fartet*
Peixe de corpo oblongo que acada os 5 cm de lonxitude -as femias de maior tamaño ca os machos-, con aletas redondeadas e transparentes, escamas relativamente grandes e boca dirixida cara arriba. Os machos presentan bandas verticais azuladas e prateadas, con bandas anchas verticais e escuras nas aletas, mentres que as femias son pardo-verdosas, con manchas escuras distribuídas de forma irregular polo corpo. Forman grupos pouco numerosos que se alimentan principalmente de pequenos invertebrados e algas. Reprodúcense entre abril e setembro, época en que os machos adultos defenden, doutros machos, pequenos territorios onde penetran as femias. Logo do cortexo nupcial, que consiste principalmente en movementos circulares arredor da femia, depositan os ovos en madeixas de algas filamentosas ou entre plantas acuáticas de follas delgadas, que son fecundadas polo macho. Cada tempada, as femias poden depositar ata un millar de ovos que eclosionan aos 8 días. Os fartets acadan a madurez sexual aos tres meses de idade. Habitan en charcas, lagoas litorais, regas, marismas e salinas, as máis das veces, de augas encoradas ou de corrente lenta, nas que soportan grandes variacións na temperatura e salinidade, que poden chegar a ser superiores ás do propio mar. É unha especie endémica da Península Ibérica, que tivo por distribución orixinal toda a rexión costeira mediterránea ibérica e, na costa atlántica, o baixo Guadalquivir; só se conservan unha ducia de poboacións relitas illadas, polo que está en grave perigo de extinción. Sofre, especialmente pola destrución dos seus hábitats, a contaminación acuática e a introdución de especies competitivas, a Gambusia e o Fundulus, que a desprazan a augas de maior salinidade, ou por depredadores como a perca americana ou a perca sol. Ademais, é unha especie moi apreciada en acuariofilia, polo que tamén é capturada directamente polo home.