fresco -ca

fresco -ca

(< xerm *frĭsk ‘novo,áxil’)

  1. adx

    Que está moderadamente frío.

    Ex: Gústame a cervexa fresca pero non tan fría coma esta.

  2. adx
    1. Aplícase á cousa que dá sensación de frescura.

      Ex: Usa colonias frescas.

    2. Aplícase ao tecido delgado e de pouco abrigo.

  3. adx
    1. Que se obtivo ou produciu recentemente.

      Ex: As pegadas na lama aínda estaban frescas. Veu moi contenta porque traía diñeiro fresco. Quedamos para falar hoxe porque ten noticias frescas.

    2. Que ten pouco tempo e conserva por tanto as súas calidades.

      Ex: O peixe fresco ten as galas vermellas e os ollos brillantes.

    3. Que non foi sometido a procesos de conxelación, conservación ou outro tipo de manipulación culinaria.

      Ex: O médico aconselloulle comer moitas verduras frescas.

  4. adx

    Que non está seco de todo porque hai pouco tempo que se realizou.

    Ex: A placa de cemento estaba fresca e non se podía tocar.

  5. adx
    1. Aplícase á persoa que mostra un aspecto xuvenil.

      Ex: Tiña unha cara fresca sen engurras.

    2. Aplícase á planta que ten forza e vigor.

      Ex: Tiña unha viña fresca e coidada.

  6. adx

    Que non ten ou non manifesta cansazo ou fatiga.

    Ex: Traballa todo o día e á noite está tan fresca.

  7. adx e s

    Aplícase á persoa que actúa con descaro e sen miramentos.

    Ex: É un fresco, sempre fai o que lle apetece sen pensar en que pode molestar.

  8. s m

    Frío moderado.

    Ex: Estes días traio chaqueta porque vai fresco.

  9. [ARTE]
    1. s m

      Técnica pictórica mural que consiste en pintar, sobre unha preparación composta dunha revocadura de cal e area empregando cores diluídas con auga que se fixan mentres o lucido se mantén húmido. Recibe tamén o nome de fresco bo ou fresco auténtico para distinguila do fresco seco. Trátase da pintura mural por excelencia. Unha variante consiste en conseguir unha superficie brillante mediante unha prancha de ferro quente estucado ao lume. Sobre a capa de lucido, facíase o debuxo directamente e dende o ano 1500 empregáronse os cartóns. Tiña que traballarse con rapidez pois a revocadura seca moi rápido, polo que os retoques e as correccións son moi difíciles de facer. Foi moi practicada en países secos pois se a humidade penetraba na parede a revocadura podía agretarse. Empregouse nas pinturas murais gregas e pompeianas e Vitrubio describiu unha técnica moi semellante a esta. O seu emprego xeneralizouse en Italia a partir do s XV e estendeuse por Europa durante o Renacemento. Nesta técnica destacaron, entre outros, Giotto, Masacio, Piero della Francesca, Raffaelo nas Stanze do Vaticano e Michelangelo na Capela Sixtina. No s XVIII, no que destacou Tiepolo, o seu uso foi diminuíndo e no s XIX recuperárono os nazarenos alemáns. No s XX foi empregada polos muralistas mexicanos José Clemente Orozco, Diego Rivera e David Alfaro Siqueiros.

    2. fresco seco

      Técnica pictórica mural na que as cores se aplican sobre un lucido seco. As cores adoitaban ser pigmentos moídos e disoltos en auga de cal ou eran á témpera. No N de Europa e en España utilizábase a auga de cal, polo que había que humedecer o xeso antes de pintalo. Empregouse tamén na finalización dun fresco bo, pois permitía engadir detalles.

Frases feitas

  • 2 Que está pintado coa técnica do fresco.

  • Á fresca. Nun sitio ou ambiente moderadamente frío.

  • Ao fresco 1 Nun lugar con pouca temperatura.

  • En fresco. No mesmo momento, sen deixar pasar tempo.

  • Quedar un tan fresco. Non se inmutar.

  • Tomar o fresco. Gozar do aire libre.