federalismo
(
Corrente política que expresa unha forma de organización do estado que compatibiliza a autonomía das colectividades federadas co poder central. As colectividades federadas gozan de autonomía constitucional, polo que poden dotarse dunha constitución propia, que non pode ir contra os principios proclamados na constitución federal. Nunha perspectiva histórica, foi máis que unha técnica de organización do estado, un complexo movemento político e social que pretendeu organizar a vida política e social de acordo coa súa particular concepción das relacións políticas. En Galicia e España, o federalismo apareceu ligado, dende o s XIX, ao republicanismo e aos partidos políticos progresistas. Arrincou das Juntas Revolucionarias, aparecidas espontáneamente en momentos conflitivos do s XIX (1808,1868). F. Pi i Margall foi o teórico máis importante do federalismo en España, para quen a estruturación da sociedade partía das ideas de pacto e federación, polo que a sociedade se articulaba a través de pactos sucesivos, entre individuos, entre os municipios, e as provincias, ata a constitución federal, resultado do pacto entre grupos provinciais soberanos e, máis que un documento xurídico, era un instrumento ao servizo da revolución social. En Galicia, remonta as suás orixes á Guerra da Independencia en 1808 e ao levantamento de 1846. O marco onde mellor se desenvolveu o movemento federal foi o sexenio 1868-1874. Tralo triunfo do pronunciamento militar que puxo fín o réxime isabelino, fundouse en Madrid o Partido Democrático Republicano Federal. O seu programa centrouse, fundamentalmente, na reivindicación da República federal como forma de goberno e na reclamación de certas medidas populares que foran desatendidas polo goberno provisional, como a abolición das quintas e dos consumos. En Galicia formáronse diversas Juntas Revolucionarias de carácter local nas que participaron, entre outros, o pontevedrés Indalecio Armesto, o ourensán Xoán Manuel Paz Novoa e os coruñeses Federico Tapia e Ramón Pérez Costales. Nas eleccións constituíntes, soamente Eduardo Chao foi elixido en representación das forzas federalistas. Estes malos resultados levaron a un intento de ampliar as bases sociais de representación do partido, en especial á xuventude e ás clases obreira e campesiña. A primeira Asemblea Federal puxo de manifesto as profundas divisións que arredor do concepto de federación se manifestaban no partido. As eleccións ás Cortes en 1871 e 1872, puxeron de manifesto as diverxencias entre os federalistas galegos e a dirección centralista do partido, e a ruptura definitiva produciuse trala insurrección republicana de Ferrol en 1872. As críticas de Pi i Margall á insurrección provocaron a resposta do federalismo galego, no marco da celebración da Asemblea Cantonal de Galicia, na que se tomou o acordo, a iniciativa do comité federal de Vigo, de crear o Partido Republicano Federal de Galicia. A proclamación da república o 11.2.1873 e a celebración de eleccións constituíntes supuxeron un pulo para o federalismo galego, que obtivo 37 das 45 actas en disputa en Galicia. A actividade desenvolvida nas cámaras centrouse na problemática do ferrocarril en Galicia, na cuestión dos foros e na defensa da autonomía cantonal para Galicia. Paralelamente ao ámbito parlamentario, outros grupos federalistas desenvolveron a súa actividade dende ópticas diferentes, como un grupo radical liderado por Ramón Elices Montes, Andrés e Jesús Muruais, que propugnaron a independencia do cantón galego; e a sublevación dos batallóns galaicos que intentaron a proclamación dunha república federal en Viana do Bolo e Pobra de Trives; e un grupo de tendencia galeguista liderado en Santiago por José Sánchez Villamarín, alcalde da cidade, que puxo en marcha o Centro de Iniciativa para a nova organizacion de Galicia. O federalismo manifestou durante o Sexenio unha extraordinaria influencia sobre as clases populares, tanto obreiras como campesiñas, e nos círculos artísticos e culturais. Tralo golpe militar de 1874 e a restauración monárquica fraccionouse en diversas tendencias, moitas delas enfrontadas. Houbo intentos de reorganización federalista en 1881 e en 1883, mesmo coa elaboración dun proxecto de constitución para un futuro estado galaico, que foi aprobado nas asembleas federais galegas de 1886 e 1887. O proxecto de constitución galega amosou a influencia do federalismo de Pi i Margall, tanto na articulación organizativa de Galicia, como no feito de entender o texto como un instrumento do reformismo social. Os novos representantes do federalismo, Aureliano J. Pereira, Santiago Casares, Manuel Leiras Pulpeiro e Manuel Castro López, entre outros, pretenderon recuperar o apoio de amplos sectores rexionalistas, intelectuais, labregos e proletarios. Non obstante , a burguesía apoiu o rexionalismo e as clases obreiras derivaron ao anarquismo, quedando arredor dun grupo exiguo, Unión Republicana, pero que desenvolveu unha intensa actividade. O movemento coñeceu unha revitalización durante a Segunda República, grazas ao labor das Irmandades da Fala e, posteriormente, do Partido Galeguista (PG), que defenderon unha federación ou confederación de nacións ibéricas: Castela, Catalunya, Euskadi, Portugal e Galicia. Tralas eleccións constituíntes de 1931, o galeguismo tentou conseguir que a constitución republicana adoptase un modelo federal de articulación territorial. O fracaso desta tentativa fixo acelerar o proceso de reunificación política do nacionalismo galego, que culminou coa fundación do PG en 1931, que defendeu a autodeterminación política de Galicia dentro da forma de goberno republicana. A Guerra Civil e a ditadura de Franco supuxeron un freo para o federalismo galego, xa claramente identificado co nacionalismo. No período democrático, as posicións federalistas foron asumidas pola esquerda nacionalista.