Fronda, Revoltas da

Fronda, Revoltas da

Nome que reciben as rebelións que tiveron lugar en Francia durante a rexencia de Ana de Austria contra o goberno do cardeal G. Mazzarino (1648-1653). As rebelións dividíronse en dúas etapas: a Fronda do Parlamento (1648-1649) e a Fronda dos Príncipes (1649-1653). A aprobación do edicto de rescate, polo que se suspendía o salario dos parlamentarios durante catro anos, provocou a revolta do Parlamento de París, que reivindicou o seu dereito a controlar a coroa e que posteriormente foi secundado por outros parlamentos provinciais. En xuño o Parlamento de Bordeos publicou a Déclaration des Vingt-Sept Articles, na que reclamou a supresión dos intendentes e a aprobación nos parlamentos de todo novo imposto. O goberno, trala vitoria das tropas francesas en Lens (20.8.1648), recuperou o poder e foi detido o principal instigador da revolta o conselleiro Broussel. París cubriuse de barricadas e tras dous días de loita este foi liberado e a corte obrigada a retirarse en Saint-Germaine. En marzo de 1649 os exércitos da rexente liderados polo IV príncipe de Condé asediaron a cidade e as milicias aceptaron a Paz de Rueil, na que se aseguraba a submisión dos insurrectos a cambio da amnistía. A finais de 1649 e ante a negativa da rexente a destituír o cardeal G. Mazzarino, o príncipe de Condé conspirou xunto con outros príncipes e, en medio da revolta campesiña provocada pola fame, producíronse varias secesións provinciais e París foi ocupado. Non obstante , as divisións entre nobres e os diversos estamentos da revolta provocaron a ocupación da capital polas forzas do mariscal de Turène. A finais de 1652, Luís XIV entrou na capital e pouco despois G. Mazzarino abandonou Francia. Ademais de ser un fracaso tiveron graves consecuencias económicas para Francia e permitiron o desenvolvemento do absolutismo durante o reinado de Luís XIV.

Palabras veciñas

Frómista | Frómista, San Martín de | Fromm, Erich | Fronda, Revoltas da | fronde | Frondizi, Arturo | Frondizi, Risieri