Gabón

Gabón
Nome científico: [nome oficial fr: République Gabonaise]

Estado de África ecuatorial que limita ao O co Océano Atlántico, ao NO con Guinea Ecuatorial, o N con Camerún e ao L e S coa República do Congo (267.667 km2; 1.226.000 h [2000]). Esténdense entre os 2° N 4° S de latitude e os 9° 14° de lonxitude L. A capital é Libreville.
Xeografía física

Relevo, hidrografía e climatoloxía
Na parte occidental existe unha franxa costeira de terras baixas, xeralmente de pouca anchura. Cara ao interior unha ampla meseta esténdese polo L, N e S de Gabón. Os Montes de Cristal, situados ao N, acadan unha altura aproximada de 914 m. A máxima altitude está no monte Iboundji (1.575 m), no macizo de Chaillu, no centro do país. O río máis importante é o Ogooué, que desemboca no Océano Atlántico e é navegable ata Ndjolé. O clima é cálido e húmido. A temperatura varía moi pouco ao longo do ano, cunha temperatura media diaria de 26,7°C. A estación seca ten lugar de maio a setembro e de decembro a xaneiro, mentres que as chuvias aparecen principalmente en febreiro e outubro.
Xeografía económica

Economía e sectores de actividade
A economía de Gabón depende principalmente das explotacións mineiras e dos seus recursos forestais. A inflacción en 1997 era do 4% e a poboación activa de 544.000 persoas, cun 45% mulleres. A caída da economía en Gabón foi máis moderada no ano 2000, grazas ás cotizacións do petróleo e das rendas da industria madeireira. No ano 2000 o goberno chegou a un acordo co Fondo Monetario Internacional (FMI), para realizar varias reformas estruturais, así como o saneamento do sector bancario e a rehabilitación das infraestruturas. A agricultura de subsistencia é o sector máis importante da economía e ocupa o 42% da poboación activa. Para o consumo interno cultívase principalmente mandioca, cana de azucre e arroz. Para exportación os cultivos máis importantes son os de cacao e café. Gabón é o maior produtor mundial de ocumé, unha madeira branda moi empregada na fabricación de mobles. A minería experimentou un rápido desenvolvemento nos últimos anos. Os depósitos de ferro localizados en Mékambo, ao NO, posúen reservas estimadas en máis de 500 millóns de t. A explotación do mineral vese dificultada pola ausencia dunha boa infraestrutura de transportes, sobre todo o transporte rodado. As principais refinerías de petróleo localízanse en Port Gentil e Pointe Noire. Gabón posúe un pequeno sector industrial onde a elaboración de artigos de madeira e o refinado de petróleo son as principais actividades e dan traballo só a un 12% da poboación activa. A moeda oficial é o Franco CFA.
Comercio exterior
O comercio exterior presenta un claro balance positivo. Os principais produtos de exportación son o petróleo e os produtos agrícolas, que acadaron en 1999 un valor de 3.125 millóns $ USA. En canto ás importacións no mesmo ano o seu valor chegou aos 1.369 millóns $ USA. Os principais socios comerciais son España, EE UU, Francia, Alemaña e Xapón.
Transportes e comunicacións
Gabón dispón de 7.800 km de estradas, das que só o 8% están asfaltadas. Unha autoestrada de 869 km cruza Gabón de N a S e enlaza o país con Loubomo e a República do Congo. A construción de liñas férreas comezou na década de 1970 coa liña Trans-Gabón, que na actualidade dispón de 683 km. Os principais portos son Pointe Noir e Port Gentil.
Xeografía humana

Demografía
O crecemento da poboación non é moi elevado (2,4%), debido a un alto índice de mortalidade infantil (85,4‰ [1998]) e mortalidade (13,2‰ [1998]). A esperanza de vida é baixa: 54 anos para os homes e 60 para as mulleres (1998). Na estrutura por idades o 32,29% ten menos de 15 anos, o 60,77% entre 15 e 64 e o 5,94% con máis de 64.
Poboamento
A densidade de poboación é de 4,5 h/km2, cunha distribución desigual, coa maior parte das áreas interiores deshabitadas. A maior parte da poboación vive en áreas urbanas (81,4% [2000]). As principais cidades son a capital, Libreville (362.386 h [1993]), Port Gentil (80.841 h [1993]) e Lambaréné (23.816 h [1993]).
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
En todo o país hai aproximadamente uns corenta grupos étnicos, os máis numerosos son: fang (32%), sira-punu (12%), njebi (8%), bakota (5%), mbede (7%) e omyene (4%). Os habitantes europeos, especialmente os franceses, forman unha minoría. Os habitantes orixinarios do país foron os pigmeos, pero só quedan uns miles desta etnia. A lingua oficial é o francés (lingua que se usa no goberno, nas leis, nas forzas armadas e na educación). Pero tamén se falan ao longo de todo o territorio linguas do phylum níxer-congo da familia bantú (entre elas, o fang, sira, njebi, mbede, omyene, duma, punu e o kili) e unha lingua da familia adamawa-ubanguiana (o baka). O 50% da poboación é católica, o 18% protestante, o 19% animista e o 1% musulmana. A escolarización é obrigatoria entre os 6 e 16 anos. En 1999, 265.244 alumnos asistían anualmente ás escolas primarias e 86.543 ás secundarias.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1999 situaba a Gabón entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 109º posto cun índice do 0,617). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 52,6 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 63% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 86%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 6.024 $ USA.
Goberno e política
Independizouse dos franceses o 17 de agosto de 1960. Pola nova Constitución de marzo de 1991, que foi modificada en 1995, o presidente da república pasou a ser elixido por sufraxio directo para un período de cinco anos. O poder executivo correspóndelle ao presidente, elixido por votación popular para un período de sete anos. O poder lexislativo reside nun sistema bicameral, formado polo Sénat, integrado por 91 membros elixidos polos conselleiros locais e departamentais para un período de seis anos, e a Assemblée Nationale, con 120 membros, elixidos por sufraxio universal para un período de cinco anos. O máximo órgano de xustiza é a Cour Supreme (Corte Suprema). O sistema xudicial está integrado por tres cámaras: xudicial, administrativa e de contas. Non acepta a xurisdición da Corte Penal Internacional e permanece en vigor a pena de morte. Os partidos políticos máis importantes son: Parti Démocrátique Gabonais (PDG); Rassemblement National des Bucherons (RNB); Union du Peuble du Gabon (UPG); e Parti Gabonais du Progrès (PGP). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Organización da Conferencia Islámica (OCI), ONU, OUA, Comisión do Golfo de Guinea e é membro asociado da UE.
Historia

Os primeiros contactos cos europeos
Durante o s XIV formou parte do Reino de Loango, que se estendía polas costas dos actuais Gabón e Congo, sometido ao dominio do Reino do Congo. Descuberto para os europeos polo portugués Diogo Cão (1484), converteuse nun activo centro do tráfico de escravos, explotado polos portugueses ata o s XVII, e posteriormente polos holandeses e ingleses. Dende o s XVIII, os franceses fixéronse co control e no 1839 o mariño francés Bouet Willaumez creou unha base para os barcos encargados de reprimir o tráfico. En 1849 fundouse Libreville, refuxio dos escravos liberados. A partir de 1862 os misioneiros emprenderon a evanxelización da poboación, mentres os franceses, despois de consolidar a súa posición na costa, emprenderon a exploración das rexións do interior a través dos cursos fluviais.
O período colonial
Savorgnan de Brazza explorou a conca do Ogooué desde 1875 e obtivo a submisión dos líderes locais. O Congreso de Berlín (1885) fixou as fronteiras entre o Camerún alemán e o Gabón francés. En 1888 o territorio gabonés foi declarado colonia francesa e ao ano seguinte iniciouse a explotación da madeira de ocumé. No 1900 definíronse as fronteiras entre Gabón e a colonia española de río Muni. Trala creación da África Ecuatorial Francesa (AEF), Gabón integrouse nela en 1910. A explotación do territorio realizárona compañías concesionarias, que se centraron na extracción de caucho e madeira de ocumé, ademais do marfil e obrigaron á poboación indíxena a realizar traballos forzados para elas. Na Primeira Guerra Mundial participaron con tropas no esforzo bélico francés e despois do conflito numerosos colonos de orixe francesa introducíronse na explotación madeireira. Trala crise de 1929 o negocio caeu e Gabón non experimentou unha recuperación económica ata 1935, cando comezou a perforación dos primeiros pozos petrolíferos. Durante a Segunda Guerra Mundial producíronse duros enfrontamentos entre os colonos que defendían o réxime de Vichy e os partidarios do xeneral Ch. De Gaulle. A finais de 1941 a administración colonial pasou a ser dirixida polo xeneral Ch. De Gaulle. Trala guerra converteuse nun territorio de ultramar (1946) e nas eleccións lexislativas de novembro dese ano Jean Hilaire Aubame foi elixido deputado da Assemblée Nationale francesa. En 1947 J. H. Aubame fundou a socialdemócrata Union Democratique et Sociale de Gabonaise (UDSG) e Leon M’Ba o conservador Bloc Democratique Gabones (BDG). Nas eleccións municipais de 1956 Leon M’Ba foi elixido alcalde de Libreville.
A independencia e os gobernos de Albert Bernard Bongo
Obtivo a autonomía en 1957 e no mesmo ano comezou a explotación petrolífera intensiva do país. Converteuse en república no marco da Comunidade Francesa, e xunto coa República Centroafricana, o Chad e o Congo Brazzaville, constituíu unha unión económica e aduaneira (1959). Acadou a plena independencia en 1960 e Léon M’Ba foi primeiro ministro. Unha reforma no sistema político unificou ambos partidos nunha lista única e Léon M’Ba foi elixido presidente mentres J. H. Aubame se ocupaba do ministerio de Asuntos Exteriores. Trala morte de Léon M’Ba (1967) sucedeuno directamente o seu vicepresidente Albert Bernard Bongo. En marzo de 1968 Bongo disolveu o BDG e constituíu un réxime apoiado no partido único Parti Démocrátique Gabonais (PDG) desde 1968. Acentuou a liña de cooperación con Francia en todos os niveis, incluso na política exterior e facilitou os investimentos estranxeiros. Impulsou unha política de desenvolvemento dependente dos ingresos derivados do petróleo, pero no interior mantivo a represión contra calquera forma de protesta ou disensión no país. No 1973 o presidente Bongo converteuse ao Islam e adoptou o nome de Omar. Durante a década de 1970 diversificou as relacións cos países do bloque soviético e co mundo árabe. Foi reelixido presidente en decembro de 1979 nunhas eleccións nas que foi o único candidato. No 1980 apareceu un movemento clandestino, o Mouvemennt de Redressement National (MORENA), que reuniu os membros da oposición democrática e constituíuse como goberno no exilio en Francia (1985). As fortes caídas dos prezos do petróleo (1984-1986) obrigaron a un axuste estrutural que provocou fortes tensións sociais e unha recesión económica. Os intentos de atraer inversores e empresas estranxeiras a Gabón víronse limitados polo control estatal sobre a economía. Presionado polas manifestacións populares (1987-1989) e as folgas a comezos de 1990, Bongo convocou unha Conferencia Nacional, autorizou a instauración do multipartidismo no país e o nomeamento dun goberno de transición. Non obstante , a crise provocada en agosto de 1991 pola Guerra do Golfo, co aumento dos prezos do petróleo, levou a unha volta á normalidade. Nas eleccións de outubro seguinte saíu vencedor o PDG cunha reducida maioría sobre o conxunto da oposición. En decembro de 1993 Bongo foi reelixido presidente entre acusacións de fraude electoral pola oposición. A represión polo goberno dos motíns en Libreville e Port-Gentil provocou numerosos mortos en febreiro de 1994. Despois dunha rolda de conversas en París, entre setembro e novembro de 1994, os representantes dos principais partidos acordaron un código de conduta democrática, a celebración de eleccións lexislativas nun curto prazo, a creación dunha comisión electoral independente para organizalas e a apertura do goberno a outros partidos. O presidente Bongo acadou a maioría nun referendo que se celebrou en xullo de 1995 respecto a unha reforma constitucional. Nas eleccións para a Asemblea Nacional de decembro de 1996 o PDG de Bongo acadou a maioría. Despois das eleccións municipais o líder da oposición, Paul Mba-Abessole, do RNB, converteuse en alcalde de Libreville. Tras unha revisión da Constitución en abril de 1997 o mandato presidencial pasou de cinco a sete anos. Nos comicios presidenciais de decembro de 1998 Bongo foi reelixido entre as acusacións de fraude do alcalde e líder da oposición Mba-Abessole. O presidente Bongo nomeou a Jean-François Ntoutoume Emane primeiro ministro en xaneiro de 1999, entre fortes protestas que obrigaron o goberno a pechar as escolas e universidades. A oposición rexeitou participar no novo goberno. Nas eleccións lexislativas do 2001 o PDG de Bongo acadou de novo a maioría.