Foz

Foz


Concello cabeceira da comarca da Mariña Central, situado na provincia de Lugo no NL da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co Mar Cantábrico e o concello de Burela (A Mariña Central), ao L co concello de Barreiros (A Mariña Oriental), ao S cos de Lourenzá, Mondoñedo e Alfoz (A Mariña Central )e ao O cos do Valadouro (A Mariña Central) e Cervo (A Mariña Occidental). Abrangue unha superficie de 100,3 km 2 cunha poboación de 9.841 h (2007), distribuídos nas parroquias de Cangas, Cordido, Fazouro, Foz, Nois, San Martiño de Mondoñedo, Santa Cilla do Valadouro, Santo Acisclo do Valadouro e Vilaronte. A capital municipal é a vila de Foz, situada a 43° 34’ de latitude N e 7° 17’ de lonxitude O, 89 km ao N de Lugo e 154 km ao NL de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Viveiro e á diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Xeografía física
O concello de Foz sitúase baixo o dominio climático oceánico húmido, caracterizado por unhas temperaturas e precipitacións medias moderadas. A temperatura media anual é de 14,1° C. A temperatura media mínima correspóndelle ao mes de xaneiro, con 8,7° C e as máximas, frescas (18,6° C en Agosto). A oscilación térmica é, polo tanto, escasa (9,9° C), dada a acción moderadora do Mar Cantábrico. As precipitacións son moderadas e sitúanse nos 930 mm, cun réxime pluviométrico con máximo no inverno, aínda que se pode dicir que os veráns son chuviosos, pois non existe ningún mes seco a pesar da mingua das precipitacións nos meses centrais do ano. As moderadas precipitacións están provocadas pola situación latitudinal do concello e pola acción do relevo (as serras setentrionais mantéñeno abrigado dos ventos húmidos do SO). Xeomorfoloxicamente o concello de Foz caracterízase pola presencia de catro unidades diferenciadas: a rasa cantábrica, chaira litoral elevada que discorre paralela á costa; os vales dos principais ríos (Moucide, Ouro, Centiño e Masma) que, con dirección SO-NL percorren o concello dende o interior á costa, e cortan a rasa cantábrica para desembocar dous deles, Ouro e Masma, nas rías de Fazouro e Foz, respectivamente; as aliñacións montañosas que discorren paralelas á rasa cantábrica e que non superan os 500 m (484 m no alto de Virín e 432 en Pico Cornería), entre as que se sitúa o val do Centiño; e finalmente, a depresión do Valadouro, na parte SO do concello. O termo está formado predominantemente por rochas metamórficas (lousas, xistos e gneises) a excepción da área situada ao SO, granítica, e os vales fluviais e a rasa, cubertas de sedimentos aluviais e mariños, respectivamente. O 42% do territorio focense está cuberto por masas arbóreas, dominadas polo eucalipto, seguido, a moita distancia, do piñeiro. As masas de bosque caducifolio son testemuñais; non obstante, pódense atopar bosques de ribeira a carón dos principais ríos do concello, así como vexetación halófila nas rías de Fazouro e Foz.
Xeografía humana
O concello de Foz experimentou no últimos século un moderado crecemento demográfico, pasando dos 6.514 h que posuía en 1900 aos 9.488 h do censo de 2001 e os 9.841 h do padrón de 2007. O territorio focense sempre tivo unha dinámica demográfica positiva a excepción da década de 1960. Dende principios de século a intensa emigración que sufriu o concello viuse contrarrestada cun alto crecemento vexetativo que fixo medrar a poboación. Dende a década de 1940 o freo ao incremento poboacional fíxose apreciable, cun descenso das taxas de crecemento medio anual que culminou no ano 1970, cando a poboación focense descendeu respecto á censada en 1960. Non obstante, a industrialización e o auxe do comercio e o turismo fixeron que o crecemento demográfico se recuperase e fose máis forte que a principios de século, ata concluir cun incremento do 46% entre 1900 e 1996. Entre 1996 e 2001 o crecemento situouse nun % e entre 2001 e 2007 no %. O crecemento vexetativo (2006) é negativo (-4,3‰), cunha natalidade baixa (6,7‰) e unha mortalidade relativamente elevada (11‰). A poboación concéntrase nun 83% na costa (en concreto, máis da metade reside na vila de Foz), mentres que no interior a ocupación é máis feble. O avellentamento demográfico é patente no concello, especialmente nas parroquias do interior, cunha porcentaxe de maiores de 65 anos (22,3%) mentres que os menores de 20 anos representa o 14,9%; o grupo intermedio representa o 62,8%. Só o 60% das vivendas están ocupadas habitualmente, o resto ocúpanse en temporada turístico.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Fornelos de Montes é do 47,7% (61,8% a masculina e 35% a feminina); a taxa de ocupación é do 42,6% (57,3% a masculina e 29,2% a feminina) e a taxa de paro é do 10,8% (7,3% a masculina e 16,5% a feminina). Na estrutura socioprofesional da poboación destaca con forza o sector terciario (33,7% da poboación ocupada), seguido do sector primario (15,5%, repartido entre un 9% da agricultura e gandería e un 6,5% da pesca), e da industria (18,8%), mentres que a construción só representa o 13,7%. O sector agropecuario está en regresión, tanto a agricultura como a pesca: a escasa rendibilidade das pequenas explotacións agrarias e a perda da importancia pesqueira do porto de Foz favorecen o descenso do número de traballadores ocupados no sector. A superficie agraria útil (SAU) é pequena, pois só representa o 32% da superficie municipal. Os principais cultivos son o millo, as patacas, os pastos para forraxe, os legumes (fabas) e as hortalizas (leituga, tomate, cenoria, etc). A gandería non presenta a importancia doutros concellos da Mariña, aínda que existen unhas 300 explotacións de bovino, especialmente no interior do concello, das que pouco máis do 10% superaba as 20 cabezas (1997). O sector secundario non destaca excesivamente, pero Foz beneficiouse da instalación de Alúmina-Aluminio na veciña San Cibrao (Lieiro, Cervo), a onde diariamente se desprazan moitos traballadores residentes no concello. Dentro da industria local, caracterizada polo reducido tamaño das empresas, destacan Industrias Pardiñas, S A, a maior do concello, tanto en número de empregados como en volume de negocio, dedicada á produción de ladrillos, ademais dalgúns serradoiros, carpinterías de aluminio e pequenos estaleiros. Son importantes as canteiras de caolín da parroquia de Santa Cilla do Valadouro e as de arxilas en Fazouro. Polo que respecta ao sector terciario, o máis relevante no concello, a capital municipal concentra a gran maioría dos servicios do termo municipal, que desenvolve as funcións dunha pequena cidade terciaria cunha limitada área de influencia. O comercio, coa cuarta parte dos traballadores do sector, é a rama máis destacable. Na vila destacan toda unha serie de servicios comerciais en réxime de franquicia, aínda que o que domina é o comercio tradicional. Tamén acada importantes porcentaxes de ocupados na educación, pois o concello conta con cinco centros públicos de educación infantil e primaria (dous deles privados) e un instituto de ensino medio e formación profesional. A hostalería é fundamental para a economía do concello, especialmente na época estival, cando a poboación municipal se triplica pola afluencia de turistas. As principais vías de comunicación que cruzan o concello son a estrada nacional N-642, que discorre pola costa, e as estradas locais LU-152, LU-631 e LU-151, que comunican o litoral co interior do concello e da comarca.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos pertencen á cultura castrexa, entre outros, os castros de Fazouro, Llás, Punta dos Castros e Marzáns, onde foi atopado un torque de ouro. As pegadas romanas rastréxanse nos numerosos restos de fundición de ferro atopados no interior do concello. Pode ser que esta riqueza se reflectise no nome de Foz (fouce) e no de Fazouro (face aurea). As primeiras referencias documentais datan do s IX cando Sabarico, bispo de Dumio, estableceu unha nova sé episcopal no mosteiro de San Martiño de Mondoñedo. Na sé mindoniense destacou Gonzalo, o Bispo Santo, ao que a tradición lle atribúe o afundimento das naves normandas que atacaron a costa entre finais do s XI e principios do XII. Foi liberada dos tributos señoriais polos Reis Católicos trala execución do mariscal Pardo de Cela. Durante a Idade Moderna foi un dos portos máis importantes da cornixa cantábrica con rutas con Inglaterra, Flandres e Portugal. Desde o s XV contou cunha serie de estaleiros dedicados á fabricación de barcos para a pesca da balea, principal actividade da vila. No s XVI a actividade económica diversificouse pero tralo asinamento do Tratado de Utrecht, no que se perderon as prerrogativas da pesca da balea, a vila iniciou unha fase de recesión económica. Malia terse desenvolvido desde mediados do s XVIII o cultivo da pataca, o millo e o esparto, a situación económica obrigou a numerosos focegos a emigrar. As parroquias que integran o actual concello de Foz pertenceron durante o Antigo Réxime a tres xurisdicións da provincia de Mondoñedo: dúas delas, a de Nois (que integraba ás parroquias de Cangas, Cordido, Fazouro e Nois, ademais da de Moucide, integrada no concello do Valadouro) e a de Foz (Foz, Santa Cilla do Valadouro e Santo Acisclo do Valadouro), eran señorío do bispo de Mondoñedo; a outra, a de Vilaronte, incluía as parroquias de San Martiño de Mondoñedo e Vilaronte. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a substitución dos señoríos por unha administración municipal que se concretou na creación do concello de Nois, vixente entre 1820 e 1823. A derrogación da Constitución decretada por Fernando VII en novembro de 1823 significou a restauración do réxime señorial ata que en 1835, tralo pasamento do rei, se recuperou definitivamente o municipalismo. Daquela as xurisdicións convertéronse nos concellos de Foz, San Xiao de Nois e Vilaronte (este último agregou a parroquia de Oirán, que constituía no Antigo Réxime un couto redondo; ademais, o concello de San Xiao de Nois). En 1840 estes tres concellos fusionáronse no de Foz, que acolleu todas as súas parroquias agás as de Oirán, que pasou ao concello de Alfoz. Pola súa banda, a parroquia de Moucide integrouse no Valadouro en 1857. Desde a década de 1960, a recuperación da pesca, a creación do complexo industrial de Alcoa e o auxe do turismo paralizaron o fenómeno migratorio.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan a igrexa de San Martiño de Mondoñedo, declarada BIC en 1931, cunha primeira fundación no s VI atribuída a san Rosendo, e construída no s X baixo o mecenado do Bispo Santo; as igrexas de Cordido, Cangas e Santo Domingo de Foz, na que se conservan imaxes atribuídas a Juan Bautista de Celma (s XVIII); e as capelas de San Xian de Nois, Santa Icía e do Santo Bispo. No eido da arquitectura civil destacan, entre outros, os restos do castelo da Frouxeira (s XV), propiedade do mariscal Pardo de Cela e destruído polos Reis Católicos, o pazo dos condes de Fontao (Fazouro), a casa do Lagar (Cangas), a casa brasonada de Vilarmeá (Fazouro), a casa señorial de Covas (Nois) e as casas indianas de Cangas, Nois e Vilaronte. Da arquitectura popular destacan o hórreo da casa do Lagar (Cangas), a fonte de Zapata (San Martiño de Mondoñedo), de augas milagreiras, e os numerosos cruceiros e petos de ánimas repartidos por todo o concello. Do seu patrimonio natural destaca o espazo da Ría de Foz-Masma, declarada Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran cómpre destacar as do Carmen, durante as que a vila de Foz se cobre de alfombras florais, as de San Lourenzo e a romaría do Bispo Santo.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Mariña Central, A
Extensión 100 Km2
Poboación Total 9841 h
Poboación Homes 4801 h
Poboación Mulleres 504 h
Densidade de poboación 98.41 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias