feofíceo -a

feofíceo -a
  1. adx

    Relativo ou pertencente ás feofíceas.

  2. s f [PROTISTA]

    Alga da clase das feofíceas.

  3. s f pl [PROTISTA]

    Clase de algas que presentan como característica máis salientable a cor parda que amosan debido á presenza de gran cantidade duns pigmentos pardos (as xantofilas), aínda que algunhas especies poden amosar debaixo da auga unha forte iridiscencia azulada, tal é o caso de Cystoseira tamariscifolia. Nos restantes caracteres son moi variables, xa que a este grupo pertencen as algas que presentan maior tamaño e complexidade anatómica. A maioría viven en augas salgadas ou salobres. Algunhas especies do Pacífico Norte (Macrocystis) poden medir 25 ou máis metros de lonxitude, e medrar ata 6 cm/día; sen embargo, as especies galegas máis grandes, que pertencen aos xéneros Laminaria e Saccorhiza, non chegan a acadar eses tamaños. Son as que forman as grandes praderías mariñas, ás veces case bosques, polo que teñen un elevado interese na cría e reprodución de moitos peixes e pequenos moluscos, tanto pola protección que lles dan como pola achega nutricional que poden atopar entre elas. Tamén nas algas pardas se inclúen exemplares de menor tamaño, tales como os do xénero Ectocarpus, pequenos filamentos (duns poucos cm) que viven sobre outras algas ou sobre rochas. Son o grupo algal que amosa maior complexidade nas súas estruturas vexetativas, de tal xeito que algunhas especies do xénero Laminaria e Saccorhiza parecen fentos, xa que teñen un bulbo basal ou unha zona engrosada (homóloga a un rizoma), un caule ou estipe (homólogo ao raquis) e unha gran fronde (homóloga á folla), ademais de presentar zonas especializadas no crecemento. A totalidade do grupo é morfoloxicamente moi variable; así, poden estar constituídas por complexos talos (laminariais), pero tamén por delgados filamentos simples ou ramificados (Ectocarpus), por cintas máis ou menos anchas (Fucus, Pelvetia, Dityota), por costras adheridas ao substrato (Ralfsia), por masas cerebriformes ou esféricas (Leathesia, Colpomenia), por láminas, nalgún caso con incrustacións de CO 3 Ca (Padina) ou ter aspecto de pequena árbore fortemente ramificada (Cystoseira, Sargassum, Halydris), etc. Nunca son unicelulares e as células adoitan ser uninucleadas e presentan numerosos plastos parietais que conteñen clorofilas a e b, carotenos e ficoxantinas. A membrana celular é de celulosa e de alxina. Como substancias de reservas hai aceites, manitol e laminarina, pero non amidón. Presentan alternancia de xeracións. As células reprodutoras (zoósporas e zoogámetos) son fusiformes e teñen flaxelos desiguais. Denomínanse popularmente como algas pardas.

Palabras veciñas

feo- | feocromocitoma | Feodotov, Pavel | feofíceo -a | feofitina | feófito -ta | feoplasto