Ferreira de Pantón, Divino Salvador de

Ferreira de Pantón, Divino Salvador de

Mosteiro cisterciense situado en Santa María de Ferreira de Pantón (Pantón). Ten a súa orixe nun mosteiro dúplice beneditino do s X. En 1175, a condesa Fronilde de Lemos restaurouno como cenobio feminino e incorporouno á orde do Císter como dependencia do mosteiro de Meira. Pertenceu á Congregación de Castela e, trala exclaustración, a vida monacal reanudouse en 1858. Pertence á Congregación Cisterciense de San Bernaldo e é o único mosteiro feminino cisterciense en Galicia. Conserva a igrexa de nave única rectangular, cuberta cun casetonado de tradición mudéxar, e ábsida semicircular, cun tramo recto cuberto con bóveda de canón e un semicircular con bóveda de cuarto de esfera; o tramo semicircular reforzouse por nervios que converxen ao centro do arco que divide os dous tramos. O arco de acceso á nave é de medio punto e ten tres arquivoltas con molduras. Na ábsida consérvanse dous sepulcros baixo arcosolio que corresponde a Diego de Lemos e Lope Sánchez de Lemos; o conxunto conserva os escudos dos condes de Lemos e Amarante. No muro S construíuse no s XVIII a capela de San Roque. A fachada principal é de arco de medio punto e como decoración só existe un rosetón moi sinxelo. Xunto á igrexa está o convento do s XVIII que conserva o claustro do s XVI de planta rectangular e dous corpos. A fachada conventual é clasicista e nela destaca a torre; unida á fachada está a hospedería, só para mulleres, con dous corpos comunicados por unha escaleira que dá acceso á solaina. Conta ademais con construcións adxacentes como un muíño e un pombal. O conxunto está rodeado por un muro e accédese a el a través dunha portada flanqueada por dous grandes piares. Declarárono Ben de Interese Cultural en 1975.