Frades
Concello da comarca de Ordes, situada na provincia da Coruña no N da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello de Mesía, ao L cos de Mesía e Boimorto (comarca de Arzúa), ao S cos de Arzúa e O Pino (Arzúa) e Oroso, e ao O co de Ordes (ambos os dous de Ordes). Abrangue unha superficie de 81,7 km 2 nos que acolle unha poboación de 2.817 h (2007), distribuídos entre as parroquias de Abellá, Aiazo, Añá, Céltigos, Frades, Gafoi, Galegos, Ledoira, Mesos, Moar, Papucín e Vitre. A capital municipal é Cimadevila, na parroquia de Frades, situada a 43° 3’ de latitude N e 8° 17’ de lonxitude O, 52 km ao S da Coruña e 38 km ao NL de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Ordes, e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O concello de Frades sitúase nunha área de transición do dominio climático oceánico húmido ao dominio climático oceánico continental. Posúe unhas temperaturas medias anuais moi suaves, de 11,9° C. A temperatura media mínima é a de xaneiro, mes no que se rexistran 7,5° C, e a máxima a de agosto, con 17,2° C, o que significa unha oscilación térmica inferior aos 10° C. As precipitacións son elevadas (1.467 mm) como consecuencia da exposición directa ás masas de aire húmidas procedentes do océano. As precipitacións concéntranse no inverno, mentres que o verán é a estación na que se recolle menos volume de chuvias, aínda que non se rexistra seca. Xeomorfoloxicamente Frades constitúe un territorio ondulado, sen accidentes do relevo significativos (o punto máis elevado do concello, o monte San Nicolás, só acada os 423 m de altitude, mentres que o máis baixo sitúase a 280 m). Isto débese á súa litoloxía, dominada polos xistos e as lousas, rochas metamórficas de orixe sedimentaria, laminadas e, polo tanto, doadamente erosionables; a excepción constitúena algúns filóns de cuarcitas de escasa importancia no conxunto do territorio municipal. A rede fluvial artéllase ao redor da conca do río Tambre, que constitúe a fronteira natural meridional cos concellos de Arzúa e Boimorto; entre os seus afluentes destaca o Maruzo, que recolle as augas da maior parte dos regos que drenan o concello. A vexetación autóctona caducifolia viuse marxinada a pequenos bosques de ribeira polas plantacións de eucaliptos e piñeiros, moi abondosos no concello de Frades.
Xeografía humana
A evolución demográfica experimentada polo concello de Frades no s XX reflicte un estancamento que, sen embargo, cómpre matizar, pois 1950 constituíu un punto de inflexión na súa dinámica. A finais do s XIX (1900) Frades sumaba 3.328 h, o que significa que entre esa data e 1996, cando se rexistraban 3.179 h, a poboación descendeu un 4,5%. Na primeira metade do século a poboación de Frades medrou lenta, pero paulatinamente, como consecuencia do forte crecemento vexetativo, a pesar da intensidade coa que lle afectou a emigración a ultramar. Non obstante , dende 1950, data na que acadou o maior número de censados (4.654 h), o descenso da poboación foi continuo. A emigración cara ás principais áreas industriais españolas e cidades galegas (fundamentalmente Santiago de Compostela e A Coruña) foron as principais responsables deste descenso demográfico. Froito desta evolución negativa na segunda metade do século, o concello sofre un importante grao de avellentamento, pois os maiores de 65 anos representan o 25,6% da poboación fronte ao 12,1% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 62,3% . A distribución por sexos, está equilibrada (50,08% de mulleres e 49,91% de homes). O crecemento natural (2006) é negativo (-8,8‰) froito dunha baixa natalidade (2,6‰) e unha elevada mortalidade (11,4‰).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Frades é do 50,4% (59,8% a masculina e 41,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 46,1% (55,6% a masculina e 36,8% a feminina) e a taxa de paro é do 8,6% (7,1% a masculina e 10,7% a feminina). A economía do concello aséntase sobre as actividades agropecuarias e en especial sobre a gandería bovina orientada á produción láctea. A importancia deste sector, que dá emprego ao 35,8% dos traballadores ocupados, vén favorecida polas amplas superficies dedicadas a prados e pastos (30% do total), así como polo proceso de modernización das explotacións familiares. Frades conta cun total de 2.700 cabezas de gando bovino en 474 explotacións, das que unha terceira parte conta con máis de vinte vacas. As producións de leite e queixo son destacables no conxunto municipal e comarcal. O sector secundario ocupa, en conxunto, ao 34,2% dos traballadores residentes no concello, o 20% na industria e o 14% na construción. As empresas son de carácter familiar, como serradoiros, ou cooperativo, como a fábrica de pensos, aínda que moitos veciños do concello desenvolven a súa xornada laboral en empresas que radican noutros concellos próximos, fundamentalmente en Ordes, Curtis e Santiago de Compostela, aos que se desprazan diariamente. O sector terciario, que proporciona o 29,5% do emprego, participa tamén desta corrente pendular cotiá, aínda que, polo que se refire ás actividades comerciais, a vila de Ponte Carreira, na parroquia de Gafoi, ao S do municipio e á beira da estrada nacional N-634, exerce de pequeno centro comercial. Malia todo a dependencia funcional respecto a Ordes e Santiago de Compostela é moi notoria. A hostalería tamén está bastante desenvolvida, coa presencia dalgúns restaurantes e hostais situados á beira da estrada N-634, principal vía de comunicación.
Historia
Os únicos achados arqueolóxicos que se conservan datan da época romana e pertencen a unha vía ao SL de Gafoi. A historia do concello está relacionada coa súa posición xeográfica entre dous puntos de poder eclesiástico durante a Idade Media, a arquidiocese de Santiago de Compostela e o mosteiro de Sobrado dos Monxes. Vinculado ao poder señorial foi sempre un lugar de paso. As parroquias que integran o actual concello de Frades pertenceron durante o Antigo Réxime á provincia de Santiago. Dúas eran as xurisdicións nas que se repartía daquela o seu territorio: a de Folgoso, que baixo o señorío dos condes de Altamira incluía as parroquias de Frades, Galegos, Mesos, Moar e Papucín; e a de Mesía, dominio do arcebispo compostelán sobre as parroquias de Abellá, Aiazo, Añá, Céltigos, Gafoi, Ledoira e Vitre (á parte de outras que non forman parte do actual concello). A Constitución proclamada en Cádiz en 1812 significou a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio, que se concretou aquí na conversión en concellos das xurisdicións de Folgoso e Mesía. En 1822 ambos os dous foron adscritos á nova provincia da Coruña. A derrogación da Constitución decretada en novembro de 1823 polo Rei Fernando VII supuxo a disolución destes concellos, que se estableceran en 1820, e a restauración do réxime señorial. A definitiva implantación do municipalismo produciuse en 1835, cando se consituíu o concello de Frades, que recibiu a denominación da parroquia onde se localizan os distintos lugares que asumiron a condición de capital municipal. Dende entón, este concello non esperimentou ningunha alteración dos seus límites.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos mencionados, no eido da arquitectura relixiosa sobresaen as igrexas de Santa Mariña de Gafoi, románica, San Martiño en Ledoira, barroca, e San Martiño de Galegos, neoclásica; e as ermidas de San Roque de Moar, A Madanela (San Mauro) construída en 1668, e a de San Nicolao. Entre os pazos e casas señoriais que se conservan destacan o pazo de Galegos (Galegos), a casa do Fogueteiro (Aiazo), o pazo do Peñasco (Abellá), o pazo de Queirís (Moar) e o casón de Quintá de Arriba. Do seu patrimonio natural destaca o espazo do Río Tambre, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas salientan as de Augas Santas, a de San Paio en Añá e a de San Nicolao.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Ordes |
| Extensión | 81 Km2 |
| Poboación Total | 2817 h |
| Poboación Homes | 1406 h |
| Poboación Mulleres | 1411 h |
| Densidade de poboación | 34.78 h/Km2 |