Fujian ou Fu-chien
Sheng do SL da China, na rexión do Leste, que limita ao N con Zhejiana, ao O con Jiangxi, ao S con Guangdong e ao L co estreito de Taiwán (120.000 km2; 32.990.000 h [estim 1999]). A súa capital é Fuzhou. O territorio é montañoso, con escasas chairas na costa e nos vales. A cordilleira de Wuyi Shan forma o límite con Jianaxi, e a de Yentang sepáraa de Zhejiang. O clima é subtropical no L e temperado, e incluso frío no inverno, no O. A poboación concéntrase, en densidades moi altas, na franxa costeira. Ademais de Fuzhou e Xiamen, outras cidades importantes son Jian’ou, centro da área produtora de té, e Zhangzhou. Nos vales obtéñense dúas colleitas anuais de arroz. Son importantes os seus recursos forestais de piñeiros e abetos. Os recursos mineiros, aínda non ben explotados, tamén son variados. O desenvolvemento económico viuse favorecido a partir de 1955 coa instalación das liñas ferroviarias.