Friol
Concello da comarca e da provincia de Lugo, no centro da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Guitiriz e Begonte (comarca da Terra Chá), ao L co de Lugo, ao S cos de Palas de Rei (A Ulloa) e Guntín, e ao O cos de Sobrado e Toques (Terra de Melide). Abrangue unha superficie de 292 km 2 , nos que acolle unha poboación de 4.911 h (1996), distribuídos nas parroquias de Anafreita, Anxeriz, Bra, Carballo, Carlín, Cotá, Friol, Guimarei, Guldriz, Lamas, Lea, Madelos, Miraz, Narla, Nodar, Ousá, O Pacio, Prado, Ramelle, Rocha, Roimil, San Cibrao da Pregación, San Martiño de Condes, Santalla de Devesa, Seixón, Seoane da Pregación, Serén, Silvela, Trasmonte, Vilafiz, Vilalvite e Xiá. A capital municipal é a vila de Friol, situada a 43° 1’ de latitude N e a 7° 47’ de lonxitude O, 24 km ao O de Lugo e 91 km ao L de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial e á diocese de Lugo.
Xeografía física
O concello de Friol está situado baixo o dominio climático oceánico continental. As temperaturas son bastante frescas ao longo do ano, cunha temperatura media anual de 10,7° C. As temperaturas medias invernais son relativamente baixas (5,7° C), mentres que as estivais non son demasiado altas (16,7° C). Os invernos son fríos, con frecuentes xeadas por efecto da altitude e o relativo afastamento do mar. As precipitacións son abundantes, 1.365 mm de media anual, aínda que o efecto pantalla das serras da Dorsal Occidental Galega (ao N a serra da Cova da Serpe e ao S os montes do Corno do Boi e, fóra do territorio municipal, a serra do Careón) fronte aos ventos húmidos atlánticos impiden unha maior abundancia de chuvias. O inverno é a estación na que se recolle o maior volume de precipitacións fronte ao menor volume do verán, aínda que non se pode falar con propiedade de aridez estival. Xeomorfoloxicamente Friol forma parte da meseta luguesa que, cunha altitude de entre 450 m e 500 m, descende paulatinamente dende a Dorsal Occidental Galega. No seu sector occidental, no límite co concello de Sobrado, érguese o extremo meridional da serra da Cova da Serpe, que lle proporciona un relevo máis accidentado, aínda que os cumios son moi suaves, cunha altitude máxima de 838 m no Monte Cova, no límite da parroquia de Anafreita coas de Grixalba (Sobrado) e As Negradas (Guitiriz). Cara ao S, como prolongación da Cova da Serpe, aparecen os montes do Corno do Boi, que delimitan a fronteira cos concellos de Sobrado e Toques; neles destaca o Pico Campelo, de 803 m de altitude, entre as parroquias de Roade (Sobrado) e Silvela. Pola meseta discorren os ríos Narla e Parga, tributarios do Miño, que artellan a rede fluvial do municipio. Carballos, castiñeiros e bidueiros constitúen a vexetación climática, aínda que en moitas propiedades foron substituídas por plantacións de piñeiro. A partir dos 500 m de altitude predomina a matogueira (urce, toxo, xesta).
Xeografía humana
A evolución demográfica experimentada polo concello de Friol no s XX significou que a súa poboación quedara reducida case á metade da que había no s XIX. En 1900 as parroquias do concello de Friol sumaban 8.865 h, feito que representa que ata 1996 este municipio tivo un crecemento negativo do -44,6%. Ata 1940 a poboación creceu moderadamente (20,3%). Nesa data acadouse o máximo número de censados, 10.667 h. Durante este primeiro período a intensa emigración non conseguiu contrarrestar o moi elevado crecemento vexetativo. Non obstante , a partir de 1940 principiou un proceso de despoboamento que reduciu a menos da metade a poboación que tivo naquel momento de máximo demográfico. A principal responsable deste decrecemento foi a emigración cara ás principais áreas industriais de Galicia e España, especialmente Madrid, Barcelona, Asturias ou Bilbao. Como resultado desta evolución tan negativa, o concello de Friol presenta un grao de avellentamento moi elevado, pois o 36,5 súa poboación é maior de 65 anos, mentres que tan só o 10,8menor de 20 anos; o grupo intermedio representa o 52,7% A distribución da poboación por sexos é equilibrada (50,4% de mulleres fronte ao 49,6% de homes), malia que o forte avellentamento da poboación debería inclinala a prol das mulleres, estatisticamente máis lonxevas: sen embargo, a grande emigración que se produciu no colectivo feminino, especialmente cara a Lugo, equilibrou esa tendencia. O crecemento natural (2006) é negativo (-11,1‰) froito dunha baixa natalidade (1,9‰) e unha elevada mortalidade (13‰).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Friol é do 40,9% (52,4% a masculina e 29,5% a feminina); a taxa de ocupación é do 36,9% (47,2% a masculina e 26,8% a feminina) e a taxa de paro é do 9,7% (9,9% a masculina e 9,4% a feminina). A base económica do concello son as actividades agropecuarias. O sector primario é o máis importante no municipio en termos de emprego, pois proporciona traballo ao 44,9% da poboación ocupada. A gandería bovina orientada á produción láctea é a actividade máis importante dentro do sector primario e, xa que logo, da economía municipal. Conta cunha gran proporción da súa superficie agraria útil dedicada a cultivos pratenses (30,5%) que constitúen a principal fonte de pasto para o seu armentío vacún. Friol destaca polo seu gran número de cabezas de gando bovino (13.102, 1999). A elaboración de queixos é unha actividade moi importante no concello; Tamén hai granxas de cría de aves, ovellas e coellos. Polo que respecta ao tecido empresarial do sector, en relación coa gandería vacúa constituíronse varias cooperativas dedicadas á venda de vacas e becerras, entre as que destacan FRICOAGA, San Mamede e Granjas Pardal. Ademais da gandería, Friol conta cunha importante explotación madeireira tirada das plantacións de piñeiros do occidente do concello. O sector secundario ocupa ao 21,2% dos traballadores, repartidos entre o 9,6% da industria e o 11,6% da construción. Existen varias empresas mineiras dedicadas á extracción de granitos e cuarcitas. Polo demais, a industria é escasa, con empresas moi pequenas; a maior parte da poboación ocupada nela (8,5% do total) desenvolve a súa actividade laboral en postos de traballo radicados fóra do concello, sobre todo en Lugo, Rábade e Outeiro de Rei. O sector terciario dá traballo ao 33,7% da poboación ocupada. O emprego público é a rama máis destacada entre os activos terciarios, empregados principalmente nas dependencias das distintas administracións na cidade de Lugo. O comercio e os transportes son outras actividades destacables dentro do terciario. A vila de Friol concentra a maioría dos servicios do concello, aínda que a dependencia funcional respecto á cidade de Lugo é moi acusada. Os servicios concéntranse na capital municipal: centro de saúde, escola de educación primaria, instalacións deportivas, club fluvial e varias entidades financeiras. Friol comunícase con Lugo a través da estrada local LU-232; con Palas de Rei pola LU-231; e con Sobrado pola LU-233.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos achados pertencen ao megalitismo, entre outras, as mámoas de Carballo, de Xiá, de Albeiros, de Espiñeira e de Pico de Montes, onde foron encontrados restos cerámicos, machados de pedra e pedras redondas de lousa, e os túmulos de Gándara. De época castrexa destacan os castros de Friol, Seoane, Narla e Trasmonte, o molde bivalvo para a fabricación de machados de ferro de dobre argola e o sarcófago da igrexa de Trasmonte. De época romana conservouse un miliario (s III) e unha ara votiva. En época visigoda foi creado o condado de Narla e durante o medievo as terras do concello estiveron controladas polos condes de Narla, a casa de Parga, a casa de Ulloa, o bispo de Lugo, o arcebispo de Santiago e os monxes dos mosteiros de Sobrado e Toques. No s XIX sucedéronse os enfrontamentos entre carlistas e liberais. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Friol pertenceron a varias xurisdicións da antiga provincia de Lugo: O Pacio e Vilafiz á xurisdición de Lugo, señorío do bispo desa sé; Guldriz e Seoane da Pregación á de Augas Santas, do conde de Monterrei; Santalla de Devesa, Friol, Ousá, Prado e San Cibrao da Pregación á de Friol; Lamas e Lea á de Lamas e San Xurxo; a parroquia de Miraz constituía a xurisdición homónima; San Martiño de Condes, Guimarei, Madelos, Ramelle e Xiá á de San Paio de Narla; Carlín e Narla á de San Pedro de Narla; Anafreita e Nodar á de Nodar, señorío do conde de Amarante; Seixón á xurisdición de reguengo de Parga de San Bréxome; Anxeriz á de Rosende; Carballo, Rocha, Roimil e Silvela á da Terra da Orde, administrada polo Real Consello de Ordes; Cotá, Serén e Vilalvite á de Torredez; Bra e Trasmonte á de Trasmonte. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio, que se concretou na creación dos concellos de Anxeriz, Friol, Narla, Terra da Orde e Torredez. Anxeriz e Narla pertenceron ao partido xudicial de Vilalba; Friol e Torredez ao de Lugo; e Terra da Orde ao de Melide. En 1822, estes concellos adscribíronse á nova provincia de Lugo, o que significou que o concello da Terra da Orde pasase ao partido da Ulloa. A derrogación da Constitución asinada polo Rei Fernando VIII en novembro de 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835. Daquela as paroquias que integran o actual concello de Friol repartíanse entre os concellos de Lugo, Narla, Parga e Guitiriz, San Paio de Narla, San Pedro de Friol, Terra da Orde e Torredez. Todos estes concellos fusionáronse en 1840 no de Friol.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, no eido da arquitectura relixiosa destacan, entre outras, as igrexas románicas de Anafreita e de Narla, a gótica tardía de Guimarei (ss XV-XVI), a de Devesa (s XVIII) e as capelas de Carballo e Narla. Da arquitectura defensiva sobresae o castelo fortaleza de San Paio de Narla (Xiá), declarado BIC en 1994 e sede desde 1983 da sección de etnografía, artes e costumes populares do Museo Provincial de Lugo; o castelo torre de Miraz (s XV), declarada BIC en 1994; e os restos da fortaleza de Friol (s XII). Dentro da arquitectura civil destacan, entre outros, os pazos de Remesil e de Trasmonte e as casas de Castronela (Xiá), Freixido (Xiá) e Cerracín (Vilalvite). No eido da arquitectura popular destacan os campos da feira de Guimarei de Arriba (Guldriz) e de Abaixo en Friol e o muíño de Serén. Do seu patrimonio natural destaca o espazo do Parga-Ladra-Támoga, declarado Lugar de Importancia Comunitaria, dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que teñen lugar salientan a Pascua e as festas de Santa Isabel en Friol, os Milagres en Trasmonte e a romaría de San Bieito en Carballo, ademais da Feira do Queixo e do Pan de Ousá en marzo.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Lugo |
| Extensión | 292 Km2 |
| Poboación Total | 4504 h |
| Poboación Homes | 2234 h |
| Poboación Mulleres | 227 h |
| Densidade de poboación | 15.42 h/Km2 |