico diario. No se publica los días siguientes a los festivos”. En 1881 adiantou a súa saída das prensas para converterse en vespertino e así chegar ás vilas de Ourense e Pontevedra mediante o ferrocarril. Nese mesmo ano e ata o 13 de xullo de 1884, o suplemento dos sábados substituíuse pola sección semanal “Los domingos del Faro. Hoja literaria”. Durante case tres décadas non incluíra ilustracións nin gravados, agás para a publicidade. O 10 de xuño de 1883 apareceu en portada unha ilustración dun dos vigueses máis condecorados de España, Méndez Núñez. A partir desa data -o 9 de outubro de 1890 sacou en portada o alcalde Xoaquín Yáñez-, volveu insertar gravados nas súas páxinas informativas, aínda que non o fixo con asiduidade ata os primeiros anos do s XX; algúns dos protagonistas foron o Rei Afonso XIII e a raíña rexente María Cristina cando visitaron Vigo o 31 de agosto de 1900, ou a entrevista do rei co kaiser de Alemaña en 1904. O 19 de xullo de 1884 tirouse do prelo co subtítulo “Diario Decano de la Prensa de Galicia”, o que orixinou unha dura polémica co outro periódico máis antigo de Galicia, El Correo Gallego, que xa dende a súa fundación, o 1 de agosto de 1878, fora diario. Experimentou un forte crecemento a partir de 1893 coa difusión das noticias sobre as guerras coloniais de Marrocos e Cuba, e o retorno dos repatriados de 1898. De forma extraordinaria, entre o 29 de xuño e o 31 de xullo de 1905, e por mor dunha folga de tipógrafos, os tres diarios de Vigo, La Concordia, El Noticiero e Faro de Vigo, decidiron sacar unha edición conxunta. A partir de 1909 subtitulouse “Diario Decano de la Prensa de Galicia y el de mayor circulación”. O 7 de setembro de 1912 cambiou o seu domicilio para o nº 22 da rúa Colón, estreou a primeira rotativa, coa que gañou rapidez, engadiu máis páxinas, e editou un número extraordinario para celebralo. En 1918 incorporou as primeiras linotipias para compoñer os textos. O 10 de xaneiro de 1921 fundouse o Faro de la tarde, un precursor da Hoja del lunes, que garantizaba o descanso do persoal os domingos e a aparición de noticias todos os días. En 1923 adquiríronse novas linotipias e un taller de fotogravado, co que se daba paso á colaboración de diversos ilustradores como Castro Gil, Camilo Díaz, Sobrino, Carlos Maside, Laxeiro e Castelao, entre outros. No ámbito da información gráfica contou coa colaboración de destacados fotógrafos como Pacheco, Llanos, Pintos e Ksado. O apartado fotográfico tivo unha importancia considerable ata o ano 1936, cando decae por mor da Guerra Civil e da Segunda Guerra Mundial, e as conseguintes posguerras. Coa celebración do centenario en 1953 tirouse do prelo un volume extraordinario de 18 pregos, dirixido por Francisco Leal Ínsua, que saíu semanalmente ao longo de todo un ano; nel colaboraron destacados intelectuais como F. Bouza Brey, Xesús Carro, L. Carré Alvarellos, X. Costa Clavell, Filgueira Valverde, R. Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Celso E. Ferreiro, Álvaro Cunqueiro e Vicente Risco, entre outros. Nos anos sesenta volveu recuperar a información gráfica e incorporáronse novos e destacados profesionais como Bene, Magar e Cameselle. En 1977 e dirixido por F. Fernández del Riego incluíuse a sección “Domingo Letras”, centrada no mundo da literatura; dende 1983 converteuse en “Artes e letras”, coordenada por Xosé A. Perozo, e en 1993 iniciouse “Faro das letras”, coordenada por X. Ramón Pena. O 6 de decembro de 1990 produciuse un salto cualitativo na información gráfica coa introdución na primeira páxina de fotografías en cor; tamén nesa data, o diario modificou o seu deseño e, co tempo e coa adquisición dunha rotativa alemá Uniman, automatizada para a impresión en cuatricomía, foi aumentando o número de páxinas con fotografías en cor. No proceso de información gráfica en cor, os fotógrafos empregaron inicialmente diapositivas, logo negativos en cor e, finalmente, cámaras dixitais. Na década dos oitenta e noventa editáronse unha serie de suplementos de grande audiencia como “A pizarra”, de educación, “Faro Motor”, que aínda en 2002 segue a publicarse coa coordinación de Rafael Cid, “Pharo the Vego”, de vangarda e coa coordinación de Pilar Comesaña, etc. Coa chegada do s XXI e a adquisición doutra moderna rotativa de última xeración, a xaponesa Mitsubishi, o diario colocouse na vangarda tecnolóxica. Con esta tecnoloxía, a súa empresa de impresión Celta de Artes Gráficas, é capaz de imprimir seis edicións de Faro de Vigo, outros catro periódicos, varios semanarios e publicacións diversas. Ao longo de todos estes anos asumiron a súa dirección o seu fundador, Anxo de Lema, Eladio Lema (1881-1928), Anxo de Lema e Rubido (1928-1929), Manuel Otero Bárcena (1929-1944), Blas Agra Mancebo (1944-1949), Francisco Leal Ínsua (1949-1961), Manuel González Cerezales (1961-1965), Álvaro Cunqueiro (1965-1970), Manuel Santaella, Xosé Landeira Yrago, Xosé F. Armesto Faginas (1978-1986), Ceferino de Blas, Julio Puente e Pedro Pablo Alonso. En outubro de 1986, o diario cambiou de propiedade e pasou a formar parte do Grupo Prensa Ibérica, integrado por trece periódicos españois e dous portugueses. Conta con seis edicións: Vigo, Ourense, Pontevedra, Arousa, O Morrazo e Deza-Tabeirós. O 3 de novembro de 2002, coa conmemoración dos seus 150 anos de historia, tirouse do prelo un caderno especial no que se facía un exhaustivo repaso deste significativo diario da prensa galega. Esta celebración deu paso a unha serie de actos relacionados coa súa historia. Segundo as últimas estatísticas facilitadas polo control OJD, en 2001 Faro de Vigo tivo unha difusión media de 42.913 exemplares, o que equivale a 281.000 lectores diarios, en datos de EGM.