Fazouro, castro de
Construción situada na parroquia de Fazouro (Foz). Aséntase nunha pequena península pechada ao L pola praia de Area Longa. Escavado por primeira vez na década dos sesenta por Suárez Acebedo, G. de Sela e Torres, e despois por A. del Real e M. Fernández Rodríguez, foi consolidado a finais da década dos oitenta por F. Carrera Ramírez. Datado no s I d C, trátase dun asentamento marítimo defendido por un foso en forma de U, bastante deteriorado debido á súa proximidade á praia, e por un pequeno antecastro. A superficie visitable é duns 250 m2 e nela aprécianse cinco estruturas completas e parte doutras cinco que se estenden cara ao acantilado. As casas construíronse con aparello poligonal en pedra local de xisto e teñen plantas cuadrangulares con esquinas redondeadas e algunhas cun pequeno vestíbulo enlousado en xisto. Dentro das vivendas localizáronse restos de bancos corridos acaroados e lareiras pétreas cuadrangulares. Na zona do acantilado conservouse no muro dunha das vivendas unha serie de chanzos pegados, que foron interpretados como un acceso á planta superior que non se conserva. Dos materiais localizados durante as obras de limpeza e consolidación destacan os fragmentos de muíños circulares, as placas de xisto perforadas, os fragmentos de cerámica de orixe romana e un ás de época do Emperador Tiberio.