Ferrol

Ferrol


Concello cabeceira da comarca urbana de Ferrol, situado na provincia da Coruña no NO da comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N e ao O co Océano Atlántico, ao L co concello de Narón e ao S coa ría de Ferrol. Abrangue unha superficie de 83,1 km 2 nos que acolle unha poboación de 75.181 h (2007), distribuídos nas parroquias de Brión, A Cabana, Covas, Doniños, Esmelle, Ferrol, A Graña, Leixa, Mandiá, Marmancón, San Xurxo da Mariña, Santa Cecilia de Trasancos e Serantes. A capital, a cidade de Ferrol, localízase a 43° 29’ de latitude N e 8° 14’ de lonxitude O, 95 km ao N de Santiago de Compostela. Cabeza de partido xudicial, está adscrito á diocese de Mondoñedo-Ferrol, da que é sé xunto coa cidade mindoniense dende 1959. O seu desenvolvemento industrial favoreceu a expansión dos municipios limítrofes e a formación da área urbana da Ferrolterra.
Xeografía física
Climatoloxía
A disposición do termo municipal de Ferrol no litoral atlántico proporciónalle unhas características climáticas que o encadran plenamente no dominio oceánico húmido. Os caracteres esenciais veñen determinados pola influencia directa do océano nas súas fachadas occidental e setentrional e pola situación de abrigo fronte ás correntes perturbadas húmidas do SO na súa fachada meridional, a da beira da ría do seu mesmo nome. Os relevos que se interpoñen aos ventos húmidos mariños do SO son, malia o seu escaso vigor, decisivos para provocar un efecto de abrigo aerolóxico, que ocasiona precipitacións non moi elevadas na área onde se desenvolveu o tecido urbano de Ferrol. Non obstante , os fluxos do NO, menos frecuentes, penetran doadamente debido á ausencia de obstáculos, e son os que producen a maior parte das precipitacións. Tamén se deixa notar de xeito destacado a influencia complexa que exerce a alternancia diúrna dos fluxos de mar e de terra (as brisas). Con estes condicionantes os trazos climáticos característicos son a suavidade térmica e as precipitacións moderadas. A suavidade térmica faise patente tanto na temperatura media anual, que é de 13,3°C, como na súa feble amplitude estacional, que só é de 9,3°C. O inverno é moi pouco sensible, pois o mes máis frío, febreiro, acada 8,8°C de temperatura media. Con este ambiente térmico as xeadas son excepcionais, ao seren moi infrecuentes as temperaturas mínimas absolutas que se sitúan por debaixo dos 0°C. O verán tamén se caracteriza pola suavidade térmica en relación coa época do ano, pois no mes máis cálido, agosto, a temperatura media non excede dos 18,1°C, debido á acción moderadora do océano. Polo que respecta ás precipitacións, estas distribúense en máis de 150 xornadas anuais, unha elevada frecuencia que, sen embargo, non se corresponde con chuvias intensas, pois o total pluviométrico sitúase en 970 mm anuais. A distribución estacional das precipitacións presenta un máximo no inverno, estación na que se recolle o 33% das chuvias anuais. O verán, pola contra, rexistra como promedio só o 14% das precipitacións do ano, de xeito que se rexistra déficit hídrico entre xuño e agosto; pola súa banda, a primavera e mailo outono adoptan un comportamento de estación de transición, co 26% e o 27%, respectivamente.
Xeoloxía, relevo e hidrografía
O relevo do concello de Ferrol aparece moi condicionado pola litoloxía e a tectónica. Litoloxicamente predominan dous materiais ben distintos: os xistos da Serie de Ordes, materiais metamórficos situados nunha banda que se ensancha de N a S e nunha pequena área ao O; e as rochas cristalinas, de tipo granítico, alongadas nunha dirección NL-SO e N-S, que enmarcan os materiais xistosos. A tectónica influíu no modelado e orixinou unha intensa rede de fracturas (provocadas pola oroxenia Herciniana no Paleozoico e revitalizadas durante o dobramento Alpino), que seguen unha dirección NNL-SSO e N-S. As maiores altitudes acádanse nos afloramentos graníticos, seguindo aproximadamente unha liña de dirección SO-NL que se inicia en Monteventoso (de 245 m de altitude), segue polo monte da Chá (262 m), o Campaíñas (296 m) e o Alto do Pedroso (278 m), e culmina nos 306 m de altitude do Lagoa. Estes cumios presentan unha morfoloxía aplanada que se corresponde cos restos dunha antiga superficie de erosión situada nos niveis de cumes. Nas áreas máis intensamente fracturadas dos sectores graníticos instálanse os cursos dalgúns regos, como o de San Xurxo e o de Doniños. No resto do concello, que se corresponde co dominio dos materiais xistosos, o modelado é suavemente ondulado; os ríos presentan neste sector vales amplos e de moi pouca profundidade (regos de Santa Cecilia e de Aneiros). Polo que respecta á morfoloxía litoral, os maiores entrantes que amosa a costa (praias de San Xurxo, Santa Comba e Ponzos, Doniños e Cobas) correspóndense cos afloramentos xistosos, pouco resistentes á erosión debido á súa propia natureza laminada, orixinados a partir dunha feble metamorfización das series sedimentarias. Estes entrantes están flanqueados por rochedos de maior resistencia, graníticos, con promontorios acantilados que se adentran no mar (Cabo Prior, Cabo Prioriño, área de San Xurxo). Nalgúns tramos costeiros existen vestixios de superficies de abrasión mariña (a rasa litoral), formada nun momento no que a liña de costa presentaba unha maior altitude, que son ben visibles en lugares como Santa Comba, Punta Branca e Punta Lavandeira. Cómpre destacar o complexo praia-duna-lagoa de Doniños, de grande interese xeomorfolóxico e ecolóxico. Outros sectores recollidos na relación de espazos naturais declarados pola administración autonómica son o Cabo Prior, a Illa Santa Comba e as illas Herbosa e Gabeiras, ademais da propia ría de Ferrol, que se abre ao S, cunha orixe na que interviñeron tanto a diferenciación litolóxica como a tectónica e a acción erosiva do río Grande de Xubia.
Xeografía humana
Demografía
A evolución demográfica do concello de Ferrol durante o s XX caracterizouse, en termos globais, por un crecemento que o levou a máis que duplicar a súa poboación ao remate do período, pois pasou de 32.794 h en 1900 (considerando tamén os residentes no antigo concello de Serantes, fusionado co de Ferrol en 1940) a 75.181 h no ano 2007, aínda que chegou incluso a triplicala a principios do derradeiro cuarto do século (91.764 h en 1981). Sen embrago, a partir de 1981, e como consecuencia da fonda crise económica provocada pola reconversión do sector da construción naval, o decrecemento foi continuo. A evolución demográfica de Ferrol estivo ao longo da súa historia moi condicionado polas decisións políticas, debido á súa bipolaridade funcional, vinculada á armada e á construción naval (sector xurdido tamén en relación coa mariña, aínda que diversificado despois). Deste xeito, Ferrol coñeceu sucesivos episodios de forte crecemento e crises demográficas derivadas das conxunturas desas funcións dominantes. O s XX iniciouse cun período fortemente expansivo, que se prolongou ata 1950 e no que a cidade medrou ata acadar unha poboación de 77.030 h, nun incremento a un ritmo medio do 2,7 % anual. Un elemento propiciador dese destacado aumento foi a Lei de creación da Escuadra e o arrendo, por parte do Estado, dos arsenais e estaleiros ferroláns á Sociedad Española de Construción Naval en 1909. O período comprendido entre 1930 e 1950 foi o que coñeceu os maiores avances demográficos, cun crecemento medio do 3,2% anual, debido, sobre todo, á construción naval, que xerou moitos postos de traballo que foron cubertos por poboación chegada dende os municipios veciños, coa creación en 1941 de ASTANO, primeira industria naval de capital privado, e en 1947 da Empresa Nacional Bazán. Dende aquela, a evolución demográfica e económica da cidade pasou a estar totalmente vinculada aos avatares conxunturais que actuaron sobre a industria naval. Na década de 1950 e malia o relativo dinamismo das novas empresas, a poboación retrocedeu un 0,3 % anual, nun período de significativa forza da vaga emigratoria exterior galega, que foi especialmente perceptible nas parroquias rurais do municipio. Na década de 1960 volveu medrar o continxente humano, nun período que se prolongou, a un ritmo medio do 1,1% anual, ata 1981, momento no que se acadou o máximo demográfico, froito da grande actividade do sector naval. A crise enerxética iniciada no ano 1973, e, sobre todo, a reconversión naval dos anos oitenta, propiciaron que o sector da construción naval se sumise nunha fonda crise que levou a un crecemento desmesurado do desemprego e a un retroceso continuo da poboación dende 1981. En 2001 a poboación ascendía a 81.255 h, sen embargo no padrón de 2007 descendeu a 75.181 h o que supón unha perda do -7,47%. Neste contexto, a estrutura demográfica de Ferrol mostra un grao notable de senectude; os menores de 20 anos constitúen o 14,8% da poboación, mentres que os maiores de 65 anos supoñen o 22,5%; o grupo intermedio representa o 62,7%. O crecemento vexetativo é moi negativo (-4,4‰ en 2006) como consecuencia dunha natalidade baixa (7,2‰) e unha mortalidade relativamente alta (11,6‰). Polo que respecta á estrutura da poboación por sexo, existe un forte desequilibrio a prol das mulleres, que constitúen o 53,3% da poboación fronte ao 46,61% de homes.
Poboamento: evolución do plano urbano
O plano urbano ferrolán caracterízase pola súa modernidade, pois o xurdimento da cidade contemporánea a mediados do s XVIII foi froito da decisión rexia de construír o grande arsenal naval do N de España. Creáronse así catro espazos novos que se uniron á pequena vila preexistente: o Arsenal, o barrio da Magdalena (creado de nova planta segundo os canons neoclásicos que imperaban no momento), o Estaleiro e o Barrio Obreiro. O novo conxunto urbano foi amurallado, pero o carácter castrense da cidade traduciuse nunha forte segregación residencial e urbanística que se concentrou en tres grandes espazos: o Ferrol Vello, a Magdalena e o Esteiro. Esta disposición continuou ata a década de 1940, e só se modificou levemente co desprazamento das principais funcións urbanas do O ao L, co xurdimento de poboaciós extra muros en sucesivos ensanches e co derribo da muralla. Xurdiu, deste xeito, o novo barrio de Caranza, que supuxo o traslado de poboación por mor da demolición do antigo barrio de Esteiro. Non obstante , o crecemento foi desordenado e as áreas de expansión non foron axeitadamente planificadas nin dotadas dos equipamentos mínimos. Isto deu lugar a unha completa desarticulación urbanística e infraestructural, agravada co inadecuado crecemento periurbano, sobre todo nos concellos de Narón e Fene, polos que se prolongou a edificación da cidade ferrolá, nun continuo urbano a través da Estrada de Castela (convertida na rúa máis longa de Galicia), en Narón, e en Fene cruzando a ponte das Pías, nos barrios (parroquias) de San Valentín, Perlío e Fene. A consolidación do campus universitario ferrolán, coas súas dependencias instaladas no barrio de Esteiro, propiciou unha rexeneración desta área a partir da década de 1990, que tamén acolleu neses anos un gran número de promocións de vivendas.
Xeografía económica
Recursos e sectores de actividade
A taxa de actividade (2001) do concello de Ferrol é do 46,7% (57,6% a masculina e 37,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 38,5% (50,1% a masculina e 28,6% a feminina) e a taxa de paro é do 17,6% (13,1% a masculina e 23,5% a feminina). A economía do concello de Ferrol vinculouse, dende a súa consolidación como cidade a mediados do s XVIII, á súa dobre especialización na actividade industrial naval e na función militar. Estas dúas funcións, xunto coa administrativa como cabeceira de partido xudicial, converteron a cidade nun gran foco de atracción demográfica sobre os municipios veciños e nun gran centro supracomarcal, co conseguinte desenvolvemento do sector terciario, o máis importante en relación ao emprego. Ao erixirse como un núcleo industrial moi especializado nunha única produción, a diversificación económica foi nula e Ferrol quedou totalmente vinculado aos incentivos industriais do Estado, feito que provocou crises periódicas segundo a conxuntura económica. Esta acusada dependencia da conxuntura dun mercado tan reducido obrigou á reconversión do sector naval nos momentos de contracción da demanda; a última gran crise, a das décadas de 1970-1980, afectou especialmente á cidade, pois previamente o sector privado entrara nunha fase máis ambiciosa, penetrando nos mercados internacionais; ás perdas de empregos directos na construción de buques sumáronse as repercusións nas industrias subsidiarias e na actividade terciaria. Na década de 1990 os estaleiros que subsistiran conseguiron manter a súa actividade coa construción de plataformas para a extracción de petróleo e navíos de guerra, tanto para a Armada española como para a doutros países. Malia o retroceso do emprego industrial, este aínda lle dá emprego a unha cuarta parte da poboación ocupada (20%). Os piares da industria estaleira foron, e son, as empresas Bazán e ASTANO. A Empresa Nacional Bazán de Construcciones Navales Militares, SA creouse en 1947 a partir dunha empresa, La Naval, concesionaria da Armada dende 1907. A súa principal actividade foi a construción e modernización da flota da Armada española. Dende os anos oitenta estableceuse un plan de viabilidade da empresa debido ao seu sobredimensionamento, feito que levou a unha reducción de emprego importante dende 1983, como tamén ocorreu con ASTANO. Esta outra empresa, Astilleros y Talleres del Noroeste, SA, fundouse en 1941 e, malia que as súas instalacións radican fóra dos límites municipais (no concello de Fene), está totalmente vinculada á cidade. A expansión de ASTANO baseouse no apoio financeiro do Banco Pastor e o seu máximo desenvolvemento acadouse a partir de 1963, cando pasou a dedicarse á construción de petroleiros de gran tonelaxe, mantendo unha importante carteira de pedidos ata 1976. Despois dese ano comezou a caer a demanda e foi necesaria unha fonda reestructuración, que reduciu a menos de 2.000 os máis de 6.000 empregos que xeraba a inicios dos anos setenta. A partir de 1983 levouse a cabo a reconversión do sector, coa conseguinte reducción da capacidade de produción do estaleiro; o ingreso de España na Comunidade Económica Europea obrigou á adopción das súas directrices sobre intervención pública na actividade económica, que fixeron inevitable a intensificación das medidas de reestructuración. A ameaza da desaparición estivo presente ata finais dos anos noventa, cando logrou un novo pulo gracias á consecución de varios pedidos importantes que asegurasen a continuidade alomenos durante a década seguinte. A grave situación de Ferrol e toda a súa comarca trala reconversión naval levou a que fose declarada sucesivamente Zona de Urxente Reindustrialización (ZUR) e Zona Industrial en Declive (ZID), figuras coas que se incentivou a instalación de empresas alternativas á naval, pois pretendíase impulsar a diversificación productiva; sen embargo, estas iniciativas rexistraron un éxito escaso, pois as pouco axeitadas infraestructuras viarias provocan un illamento moi notable respecto dos grandes eixes galegos de comunicación. Pola súa banda, o sector servicios coñeceu un forte proceso de expansión debido á tradicional función comercial e administrativa da cidade departamental, co 69,9% da poboación ocupada. Entre as actividades terciarias destacan os servicios sociais, como consecuencia da tradicional función sanitaria, educativa e administrativa que desenvolve Ferrol. O comercio tamén é significativo, aínda que presenta unha estructura empresarial moi atomizada. A estructura produtiva complétase cunha escasa relevancia da agricultura e da gandaría (1,2% dos ocupados), aínda que nas parroquias rurais do N e O do concello resulta habitual a existencia dunha economía mixta, na que se complementan as rendas principais procedentes do traballo terciario ou industrial coa práctica dunha agricultura a tempo parcial para autoconsumo, levada a cabo maioritariamente polas mulleres e as persoas anciás. A pesca ten tamén pouca importancia (1,4%), pois as instalacións militares e industriais ocupan a maior parte do litoral do concello na beira da ría, e a costa occidental resulta moi agreste para a localización dun porto; existen poucos barcos dedicados á baixura e circunscríbese aos peiraos de Curuxeiras. Finalmente, a construción acada moi pouca importancia na estructura productiva (7,5%).
Transportes e comunicacións
Ferrol mantívose durante moito tempo á marxe dos grandes eixes de comunicación terrestres de Galicia, o que contribuíu a acentuar as repercusións da súa localización periférica. As infraestruturas viarias que dan servicio a Ferrol obrigan a investir demasiado tempo nos desprazamentos á cidade departamental en comparación coa distancia que cobren; estas vías reflicten unha falta de capacidade para acoller o intenso tránsito dunha área urbana industrial. As principais vías de comunicación son a Autopista do Atlántico, AP-9, a estrada nacional N-651, variante da estrada nacional radial N-VI, que comunica con Madrid e A Coruña; a estrada comarcal AC-642, Ferrol-Ortigueira; a estrada comarcal AC-646 Ferrol-Cedeira; e a AC-641 Ferrol-As Pontes de García Rodríguez (complementada coa vía rápida VAC-3), ademais da autovía AG-64, Ferrol-Vilalba, . Polo que respecta ao ferrocarril, conta cunha liña a Betanzos e A Coruña, que a conecta coa rede de RENFE; ademais, o ferrocarril de vía estreita Ferrol-Gijón completa a comunicación coa costa cantábrica.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos achados pertencen á cultura megalítica e entre eles destacan as mámoas do Monte do Chá e Brión. Durante a época castrexa o poboamento foi abundante; entre outros castros destacan o de Lobadiz (San Xurxo da Mariña), o de Vilasanche (San Salvador de Serantes), o da Croa de Fontá (San Román de Doniños) e o castro de Ferrol, situado na área da rúa do Castro no barrio de Ferrol Vello. A escavación destes xacementos permitiu a recuperación de estructuras habitables de pedra, muíños circulares e obxectos cerámicos e restos metálicos. En época romana, Pomponio Mela situou nesta área o pobo dos ártabros e a arqueoloxía permitiu constatar a continuidade dos hábitats castrexos e a aparición de novos poboamentos de carácter rural, o vicus, como o de Esmelle, e a villa, nos arredores do concello. A primeira noticia escrita sobre Ferrol data do 1087 e atópase na documentación do mosteiro de San Martiño de Xubia. Ao redor de 1210 converteuse nunha vila de reguengo. A concesión do foro permitiulle ter o seu propio concello, organizar un mercado e recibir unha serie de privilexios por parte dos monarcas. En 1250 Fernando III concedeulle o dereito de que ningún meiriño real entrase nela e en 1268 Afonso X o Sabio autorizou o porto a comerciar co estranxeiro. En 1371 o Rei Enrique II concedeu o señorío xurisdiccional da vila á Fernán Pérez de Andrade o Bo. Os novos señores fomentaron o desenvolvemento do porto e das industrias de salgado de peixe polo que floreceu un comercio de exportación á Coroa de Aragón, a Flandres e ás Illas Británicas. En 1431 desencadeouse na comarca de Ferrol a Primeira Guerra Irmandiña, liderada por Roi Xordo, por causa das exaccións que os Andrade lle impuñan á vila. O fracaso da revolta fixo posible a restauración da orde social establecida e a continuidade de Ferrol como feudo dos Andrade. Posteriormente, pertenceu ao conde de Lemos, trala unión desta casa coa dos Andrade. No s XVI funcionou como porto auxiliar da Coruña e destacou especialmente o seu labor como centro de reparación de buques e atracada debido ás boas condicións naturais. Tralo ataque de F. Drake ao porto da Coruña (1589) a vila converteuse nunha importante base naval para a reparación e abrigo de flotas e, desde 1590, na base de inverno escollida pola monarquía para a Armada del Mar Océano. As novas funcións de Ferrol fixeron necesarias a construción dunha serie de fortíns e castelos defensivos dotados de baterías na entrada da ría, entre os que destacan, os castelos de San Filipe, de San Martiño e da Palma. Por outra banda, a presenza da Armada supuxo un fortalecemento do comercio, que contribuíu ao desenvolvemento urbanístico da vila. En 1594 produciuse o intento fallido dos ingleses de tomar a vila. As treguas a comenzos do s XVII, entre España, Inglaterra e Holanda, levaron á reducción das gornicións dos castelos e fortíns de Ferrol. Produciuse, ademais, o rexurdir das actividades productivas tradicionais polo que en 1612 tivo lugar a replantación das fragas reais da vila co fin de obter materia para a construción de novos buques. Entre 1636 e 1639 inagurouse un período de grande actividade naval, ao iniciarse a construción e fornecemento da Escuadra Galega. A finais do s XVII, Carlos II concedeulle á vila a exención de concorrer ás levas de mariños para a Armada Real, ao tempo que o concello da cidade lle pediu ao monarca a concesión do dereito de alfolín. En 1726 Filipe V estableceu na ría a sede do Departamento Marítimo do NO e considerou a necesidade da creación dun arsenal, que se comezou a construír en 1728 na enseada da Graña. En 1733, trala visita do marqués de la Ensenada, Ferrol e mais A Graña incorporáronse á xurisdición da Coroa. En 1749, Fernando VI dispuxo a instalación dos estaleiros en Esteiro e confirmou o papel de Ferrol como capital do Departamento Marítimo do Noroeste. En 1751 comezaron as obras do Arsenal, que constituíu un excepcional exemplo da enxeñería militar e do urbanismo da época. Paralelamente ao desenvolvemento das construcións da nova base militar, produciuse a inmigración dun gran número de poboación cunha serie de necesidades que a zona vella non puido satisfacer. Creáronse dous núcleos poboacionais inspirados no racionalismo ilustrado: o núcleo de Esteiro, onde se concentrou a poboación obreira, e o núcleo da Magdalena, habitado por funcionarios cualificados da Mariña. A imposibilidade por parte do concello ferrolán para facer fronte aos gastos de pavimentación e sumidoiros das rúas dos novos barrios, levou ao concello a pórse baixo o control da Mariña para poder dispor do diñeiro do arbitrio do viño. A actividade industrial de Ferrol centrouse no sector naval e, desde 1778, acrecentouse gracias á liberdade de comercio concedida por Carlos III. Entre 1783 e 1795 a actividade industrial viuse incrementada polas medidas do ministro Menéndez Valdés, que iniciou unha serie de obras destinadas á ampliación e reforma dos peiraos. O inicio dun novo enfrontamento co Reino Unido en 1796, levou a un novo intento por parte da armada británica de tomar a cidade. O desembarco produciuse o 26 de agosto de 1800 na praia de Doniños e tiña como obxectivo a toma do castelo de San Filipe. Non obstante , durante a Batalla de Brión, as tropas do almirante J. Warren foron derrotadas polos destacamentos do castelo da Palma e as lanchas canoneiras de garda da ría. Nos anos sucesivos os británicos estableceron unha serie de bloqueos periódicos do comercio naval, o que provocou, xunto coas secas de 1801 e 1802, unha importante carestía dentro da vila. Trala retirada das tropas francesas do mariscal Soult, que ocuparon a vila entre xaneiro e maio de 1809, constituíuse unha Junta de Ferrol que se integrou dentro da Junta Central de Defensa, que, polos acordos asinados cos ingleses, desmantelou os arsenais ferroláns e os trasladou a Cádiz, de tal xeito que entre 1807 e 1825 o estaleiro de Esteiro só recibiu un encargo para a construción dun barco. A grave situación económica da vila viuse agravada polos continuos enfrontamentos entre liberais e absolutistas. Da aplicación da Constitución de Cádiz xurdiron os concellos de Covas, Doniños, Ferrol, A Graña, Serantes e Vilar. Non obstante , a restauración do Antigo Réxime decretada por Fernando VII en 1823 supuxo a recuperación dos señoríos, que lle correspondían ao conde de Lemos na súa totalidade, agás as parroquias de Ferrol e A Graña, que se reservaran para a xurisdición rexia polo seu interese estratéxico para a Armada. Tralo pasamento de Fernando VII recuperouse o municipalismo, e así en 1835 o territorio agrupouse en dous concellos: Ferrol, que incluía a antiga xurisdición de reguengo (Ferrol, A Graña) e a parroquia de Brión e Serantes, con todas as demais parroquias. A mediados do s XIX, iniciouse unha lenta recuperación do naval e o ministerio da Mariña iniciou unha serie de obras no arsenal co fin de adaptar as instalacións ás esixencias tecnolóxicas. Ademais produciuse na Graña a aparición dunha serie de estaleiros privados. Produciuse, tamén, a concesión da categoría de cidade á vila (13.10.1858) e a organización do movemento obreiro. En 1890 naceu o semanario El Obrero, que se converteu no voceiro do socialismo local, e en febreiro de 1891 fundouse a primeira Agrupación Socialista á que a burguesía local respondeu coa creación do Círculo Católico de Obreros, organización benéfica, paternalista e de inspiración relixiosa. Nas eleccións municipais de 1895 os socialistas obtiveron un representante, que acadou para os empregados municipais a reducción da xornada laboral de catorce a oito horas. A Guerra de Cuba permitiu unha nova revitalización da industria, ao reforzar e ampliar o goberno a flota antillana, pero tamén unha grave perda de poboación, ao ser as tres cuartas partes da flota orixinaria de Ferrol e a súa comarca. O fin da contenda tivo grandes consecuencias na cidade; producíronse despidos masivos na construción naval e a alza na presión tributaria. A comezos do s XX, produciuse a promulgación da Lei de Creación da Escuadra (7.1.1908), que permitiu a creación da Sociedade Española de Contratación Naval e a posibilidade de construír buques civís nos estaleiros ferroláns. Tras un breve período de prosperidade, a Primeira Guerra Mundial orixinou unha nova crise no sector como consecuencia da falta de materiais de importación e da inseguridade das rutas marítimas europeas. Neste contexto, as agrupacións obreiras da cidade convocaron en 1915 un congreso internacional do movemento obreiro a favor da paz que foi suspendido polo goberno, temeroso de poñer en perigo a seguridade das potencias europeas. Aínda así, celebráronse dúas sesións clandestinas. Durante a Dictadura de Primo de Rivera iniciouse unha nova fase expansiva ao potenciar o ministerio de Mariña a construción dun novo cruceiro e un transatlántico. Trala proclamación da Segunda República, produciuse un aumento do paro que provocou unha serie de folgas como a do 6 de outubro de 1934 na que a patronal ameazou co despido a aqueles obreiros que non acudisen ao traballo. Trala sublevación militar do 18 de xullo de 1936, a cidade pasou ao control militar e iniciouse unha dura represión na que foron depurados funcionarios, clausuradas as sociedades obreiras e masónicas e “paseados” numerosos republicanos e líderes do movemento obreiro. Produciuse tamén o cambio do nome da cidade que desde o 30 de setembro de 1938 se denominou oficialmente El Ferrol del Caudillo. O 21 de xaneiro de 1940 fusionáronse os concellos de Ferrol e Serantes. Na década dos corenta creáronse os estaleiros da Empresa Nacional Bazán de Construcións Navais Militares e ASTANO, que iniciaron un novo proceso de industrialización, aínda que sen diversificar a produción. A oposición ao réxime franquista centrouse entón no movemento obreiro. Na década dos 60 iniciáronse as primeiras manifestacións ante a tentativa de Bazán e de PYSBE de despedir a 1.500 empregados. Na década dos setenta a conflictividade laboral aumentou e, trala negociación do V convenio colectivo en 1972 das tres factorías de Bazán (Ferrol, Cartagena e Cádiz), os enlaces sindicais de CC OO quedaron suspendidos de emprego e soldo e negóuselles o acceso á fábrica ferrolá. O 9 de marzo trala agresión sufrida por Ramiro Romero, os traballadores de Bazán concentráronse diante da dirección da factoría para reclamar a anulación dos expedientes; ao día seguinte reanudáronse as concentracións, seguidas polo resto das empresas da cidade, e a policia interveu, feito que provocou as mortes de Amador Rey e Daniel Niebla. Os feitos provocaron a paralización da vida da cidade e acadaron unha gran repercusión nacional e internacional. Sucedéronse as folgas e as manifestacións de repulsa, sen embargo o conflicto continuou e desencadeou o Proceso dos 23, no que foron xulgados e condeados, no Tribunal de Orde Pública, dirixentes sindicais acusados de asociación ilícita, manifestación non pacífica, terrorismo e propaganda ilegal. Algúns dos xulgados non recuperaron a liberdade ata a chegada da democracia. Na década dos 80 a conflictividade social medrou, ao iniciarse unha reconversión industrial, que levou o goberno a declarar Ferrol como Zona de Urxente Industrialización (ZUR).
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, cómpre destacar que, da época romana, as únicas pegadas son os restos de cerámica común, fragmentos de tégula e partes de estructuras de cachotería atopadas en Esmelle. En Ferrol Vello cómpre destacar as vivendas tradicionais da Praza Vella e da rúa Espírito Santo caracterizadas por teren un só andar e varanda de madeira. Dende o s XVI a protección da ría encomendouse a un triángulo defensivo formado polo desaparecido castelo de San Martiño e os castelos da Palma e de San Filipe, remodelados no s XVIII e declarados Ben de Intersese Cultural, ao igual có Arsenal e o conxunto das baterías de San Cristovo, San Carlos e Viñas, en 1994. O Arsenal, construído segundo os planos de Julián Sánchez Bort, comunica co Ferrol Vello pola porta do Parque, deseñada durante o reinado de Isabel II. No complexo militar destaca a praza porticada rectangular, que comunica coa dársena; a Sala de Armas, pechada polo N polo Cuartel de Instrucción, deseñado por J. Petit de la Croix en 1751 e prolongado polo muro defensivo da Cortina; o dique do Sino, inaugurado en 1879; o edificio das Ferreirías, que acolle a sala permanente da Exposición Nacional de Construción Naval; o Museo Naval e a Biblioteca da Zona Marítima do Cantábrico, instalados no antigo cárcere de San Campio; e a porta do Dique, que comunica co barrio da Magdalena. A construción deste novo barrio, declarado BIC en 1984, levouse a cabo seguindo as pautas racionalistas que adoptaron o estilo neoclásico tanto na construción de novos edificios como na remodelación dos existentes. Destacan o antigo convento de San Francisco, reconvertido en Parador de Turismo; a igrexa de San Francisco; o hospital da Caridade, obra do enxeñeiro militar Sánchez de Aguilera; o edificio do Ateneo Ferrolán, construído en 1762 e restaurado en 1985; e a igrexa concatedral de San Xulián de J. Sánchez Bort. Ademais, no eido da arquitectura relixiosa, cómpre destacar a igrexa parroquial do Socorro no Ferrol Vello, que acolle as imaxes do Cristo dos Navegantes e a Virxe do Socorro, e a capela neoclásica de Dolores. O modernismo foi outro gran momento constructivo en Ferrol. Destacan, entre outras, algunhas casas da rúa Concepción Arenal; o Teatro Jofre (1885-1892), obra de F. Domínguez Coumes--Gay; a casa Pereira (1912); o Hotel Suízo (1913); o Casino ferrolán (1910), obra de R. Ucha Piñeiro; e as casas de Mariño e Romero, tamén de R. Ucha Piñeiro. No barrio de Esteiro sobresaen a porta do estaleiro Bazán, realizada por G. Feal; o Cuartel de Dores, de J. Sánchez Bort, base do Tercio Norte de Infantería de Mariña; o Campus Universitario, situado no antigo Hospital da Mariña; e a casa do Patín, restaurada para acoller a biblioteca universitaria. No eido da escultura decorativa sobresaen o monumento dedicado aos heroes de Brión de G. Feal; o grupo escultórico dos Xardíns da Ranita de X. Braxe; a estatua de bronce do mariño Jorge Juan nos xardíns de Herrera; o monumento aos caídos en África, situado na praza de Galicia e coroado por unha Victoria, obra de F. Asorey; a escultura dedicada a Concepción Arenal, na avenida de Esteiro, obra de X. Cid; e o busto de Gonzalo Torrente Ballester nos xardíns do Campus de Esteiro. Fóra do centro urbano, na parroquia de Serantes, atópase o santuario de Nosa Señora de Chamorro (s XVI). Entre as institucións culturais destacan o Museo Municipal Felipe Bello Piñeiro e a sede da Fundación Caixa Galicia, situada no edificio do antigo goberno militar. Do seu patrimonio natural destaca o espazo da Costa Ártabra, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que teñen lugar no concello sobresaen as celebracións da Semana Santa, declarada de Interese Turístico Nacional, a Noite das Pepitas, que se celebra o 18 de marzo a véspera do día de San Xosé, e as Festas de Amboaxe, en agosto.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Ferrolterra
Extensión 82 Km2
Poboación Total 75181 h
Poboación Homes 3508 h
Poboación Mulleres 40101 h
Densidade de poboación 916.84 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias