Galahad

Galahad
[LIT/MIT]

Cabaleiro artúrico, fillo de Lanzarote e Helaine, filla do custodio do Graal, o Rei Pelles. Segundo conta o Livre de Lancelot du Lac, do ciclo da Vulgata (1215-1230), Helaine estaba namorada de Lanzarote, quen, amante fiel da raíña Xenebra, a rexeitaba. Unha noite preparou un encantamento, adoptou a aparencia da raíña e xaceu co cabaleiro. Desa unión naceu Galahad. O personaxe, que aparece por primeira vez no ciclo da Vulgata, foi retomado polo ciclo da Post-Vulgata (1230-1240) e é, xa que logo, protagonista da Demanda do Santo Graal portuguesa. En ambos os dous casos o seu papel é o de cabaleiro do Santo Graal, predestinado a atopar a reliquia e a dar fin ás aventuras do reino de Logres. Neste sentido vén substituír a Perceval, heroe do Graal nas primeiras versións da historia. Representa a cabalería celestial, oposta á cabalería terrea, combatente de Cristo, inmune ás tentacións, devoto e virxe, semellante en moitos aspectos aos monxes guerreiros das ordes militares, como a dos Templarios. Simboliza, ademais, un papel redentor, chamado a superar o reino das tebras do mundo secular e mensaxeiro dos novos tempos de vitoria espiritual. Foi esta dimensión redentora e renovadora a que destacou Ramón Cabanillas en Na noite estrelecida, poema cívico e alegórico no que Galahad é portador da liberación do pobo galego.