Galaxia, Editorial

Galaxia, Editorial

Empresa editorial constituída en xullo de 1950 en Santiago de Compostela coa finalidade de revitalizar a cultura galega a través dos libros. O seu primeiro consello de administración estaba presidido por Ramón Otero Pedrayo, e xunto a el en diferentes cargos Manuel Gómez Román, F. Fernández del Riego, Xaime Isla Couto, Sebastián Martínez-Risco, Antonio Fernández López e Xesús Ferro Couselo. O seu primeiro director literario foi Ramón Piñeiro. A partir do 3 de novembro de 1950 comezaba a desenvolver o seu labor editorial en Vigo. Daquela os seus obxectivos principais eran: promover e coordinar os esforzos dos escritores para difundir a súa obra e seleccionar un plan de edicións adecuado á realidade literaria de Galicia. Deste xeito, tentábase crear unha biblioteca que abranguese unha multiplicidade de temas relacionados co país, como a natureza, a economía, a historia e, sobre todo, a literatura. Ademais, procurábase potenciar o número de traducións ao galego e promover unha serie de publicacións periódicas, como no caso de Grial, que difundisen a realidade intelectual de Galicia. En abril de 1951 apareceu a primeira obra publicada pola editorial, titulada Antífona da Cantiga, de Ramón Cabanillas; esta edición contaba cun estudo sobre a poesía popular galega, unha antoloxía da copla e unha serie de comentarios filolóxicos de Isidoro Millán. Ao mesmo tempo, apareceu un volume co que se iniciaba a “Colección Grial” e que levaba por título Presencia de Galicia. Posteriormente, inaugurouse a serie “Manuales” coa Historia de la Literatura Gallega, de Fernández del Riego, e Historia de Galicia, de Vicente Risco. A continuación creáronse as coleccións “Biblioteca Pondal”, “Colección Literaria” e “Ensayos”, que comezou coa edición de 7 Ensayos sobre Rosalía. A partir de 1959 viron a luz as series “Monografías de Arte Novo” e “Illa Nova”. Un fito destacado deses anos foi a publicación en tres tomos do Dicionario Enciclopédico gallego-castellano, de Eladio Rodríguez, das Cantigas déscarnho e de mal dizer, reunidas por Rodrigues Lapa, e a tradución do tratado filosófico Da esencia da verdade, de Heidegger, acompañado dunha carta-prólogo do propio filósofo. En 1958 naceu no seu seo a Revista de Economía de Galicia e en 1963 a revista de cultura Grial. En 1978 foi nomeado Bieito Ledo primeiro director-xerente, en substitución de Valentín Arias; neste período que vai ata 1985 aumentaron as coleccións, potenciouse o libro infantil e creouse a Biblioteca da Cultura Galega (50 tomos). O 15 de xaneiro de 1986 accedeu ao cargo de director xeral Carlos Casares. Á súa morte, foi substituído en outubro de 2002 por Víctor Freixanes.

Palabras veciñas

galaxia | Galaxia | Galaxia | Galaxia, Editorial | Galba, Martí Joan de | Galba, Servio Sulpicio | galbán -na