Fernández de Córdoba

Fernández de Córdoba
[HIST/HERÁLD]

Liñaxe nobre de orixe galega. Ten a súa orixe en Alfonso Fernández de Córdoba (?-1325), neto do rico home galego Nuno Fernández de Temes, señor de Temes e de Chantada. A primeira gran liña da estirpe foi a fundada por Gonzalo Fernández de Córdoba (?-1384). Coñecida como de Aguilar ou de Priego, obtivo en 1501 o marquesado de Priego e a grandeza de España en 1520 e extinguiuse en 1569, polo que pasou a súa herdanza aos Figueroa, condes de Feria. Nesta liña destacaron, entre outros, Gonzalo Fernández de Córdoba y de Herrera e Catalina Fernández de Córdoba-Figueroa y Enríquez de Ribera. A segunda gran liña foi fundada por Diego Fernández de Córdoba (?-1435). Os seus membros foron condes de Cabra e vizcondes de Iznajar e Bujalance e extinguiuse en 1597, polo que pasou a herdanza aos Cardona-Anglesona, duques de Somma. Dentro desta liña destacaron, entre outros, Gonzalo Fernández de Córdoba y Fernández de Córdoba. A terceira gran liña, coñecida como a de Comares ou de Los Donceles, foi iniciada por Diego Fernández de Córdoba (?-1372) e extinguiuse en 1697, polo que a súa herdanza pasou aos duques de Medinaceli. A cuarta e última gran liña, coñecida como de Montemayor e Alcauete, foi a fundada por Martín Alfonso de Córdoba (?-1349).